Valladolid
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Valladolid (homónimos).
| Valladolid | |
|---|---|
| Situación xeográfica | |
| Estado: | España |
| {{{división 1}}}: | {{{nome división 1}}} |
| Xeografía | |
| Altitude: | 698 msnm |
| Superficie: | 197,5 km² |
| Poboación | |
| Poboación total: | 319.943 hab. (2006) |
| Densidade de poboación: | 1.616,61 hab./km² |
| Xentilicio: | vallisoletano, pucelano (informal) |
| Información | |
| Código postal: | 47001 - 47016 |
| Alcalde: | Francisco Javier León de la Riva |
| Sitio na web: | http://www.ava.es |
Valladolid é unha cidade española situada no centro da Comunidade Autónoma de Castela e León, na confluencia dos ríos Pisuerga e Esgueva. É a capital da provincia de Valladolid e de Castela e León, asimesmo foi sede da corte castelá e posteriormente, entre 1601 e 1606, capital do Imperio Español. Actualmente é a decimoterceira cidade máis grande de España.
Índice |
[editar] Xeografía
Valladolid está situada no centro da Submeseta septentrional, cunha altura media de 698 m, e hidrograficamente encóntrase emprazada na cunca do Douro. O relevo vallisoletano está conformado por unha chaira, interrompida por pequenas series de outeiros, como o Cerro de San Cristóbal, a poucos quilómetros da capital. As coordenadas da cidade son 41°38′ N e 4°43′ O.
[editar] Hidrografía
Valladolid áchase na confluencia do río Pisuerga e o Esgueva, que xunto co Canal de Castela e máis o Canal do Douro completan a rede hidrográfica da cidade.
O Pisuerga ofrece na actualidade diversas opcións de ocio e cultura. A embarcación La Leyenda del Pisuerga permite admirar e gozar da natureza sen se mover do centro da capital. Trátase dun barco de 25 metros de eslora e 6 de calado. A súa saída realízase desde a Estación de Embarque (Parque de las Moreras) río abaixo ata a localidade de Arroyo de la Encomienda, poidendo, durante a navegación, observar de perto a flora e a fauna da cunca do Pisuerga.
Ademais, Valladolid dispón dunha praia fluvial artificial, a Playa de las Moreras, que permite tomar o sol en pleno centro e incluso darse un baño no propio Pisuerga.
[editar] Demografía
Posuía unha poboación de 319.943 habitantes (INE, 2006).
Nos últimos anos a cidade de Valladolid perdeu poboación en favor da súa área periurbana, onde proliferan novas zonas residenciais. Esta área metropolitana conta con 400.110 habitantes, sendo a 19ª de España en poboación. O encarecimento da vivenda na capital, a falla dunha política adecuada de planeamento urbano e, o acrecentamento dos problemas asociados ao tráfico rodado, provocaron cambios residenciais de carácter centrífugo:
| Evolución da poboación de: Valladolid desde 1991 ata 2006 | |||||
| 1991 | 1996 | 2001 | 2004 | 2005 | 2006 |
| 330.700 | 319.805 | 316.580 | 321.713 | 321.001 | 319.943 |
[editar] Clima
O clima de Valladolid é de tipo mediterráneo continental. O vello proverbio castelán "Nueve meses de invierno y tres de infierno", descrebeo con perfección. As temperaturas son frescas, cunha media anual de 12,3°C; nos invernos son frecuentes as xeadas (61 dias de xelo/ano, como media) e as nevadas, aínda que as nevadas fortes sexan raras, por mor da situación xeográfica da cidade. Os veráns son en xeral cálidos e secos, con temperaturas máximas de arredor de 30°C, mais con mínimas frescas de abondo. Os récords de temperaturas sont 48,2°C , rexistrada o 15 de agosto de 2003, e -11,5°C o 14 de febreiro de 1983. No observatorio de Villanubla as temperaturas son aínda máis baixas. As precipitacións, bastante raras, converten a zona de Valladolid na máis árida Meseta Norte, pero distribúense de xeito abondo regular ao longo do ano, sendo os meses máis secos marzo e os estivais. A media anual de insolación é de 2.534 horas, con 71 días de chuvia.
| 1971-2000 | xan | feb | marz | abr | mai | xuñ | xull | agost | set | out | nov | dec | TOTAL |
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Temp. máxima (°C) | 8,3 | 11,4 | 15,0 | 16,3 | 20,5 | 25,9 | 30,4 | 29,8 | 25,7 | 18,8 | 12,6 | 8,8 | 18,6 |
| Temp. mínima (°C) | 0,0 | 0,9 | 2,3 | 4,0 | 7,2 | 10,7 | 13,3 | 13,6 | 10,9 | 6,9 | 2,9 | 1,3 | 6,2 |
| Precipitacións (mm) | 40 | 32 | 23 | 44 | 47 | 33 | 16 | 18 | 31 | 42 | 51 | 56 | 435 |
[editar] Historia
[editar] Idade Media
No século XI, durante a repoboación da Meseta Norte, o rei de León Afonso VI, encomendou ao conde de Saldaña e Carrión, Pedro Ansúrez, o seu poboamento. Ata que Afonso VI outorga o señorío da mesma a Pedro Ansúrez, en 1072, non se produce o medramento da cidade. Ansúrez fixo construír un pazo para él e a súa esposa, Eylo, que non se conserva. Tamén edificou a Colexiata de Santa María (que lle conferíu rango de vila) e a igrexa de Santa María la Antigua. En 1208 Alfonso VIII faina cidade cortesana.
Logo da morte temperá de Henrique I de Castela e a abdicación de súa mai, Fernando III o Santo obtén, en 1217, o reino de Castela, en acto realizado na praza maior de Valladolid. Durante os séculos XII e XIII, Valladolid sufríu un rápido crecemento, favorecido polos privilexios comerciais outorgados polos monarcas Afonso VIII e Afonso X o Sabio. Dona María de Molina, raíña e rexente de Castela durante 30 anos, arredor do 1300, estabelece alí a súa residencia, engrandecéndoa notabelmente. En 1346 o papa Clemente VI outorga a bula que permite a creación da Universidade.
Durante estes séculos, a cidade foi, ocasionalmente, residencia real e sede das Cortes.
O 19 de outubro de 1469 Isabel de Castela e Fernando de Aragón (que sería Fernando II de Aragón) celebran matrimonio, en segredo, no Palacio dos Vivero (sito no actual emprazamento da Chancelaría).
on 1489 estabelécese definitivamente o tribunal da Chancelaría de Valladolid e, en 1500, o da Inquisición, dando lugar á celebración de Autos de Fe.
[editar] Idade Moderna
En 1506 falece en Valladolid Cristobo Colón, sendo aquí enterrado, no mosteiro de San Francisco.
Durante un tempo, a cidade perde os seus privilexios, retirados polo rei Carlos I, en represalia pola adhesión de Valladolid ao levantamento dos Comuneros, que se lle opuxeran. Máis tarde, porén, Valladolid convirteuse nunha das capitais do Imperio español de Carlos, cobrando grande importancia política, xudiciaria e financeira.
O 21 de maio de 1527 naceu o futuro Filipe II no Pazo Pimentel. En 1561 a cidade foi arrasada por un vasto incendio, tras o cal Filipe II comprometeuse a reconstruír a cidade, dotándoa da primeira Praza Maior regular de España (modelo de outras máis coñecidas, como a de Madrid, de 1617, ou Salamanca, de 1729). A súa decisión de fixar a corte real en Madrid, no só deixou unha catedral a meio construír, senón que supuxo unha época de decadencia, da que a cidade no comezou a recobrar ata o século XIX. O 10 de xaneiro de 1601, a instancias do valido de Filipe III, o Duque de Lerma, foi trasladada novamente a corte a Valladolid, mais voltouse mudar o 6 de abril de 1606. Entretanto, naceu o príncipe Filipe (8 de abril de 1605), futuro Filipe IV e súa irmá, Ana de Austria, futura raíña de Franza e mai de Luís XIV. Neste curto periodo de sede real, Cervantes publicou a súa primeira edición do Quixote (pero en Madrid), en 1604, mentres vivía aquí; tamén residiron en Valladoid, nestes anos, Quevedo e Góngora.
[editar] Século XIX
O 31 de maio de 1808 foi o dous de maio. A insurrección desperta a preocupación do marechal de Bessières. Como consecuencia, prepárase a batalla de Cabezón, que se producirá o 12 de xullo, con a derrota absoluta e retirada en desbandada do exército dirixido por García de la Cuesta, reunido en condicións precarias.
A cidade foi finalmente liberada polo exército mandado por Wellington en xullo de 1812.
A chegada do ferrocarril a Valladolid, supuxo un grande impulso, marcando a dirección de crecemento da cidade.
Durante este século a urbe non medra notabelmente, pero a súa estrutura interna mudo, abríndose novas rúas, prazas e xardíns, como o de Poniente, refórmase o Campo Grande, encáuzase e desvíase o río Esgueva, o que supón a fin das cheas na cidade.
O 22 de octubre de 1887 foi inaugurada a iluminación eléctrica pública en Valladolid.
[editar] Século XX
A poboación recibíu a instauración da Segunda República en 1931. O 4 de marzo de 1934, a fusión de Falanxe Española (o partido de José Antonio Primo de Rivera) e as JONS (de Onésimo Redondo) levouse a cabo nun acto celebrado no Teatro Calderón da cidade. Despois da sublevación do 18 de xullo de 1936, Valladolid quedou en mans dos militares rebeldes, bando no que permanecerá ata o final da guerra en 1939. Durante a guerra a cidade foi bombardeada pola aviación republicana o 19 de xaneiro de 1938. Dous días máis tarde, os franquistas responderon con un violento raid sobre Barcelona, que produciu 150 mortos e 500 feridos entre a poboación civil.
Logo da postración dos primeiros anos da postguerra, desde os anos 50, Valladolid experimenta un importante cambio debido á instalación de industrias automobilísticas (como FASA - Renault) e de outros sectores (Endasa, Nicas).
[editar] Educación
Valladolid conta con dúas universidades:
- Universidade de Valladolid, fundada no século XII, é unha das máis antigas de España e de grande prestixio. É unha universidade pública que apresenta distintas facultades e campus, repartidos pola cidade. Ademais dispón de campus en outras 3 provincias de Castela e León: Palencia, Soria e Segovia.
Os seus máis de 30.000 alumnos repártense en 25 centros, atendidos por máis de 2.000 profesores e 1.000 "PAS" (Personal de Administrazón e Servizos).
Ofrece, ademais dos 25 centros, dunha serie de edificios administrativos, como por exemplo o Palacio de Santa Cruz. onde se ubica o rectorado ou a Casa do Estudante, onde están o resto de servizos administrativos. O CTI (Centro de Tecnologías de la Información) albérgase no edificio da Residencia Universitaria Alfonso VIII, ao lado da Facultade de Ciencias.
- Universidade Europea Miguel de Cervantes, é unha universidade privada de recente creación.
Na actualidade ofrece 11 titulacións que se imparten en catro facultades:
- Facultade de Ciencias Humanas e da Información
- Facultade de Ciencias Xurídicas e Económicas
- Facultade de Ciencias da Saúde
- Escola Politécnica Superior
[editar] Patrimonio
[editar] Museos
- O Museo Nacional de Escultura, de relevancia internacional, está en plena ampliación (proceso que inclúe a restauración do histórico Colexio de San Gregorio, a Casa del Sol, a igrexa de San Benito el Viejo e o Palacio de Villena, este último xa aberto). Entre outros tesouros contén o Retábulo de San Benito el Real de Valladolid, obra magna realizada por Alonso Berruguete á súa volta de Italia.
- No interior da Catedral de Nosa Señora da Asunción, proxectada por Juan de Herrera, pero que foi continuada por outros arquitectos como Alberto Churriguera, e aínda inacabada, ubícase o Museo Diocesano e Catedralicio de Valladolid, inaugurado en 1965. A iniciativa é debida ao entón Arcebispo de Valladolid, José García Goldáraz, que seleccionou esculturas, pinturas, ourivesaría, marfíns, ornamentos e outras obras procedentes na súa maioría do tesouro catedralicio e de parroquias extintas da Diocese.
- No Museo Arqueolóxico de Valladolid (praza de Fabio Nelli) atópanse varias seccións: de arqueoloxía provincial (que alberga mosaicos romanos encontrados na cidade), de belas artes (século XIII a XIX) e de historia da cidade. Existe un proxecto de reforma e ampliación do museo.
- Museo da Ciencia,
- Museo Oriental, sito no Convento dos Agostiños Filipinos, edificio de estilo neoclásico, é obra de Ventura Rodríguez. Iniciado en 1759, terminouse en 1930 con a benzón do templo. O Museo Oriental foi fundado en 1908.Recolle unha extraordinaria colección de arte chinés e filipino desde o século II a.C. ao século XIX. Constitúe unha das máis grandes coleccións de arte oriental que poden ser admiradas en Europa, e sen dúbida, a máis completa de España. Esta grande colección de arte ubícase nesta cidade debido a dúas razóns, Valladolid era a sede central dos Agostiños Filipinos de España, e a segunda, que ao tempo era onde se formaban os futuros misioneiros; por ambos dous motivos traíanse moitos materiais orientais.
- Museo Fundación Cristóbal Gabarrón ofrece a posibilidade de coñecer de primeira man a traxectoria do artista que lle da nome a través dunha coidada selección retrospectiva: a Colección Gabarrón.
- MAVA –Museo de arte de vanguardia-. Responde á decisión de crear en Valladolid un fondo de arte contemporánea internacional. representativo das diversas tendencias artísticas das últimas décadas.
- O Museo Patio Herreriano de Arte Contemporánea Española, referencia importante na difusión da arte contemporánea, desde a súa fundación e inauguración polos Reis en xuño de 2002.
- O Museo de San Xoaquín e Santa Ana, no que se poden contemplar varias obras de Goya, un Cristo xacente de Gregorio Fernández, e unha importante colección de tecidos e roupas realizadas pola comunidade cisterciense desde o ano 1767.
- Museo Anatómico de Pío del Río Ortega. Nel poden admirarse pezas de anatomía humana naturais e artificiais, esqueletos de cránios de animais, así como instrumentos e aparellos relacionados con a medicina.
- Museo de Ciencias Naturais. Conta con 5.102 pezas distribuidas por unhas quince salas, conformadas con criterios esencialmente científicos e pedagóxicos. Hai coleccións de Ciencias Naturais, Botánica, Zooloxía e Xeoloxía.
- Museo da Academia de Cabalaría. Creado a partir de 1976, mercé a iniciativa de varios profesores da Academia. Exhíbense pinturas, como o impresionante cadro da Batalla de Treviño, debido a Víctor Morelli, ou o retrato ecuestre de Alfonso XIII, pintado por Román Novarro. Tamén podemos contemplar armas brancas e de fogo, pinturas, miniaturas militares, uniformes, monturas, etc.
- MUVA-Museo da Universidade de Valladolid. A colección permanente mostra múltiples obxectos relacionados con a Historia da Universidade vallisoletana e co seu rico patrimonio móbel e documentar, tales como códices, instrumental oftalmológico e anatómico, monetarios romanos e outras valiosas mostras arqueolóxicas, obxetos relixiosos, bulas e autorizacións para a impartición de estudos superiores, etc., e máis unha mostra da pinacoteca da Universidade de Valladolid.
- IOBA-Museo de Oftalmoloxía Doctor Saracíbar. O museo de Oftalmología do IOBA (Instituto Universitario de Oftalmología Aplicada) da Universidade de Valladolid foi creado en 1995 e leva o nome do Dr. José María Saracíbar, oftalmólogo vallisoletano que doou grande parte do material exposto. Reúne materiais diversos de Oftalmoloxía desde fins do séculoo XIX.
- Museo de Santa Isabel. Expón diversas obras de arte, destacando dous lenzos de Diego Valentín Díaz, a Inmaculada de Felipe Gil de Mena e máis pinturas de mediados do século XVII.
[editar] Casas Museo
Pódense visitar 3 casas museo:
- A Casa-Museo de Cervantes. Está sita no edificio que ocupou o escritor durante a súa estada en Valladolid, entre os anos 1604 e 1606, que coincidíu con a publicazón da primera edizón de El Quijote, en 1605. No seu interior tentouse recrear o ambiente que poido respirar o escritor nunha casa discretamente decorada, consonte as posibilidades dun fidalgo español do século XVII.
- A casa de Zorrilla. Ubícase na casa natal do poeta nacido o 21 de febreiro de 1817, e onde transcorreu a súa primeira infancia; así como a súa estadía esporádica noutras etapas da súa vida, como a que coincide co seu regreso de México en 1866.
- A Casa-Museo de Colón. Está situada na Calle de Colón, e foi erguida en 1968, en lembranza do Almirante da Mar Océana, para albergar un museo dedicado na súa memoria.
[editar] Lugares emblemáticos
- Igrexa de Santa María La Antigua
- Igrexa de San Benito
- Igrexa de San Pablo
- Antigo Colexio de Teoloxía de San Gregorio
- Praza Maior
- Catedral
- Teatro Calderón
- Edificio Histórico da Universidad
- Palacio de Santa Cruz
- Palacio Real
- Igrexa Penitencial de Nosa Señora das Angustias
- Igrexa Penitencial de Nosa Señora da Vera Cruz
- Palacio de Villena
- Palacio do Conde de Gondomar (Casa do Sol)
- Igrexa de San Benito el Viejo
- Calle Duque de la Victoria
- Real Chancelaría de Valladolid
[editar] Acontecementos culturais e festivos
- Anualmente celébrase a SEMINCI ou Semana Internacional de Cine de Valladolid, a finais de outubro, considerado o segundo festival de cine máis importante de España, tras o de San Sebastián.
- Festas Patronais de San Pedro Regalado, conmemórase en plena primavera -13 de maio-, sendo o evento taurino a principal atracción.
- Feira e Festas de Nosa Señora de San Lourenzo, é o acontecemento festivo máis importante e popular.
- Semana do Renacemento, durante o mes de maio celébrase na Praza Maior un mercado renacentista, con a recreación de sabores, odores e personalidades do Valladolid do século XVI. Estes días represéntase polas rúas A Ruta do Herexe, popularizada despois da publicación da novela de Miguel Delibes, mentres os restaurantes ofrecen menús resgatados do século XVI e actualizados por restauradores vallisoletanos
- Semama Santa. Neses días, se non chove, as dezanove cofradías vallisoletanas desfilan polo casco histórico da cidade. A historia da Semana Santa en Valladolid remonta ao 16 de marzo de 1948, aínda que anteriormente houbo procesións no interior dos conventos, onde naceron as cofradías máis antigas. A calidade da tallas fixo que a Semana Santa vallisoletana fose declarada de Interese Turístico Internacional. Pódense nesas xornadas admirar tallas de Juan de Juni, Gregorio Fernández, Pedro de Ávila ou Andrés de Solanes.