Miro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Miro
Nacementoséculo VI
Falecemento583
NacionalidadeReino de Galicia
Ocupaciónmonarca
PaiTeodomiro
FillosEborico
editar datos en Wikidata ]

Miro (quen gobernou entre 570 e 583) foi un célebre rei suevo do reino de Galicia[1][2][3], tamén coñecido como Mirón. Gobernou a Gallaecia manténdoa independente da expansión da Hispania ariana do rei visigodo Leovixildo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Miro e Martiño de Dumio, nun manuscrito de Martiño do ano 1145 De virtutibus quattuor (Federzeichnung lm Co. 791, fol. 109v), gardado na Österreichische Nationalbibliothek.

O seu mestre foi Martiño de Dumio, quen lle dedicou varios tratados (Como levar unha vida honesta,[4] Rexeitamento da xactancia, Sobre a soberbia, Exhortación á humildade) co fin de inculcarlle o sentido da xustiza, a sinxeleza e a piedade, consonte a unha ética entre estoica e cristiá. Trátase dunha anticipación pioneira da educación do príncipe cristiá.

O seu nome, latinizado, rachaba coa tradición da onomástica sueva puramente xermánica. Isto revela a plena integración na sociedade galaico-romana acadada polas elites suevas a través da monarquía.

Seguiu a estela do seu antecesor Teodomiro en múltiples aspectos dando forma definitiva a obra por el comezada en canto á organización administrativa, territorial e de goberno do Reino Suevo.

Segundo Concilio de Braga[editar | editar a fonte]

Convocou o Segundo Concilio de Braga no ano 572, que presidiu San Martiño Dumiense nese momento xa bispo da cidade. Nel aparecen, ademais dos galaicos, bispos da Lusitania como o de Coímbra e tamén o bispo de Astorga, cidade que tras a batalla do Órbigo, sábese que caera en mans dos visigodos. Isto pon de manifesto o seu carácter de protector da Igrexa a imitación modesta do cesaropapismo bizantino. Participaron en total 12 prelados, onde se encontran nomes claramente xermánicos. Entre os acordos enfatízase a obriga de atender ás parroquias, ponse couto á cobiza dos cregos e redúcense e controlan os ingresos dos bispos. Os bispados eran canle, apoio e base para a gobernación do reino.

No seu reinado prodúcese tamén a incorporación á vida política e social do país dos inmigrantes bretóns; o seu bispo Maeloc, aparece participando no devandito concilio.

Parece, á luz de determinadas crónicas, que tiña a súa corte en Ourense.[Cómpre referencia]

Mantivo contactos diplomáticos co reino franco de Gontrán; sábese do envío de embaixadores interceptados por aliados dos visigodos en Aquitania e do recibimento en Ourense a Florentino, representante do mordomo de Palacio merovinxio do rei Childeberto I. Mesmo hai indicios de estar casado cunha princesa merovinxia (o seu nome, Sisiguntis, ten resoancias francas).

Tentou estreitar os vencellos co Imperio Bizantino que dominaba a actual costa andaluza e levantina da Hispania. A súa finalidade era impedir o renacemento ariano e a expansión da hispania visigoda que supuña un grave perigo para a estabilidade do seu reino e para a súa integridade territorial. Nese momento, Leovixildo tiña un aberto un conflito violento co seu propio fillo San Hermenexildo fiel, coa súa esposa Ingunta e a influencia de San Leandro, ao cristianismo de obediencia romana consonte a fe do Concilio de Nicea.

Coñécense moedas acuñadas na súa época e durante o seu reinado ergueuse o mosteiro de San Pedro de Rocas, no actual concello de Esgos.[5]

Campañas[editar | editar a fonte]

Mapa político do Suroeste europeo arredor entre os anos 550-600 d.C onde se reflicten tres diferentes territorios, a Galicia (Gallaecia), gobernada polos reis suevos, e a España (Hispania) e Septimania gobernada polos reis visigodos.

Para achegarse aos seus aliados francos, Miro lanzou unha ofensiva buscando abrir un camiño alén de Cantabria.

A crónica de Xoán Biclarense di que baixo o sexto ano do emperador Xustino II e o cuarto de Leovixildo, é dicir, no 572, Miro Suevorum rex bellum contra Runcones movet ("Miro, rei dos suevos, moveuse [para facer] a guerra contra os runcóns"). A Historia Suevorum de Isidoro de Sevilla sinala que "o rei suevo Miro, fillo de Teodomiro, no ano 572, atacou e fixo vasalos aos arragóns e aos runcóns".

Pero tivo que volver ante a reacción de Leovixildo que buscou interceptalo[6]. Pretendeu fortalecer relacións cos francos e bizantinos: sábese do envío de embaixadores ó rei franco Gontrán, rei dos burgundios. Estes enviados foron interceptados por Khilperico I, rei franco de Neustria, aliado do rei visigodo Leovixildo.

Leovixildo chegou ás portas da Galicia actual onde se atopou coa resistencia dun caudillo suevo-galaico a quen fixo prisioneiro. O seu nome era Aspidio e semella que gobernaba nunha área que se pode identificar coa actual Seabria ou ben co Bierzo. A afamada cabalaría visigoda moi forte nas chairas, non se internou nas montañas galaicas e retornou a Toledo (getes quo pergit equo, escribiría Santo Isidoro de Sevilla).

No 580 tomou partido na guerra civil visigoda entre Leovixildo (ariano) e o seu fillo Hermenexildo (católico), dando apoio a este último.

Pese ás tensións e liortas con Leovixildo, Miro non abandonou a súa política senón que novamente acudiu en axuda de Hermenexildo, que se fixera forte en Hispalis (Sevilla) agardando a axuda bizantina. Miro acudiu co seu exército no seu apoio e acampou nas proximidades da cidade. O suborno de Leovixildo neutralizou a axuda bizantina a Hermenexildo e Miro. Sen efectivos suficientes Miro retornou co exército a Galicia, agardando unha previsible resposta militar dos visigodos. Pola súa banda, Hermenexildo foi condenado a morte, rematando así a guerra civil visigoda, o desgaste dun guerra interna visigoda obrigou a Leovixildo a pospoñer unha intervención militar contra Miro que nunca se chegou a levar a cabo.

Falecemento[editar | editar a fonte]

Miro morreu ao pouco de volver a Galicia desta expedición aqueixado dun mal provocado polas malas augas e aires de España[7]. Sucedeuno no trono o seu fillo Eborico.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. de Tours, Gregorio. Historia Francorum V. p. 41. Mirus rex Galliciensis", "Mironis Galliciensis regis 
  2. ., Fredegarius. Chrónicon III. p. 116. Mironis regis Galliciae 
  3. "Martinus_Braccarensis". www.monumenta.ch. Consultado o 2020-10-23. Formula honestae vitae ad Mironem Regem Galliciae. 
  4. Martiño de Dumio (2023). Manuel Gago Mariño, ed. Como levar unha vida honesta. Consellos de Martiño de Dumio a Miro, rei de Galicia. Consello da Cultura Galega. 
  5. "Os reis de Galiza". O noso patrimonio. Consultado o 11 de xuño do 2016. 
  6. "Miro". Henry Wace e William C. Piercy, edd. A Dictionary of Christian Biography and Literature. Londres: John Murray, 1911.
  7. de Tours, Gregorio (581-584). Liber Historiae Francorum. Libro VI - Cap 43. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Os reis e as raíñas da Galiza.
Miro, Eborico e Audeca. Os derradeiros reis suevos da Gallaecia de 570 a 585.
(Nós Diario, 08.09.2022)

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • López Carreira, A; Fernández Calo, T. Os reis de Galicia. A Nosa Terra. Vigo, 2003. ISBN 84-96203-27-1.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Miro
Descoñecida
Nacemento:  ? Falecemento: 583


Títulos Reais
Precedido por
Teodomiro


Rei de Galicia
570–583
Sucedido  por
Eborico