Reino de Sevilla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O reino de Sevilla foi unha xurisdición territorial da Coroa de Castela desde a súa incorporación no século XIII até a División territorial de España en 1833. Foi un dos catro reinos de Andalucía. Estendíase aproximadamente polo territorio das actuais provincias de Huelva, Sevilla e Cádiz e a depresión de Antequera, englobando ademais algúns municipios na actual provincia estremeña de Badaxoz. As localidades que o compuñan segundo o Catastro de Ensenada poden verse na lista de localidades do Reino de Sevilla.

Desde o punto de vista xurisdiccional o territorio do reino de Xaén era tanto reguengo como señorial, existindo nel señoríos tanto laicos como eclesiásticos. Entre os primeiros atopábanse os territorios da Casa de Medina-Sidonia, a Casa de Arcos, a Casa de Alcalá, a Casa de Osuna, a Casa de Olivares, a Casa de Sanlúcar la Mayor, do Marquesado de Estepa, do Marquesado de Gibraleón e do Marquesado de Ayamonte, ademais doutros moitos de menor importancia. Entre os segundos había propiedades do Arcebispado de Sevilla, a Orde de San Xoán e o Mosteiro de San Isidoro del Campo.

No século XVIII en territorios do reino de Sevilla fundáronse algunhas das Novas Poboacións de Andalucía e Serra Morena.

O Real Decreto de 30 de novembro de 1833 creou a Provincia de Sevilla, que se formou unindo localidades do reino homónimo, excepto as que pasaron a formar parte da Provincia de Cádiz e da Provincia de Huelva. Así mesmo, a nova provincia de Sevilla incorporou Guadalcanal, que até entón pertencía a Estremadura, e perdío as poboacións do Bodonal, Fregenal de la Sierra e Higuera la Real, que pasaron a formar parte da provincia de Badaxoz, en Estremadura. Actualmente a provincia está composta polos municipios que poden verse na lista de concellos da provincia de Sevilla:.