Lorenzo Varela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lorenzo Varela
Datos persoais
Nacemento 10 de agosto de 1916
Lugar A Habana
Falecemento 25 de novembro de 1978 (62 anos)
Lugar Madrid
Actividade
Lingua Galego, castelán
Xéneros Poesía

Xesús Lorenzo Varela Vázquez, nado na Habana o 10 de agosto de 1916 e finado en Madrid o 25 de novembro de 1978, foi un escritor e poeta galego que viviu a meirande parte da súa vida no exilio. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 2005.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Naceu no barco La Navarre cando seus pais estaban entrando no porto da capital cubana, o que sería un agoiro perfecto do seu futuro. Os seus pais, José Ramón e Perpetua, volveron logo ao seu Monterroso natal e alí transcorreu a infancia de Lorenzo Varela. Mais a comezos dos anos vinte volveron todos a emigrar, desta volta a Buenos Aires, onde cursou os estudos primarios e talvez un primeiro curso de bacharelato. A familia instalouse de novo en Lugo en 1931, onde o alcumaban "o arxentino" polo seu acento porteño. En Lugo estudou o bacharelato, participou na fundación da Federación de Mocedades Galeguistas e afiliouse a un grupo trostkista, Izquierda Comunista. Iniciou unha relación sentimental con Julita Álvarez e amizades permanentes con Ánxel Fole e Ramón Piñeiro.

En 1934 marcha a Madrid para estudar Filosofía e Letras. Alí entra en contacto co grupo PAN (Poetas Andantes y Navegantes), dirixido por Otero Espasandín, en cuxa revista publica os seus primeiros textos, recensións de obras de Álvaro Cunqueiro e Tomás Meabe. Incorpórase ás Misións Pedagóxicas, asiste ós faladoiros que presiden os irmáns Eduardo e Rafael Dieste e coñece a Federico García Lorca, Luis Cernuda, Pablo Neruda e Miguel Hernández. Traballa como crítico literario no prestixioso xornal El Sol.

Guerra Civil[editar | editar a fonte]

Após o Alzamento Nacional, intégrase no Quinto Rexemento de Milicias Populares, e colabora activamente na Alianza de Intelectuales Antifascistas en labores de axitación e propaganda. Publica os primeiros poemas na revista El mono azul, que axuda a fundar, e escribe crónicas de guerra no xornal Ahora e na revista Hora de España. En 1937, tres dos seus poemas aparecen na escolla Poetas en la España leal, xunto a Antonio Machado, Luis Cernuda, Rafael Alberti ou León Felipe. No mesmo ano participa no Segundo Congreso Internacional de Intelectuales Antifascistas, en Valencia, onde están presentes, entre outros, Pablo Neruda, Nicolás Guillén, Ernest Hemingway, César Vallejo, Raúl González Tuñón, Octavio Paz, André Malraux e Louis Aragón. Participou nas batallas de Madrid, Guadalajara, Brunete, Teruel e Ebro e afíliase ao PCE. Decidiu ficar en Madrid para defendelo cando xa o goberno republicano marchara para Valencia, con responsabilidades de mando frecuentemente ligadas ás Brigadas Internacionais; na batalla do Ebro foi comisario político da 46 división do Quinto Corpo do Exército de Enrique Líster.

Exilio[editar | editar a fonte]

Trala Guerra Civil exíliase a Francia, a onde pasa en febreiro de 1939. Alí intérnano en campos de concentración, se ben consegue saír grazas á presión de intelectuais franceses. O 23 de maio de 1939 embarca no Sinaia, en compañía doutros 1589 republicanos españois, cara México, onde botará tres anos. Octavio Paz (a quen xa coñecía) búscalles un posto a el e a Antonio Sánchez Barbudo (quen o acollera) na revista Taller que dirixía. Nela publica tres poemas agrupados baixo o rubro de El héroe, unha tradución de Baudelaire e varias recensións de libros, entre elas un ensaio sobre a poesía de Rafael Alberti. Funda a revista Romance, na que colaboran os exiliados españois. En setembro de 1940 a editora, Ediapsa, expulsa aos redactores logo dun conflito con eles.

A mediados de 1941 embárcase cara a Buenos Aires, logo dunha breve estadía en Cuba. Alí espérano o seu pai, Rafael Dieste, Otero Espasandín, Arturo Cuadrado e Luis Seoane. Este último propón a publicación do seu primeiro poemario, Torres de amor á editorial Emecé e como lla negan vaise con Cuadrado e funda a Editorial Nova. Torres de amor publícase o 5 de decembro de 1942 con limiar de Rafael Dieste e ilustracións de Luis Seoane.

Lorenzo Varela, que frecuentaba o faladoiro do café Tortoni, funda e dirixe a revista De Mar a Mar (só sete números). Nela publica Duelo en tres cantos por la muerte de Miguel Hernández. Da nova revista, Correo Literario publícanse 40 números entre novembro de 1943 e setembro de 1945 e nela aparecen varios poemas, ensaios, notas críticas e reportaxes seus. Nesta revista comezan a publicar Julio Cortázar e Ernesto Sabato.

As primeiras producións de Lorenzo Varela en galego son Catro poemas pra catro grabados, no álbum María Pita e tres retratos medievais de Luis Seoane en 1944; os poemas foron musicados polo compositor Julilán Bautista, que estreou en Ámsterdam. Antes escribira o poema "Éramos tres irmáns", que aparece no ano seguinte.

Cando en 1946 Perón gaña as eleccións, Lorenzo Varela, que militaba no Partido Comunista Argentino e que daquela dirixía a revista Cabalgata, foxe ao Uruguai coa escritora Estela Canto, antiga noiva e musa de Borges. Os Estados Unidos prohíbenlle a entrada pola súa militancia comunista e en 1952 volta á Arxentina, pero sen Estela, coa que rachara. En Buenos Aires frecuenta o faladoiro de Marika Gerstein, unha culta anticuaria de orixe xudeu, con quen casaría en 1960.

En 1954 publica o poemario Lonxe, no que cada un dos dez poemas leva unha ilustración de Luis Seoane. En 1960, cando traballaba como crítico de arte do xornal La Razón, conseguiu un permiso de seis meses para visitar España, pero a visita foi moi curta e só se sabe que Valentín Paz Andrade lle ofreceu traballo na revista Industrias Pesqueras, que visitou o Museo do Prado e probabelmente Monterroso. Continuou na Arxentina contribuíndo en numerosas publicacións e na radio e adquirindo un prestixio intelectual que era ignorado en Galiza.

Lorenzo Varela volveu do exilio en 1976, un home desfeito: non publicou nin reeditou nada. Morreu en Madrid o 25 de novembro de 1978 e foi soterrado nunha tumba anónima no cemiterio da Almudena. Tres anos despois, os seus restos foron trasladados ao cemiterio de Fufín, en Monterroso.

Obra[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]