Afonso XI de Castela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Afonso XI nunha ilustración das Crónicas de Froissart, c.1410

Afonso XI de Borgoña, o Xusticeiro, nado en Salamanca o 13 de agosto de 1311 e finado en Xibraltar o 26 de marzo de 1350, foi rei de Castela, Galicia, León e Toledo entre outros reinos, ademais de ser bisneto de Afonso X o Sabio.

Ó morrer, era Rei de Castela, León, Toledo, Galicia, Sevilla, Córdoba, Murcia, Jaén, o Algarve, Alxeciras, e Señor de Molina.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Fernando IV o Emprazado e de Constanza de Portugal, e neto de dona María de Molina, que exerceu a rexencia durante a súa minoría de idade. Subiu ó trono de Castela cun ano de idade. A maioría de idade alcanzouna con 15 anos, en 1326.

Estatua de Afonso XI en Alxeciras.

Ó morrer o seu pai en 1312, apareceron multitude de disputas entre varios aspirantes ó trono, resoltas en 1313 co acordo de Palazuelos. A súa avoa dona María de Molina, dona Constanza e os infantes don Juan e don Pedro, formaron rexencia. Ó morrer dona Constanza e tras unha campaña militar fronte o reino de Granada en 1319, onde pereceron os infantes, dona María quedou como única rexente. Ó morrer en 1321 os infantes don Filipe, don Juan Manuel e don Juan el Tuerto, dividíronse o reino mentres era saqueado polos mouros e nobres levantinos. Afonso, unha vez maior de idade, asumiu o trono, conseguindo durante o seu reinado o fortalecemento do poder real, a resolución dos problemas do estreito de Xibraltar e a conquista de Alxeciras.

Durante o seu reinado conseguiu levar os límites cristiáns ata o estreito de Xibraltar trala importante vitoria na batalla do Salado en 1340 e a conquista do Reino de Alxeciras en 1344. Unha vez resolto dito conflito, puxo tódolos seus esforzos na reconquista, loitando contra o rei mouro de Granada.

Don Alfonso de la Cerda, en 1331, rendeu unha homenaxe ó rei Afonso para deixar resoltas as súas pretensións ó trono castelán e leonés. En 1332 soubo apagar, coa axuda dos seus súbditos, a revolta que contra el fixeron don Juan Manuel e Afonso VI de Portugal. Ditos acontecementos fixéronlle descoidar a reconquista, perdendo Xibraltar.

Tanto Afonso como Abul-Hasan mandaron un importante continxente navieiro ó estreito, xa que sabían perfectamente a importancia de dita xeografía nas súas pretensións de conquista. Afonso obtivo a axuda da Coroa de Aragón, e o musulmán do Reino de Xénova. Trala derrota da escuadra castelá, ó mando de Alonso Jofre Tenorio en 1340 obtiveron unha serie de conquistas: primeiro na Batalla do Salado o mesmo ano, a conquista de Alcalá la Real en 1341, a batalla do río Palmones, e finalmente a toma de Alxeciras en 1344.

Ó rematar a Guerra dos cen anos Afonso aliouse con Francia e conseguiu firmar unha tregua cos musulmáns de Granada. Unha vez terminada dita tregua, puxo sitio a Xibaltrar.

Faleceu no sitio de Xibraltar vítima da peste, sendo así o único monarca de toda a Europa afectada en morrer vítima da enfermidade. O seu cadáver foi levado a Xerez da Fronteira, onde foi embalsamado, e soterraron os seus intestinos na real capela do alcázar. O seu corpo foi posteriormente levado a Sevilla, onde permaneceu ata que en 1729 foi trasladado á Igrexa de San Hipólito de Córdoba, fundada por el mesmo en 1343 en conmemoración da Batalla do Salado.

Foi alcumado "O Xusticeiro" pola enerxía que tivo que exercer para manter controlada á nobreza xa desde que se fixo cargo do poder, sen importarlle en moitos casos para conseguir ese sometemento recorrer ó axustizamento dos nobres ou mesmo ós asasinatos e emboscadas, como ocorreu con don Juan el Tuerto, na Cidade de Toro.

Atribúeselle unha cantiga de amor dirixida a Leonor Núñez de Guzmán.

Tras un primeiro matrimonio non consumado, e posteriormente anulado, con Constanza Manuel, filla do Infante don Juan Manuel, contraeu matrimonio en 1328 coa súa curmá-irmá María de Portugal (1313 - 1357), filla de Afonso IV o Bravo, coa que tivo dous fillos:

  • Fernando (1332), morto antes de cumprir un ano, e
  • Pedro o Cruel (1334 - 1369), futuro rei de Castela co nome de Pedro I.

A partir de 1329 tivo dez fillos con Leonor Núñez de Guzmán (1310 - 1351) (tataraneta de Afonso IX de León):


Afonso XI de Castela
Nacemento: 13 de agosto 1311 Falecemento: 26 de marzo 1350


Títulos Reais
Precedido por
Fernando IV


Rei de Castela, Toledo, León, Galiza,
Sevilla, Murcia, Córdoba e Xaén

1311-1350
Sucedido  por
Pedro I
Precedido por
Abd-al-Malik


Rei de Alxeciras
1344-1350