Reino Suevo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Historia de Galicia
Prehistoria
O megalitismo
Idade do Bronce
Idade do Ferro
Cultura castrexa
Idade Antiga
Galaicos
Romanización
Cultura galaico-romana
Cristianización
Antigüidade tardía
Monarquía sueva
Chegada dos bretóns
Monarquía visigoda
Idade Media
Período alto-medieval
Era Compostelá
Período feudal
Idade Moderna
Antigo Réxime
A Ilustración galega
Idade Contempóranea
A Restauración borbónica
Segunda República
Guerra Civil Española
Ditadura franquista
Período autonómico
Véxase tamén
Historia da lingua galega
Reino de Galicia
Galicia
Cronoloxía do reino de Galicia

O Reino Suevo configúrase como a estrutura política máis antiga das actuais rexións da Galiza e o norte e centro de Portugal. despois da caída do Imperio Romano. É o primeiro estado medieval[1], e o primeiro en separarse do Imperio Romano e cuñar moeda.

Os suevos eran un pobo xermánico que tería entrado no noroeste da Península Ibérica en 409 ou 410 nunha vaga migratoria ou guerreira, mais con pouca poboación (entre vinte mil e trinta e cinco mil persoas). Tomaron control do territorio rapidamente mais, debido ao seu número reducido, non modificaron grandemente a estrutura nin a cultura en que se asentaron.

O Cronicón de Hidacio é unha das fontes que máis datos nos fornecen sobre a estadía deste pobo no noroeste penínsular e posúe gran valor por tratarse dunha fonte contemporánea aos feitos sinalados.

O sistema monetario Galaico-Suevo foi o primeiro en emanciparse do Imperio Romano.

A Igrexa galega transformouse nunha institución política do Reino e formalizouse a distribución interior demográfica de Galiza en parroquias[2], erixidas en boa parte sobre asentamentos prerromanos[3].

Historia[editar | editar a fonte]

tumb

Os suevos, procedentes do interior de Europa concentráronse á súa chegada á Península Ibérica entre o Douro e o Miño, na zona de influencia de Braga. Os demais pobos invasores, canda os suevos repartíronse o territorio: os vándalos silingos ocuparon a Bética, os suevos a zona occidental da Gallaecia e os vándalos asdingos ocuparon a parte leste da Gallaecia. Os suevos nomearon rei a Hermerico (409-438) e estableceron o seu reino no citado territorio. É posible que Hermerico asinara un foedus con Roma no 410 ou 411, mais a distribución dos pobos bárbaros verase alterada por mor da intervención dos visigodos, entre os anos 418 e 421, que axudaron ó emperador Honorio a botar fóra ós vándalos silingos e mailos alanos. No ano 420 os vándalos asdingos, con Gunderico á cabeza, atacan ós suevos, o que provoca unha nova intervención romana en axuda ós suevos[4]. Os vándalos bátense en retirada cara o sur, deixando o sitio para os suevos, que terán, agora si, un reino que abranga toda a antiga provincia romana da Gallaecia.

Durante todo o século V os enfrontamentos entre os suevos e a aristocracia galaico-romana foron habituais. Debido á súa enfermidade, Hermerico abdicou no ano 438 en favor do seu fillo Requila (438-448), quen emprendeu unha política expansiva que fixo que os suevos se consolidasen no norte da Lusitania. Oficializou a capital do reino en Braga, e espallou o reino cara ao sur, conquistando Mérida, a capital da Lusitania, no ano 439 e chegando a tomar Sevilla no ano 441. A Requila sucedeuno Requiario (448-456), primeiro rei suevo nado en territorio galaico, que adoptou o catolicismo no 449. No ano 456 tivo lugar a batalla do río Órbigo, que enfrontou a suevos e visigodos, os cales loitaban contra o expansionismo suevo. Os visigodos derrotaron os suevos, o que tivo como consecuencia o asasinato de Requiario e o saqueo de Braga polos visigodos.

Sunierico iniciou a conquista de Hispania cun exército romano-visigodo por orde do emperador Maioriano

Trala derrota fronte aos visigodos, o reino suevo dividiuse en dous e gobernáronno simultaneamente Frantán e Aguiulfo. Ámbolos dous fixérono dende 456 ata 457, ano no que Maldras (457-459) reunificou o reino, para acabar sendo asasinado tras unha conspiración romano-visigoda que finalmente fracasou. A pesar de que a conspiración non conseguiu os seus auténticos propósitos, o reino suevo viuse novamente dividido entre dous reis, Frumario (459-463) e Remismundo (fillo de Maldras) (459-469) que reunificou novamente o reino do seu pai no 463 e que se viu obrigado a adoptar o arrianismo no 465 debido á influencia visigoda.

Trala morte de Remismundo entrouse nunha época escura, que durou ata 550, ano no que desaparecen practicamente todos os textos escritos. O único que se sabe desta época é que moi probabelmente Teodemundo gobernou a Suevia.

A época escura rematou co reinado de Carriarico (550-559) que se converteu novamente ao catolicismo no 550. Sucedeuno Teodomiro (559-570) (non se confunda con Teodomiro, duque ]dux] do século VIII, gobernador de provincia visigoda de Aurariola).[5] durante o reinado do cal tivo lugar o Primeiro Concilio de Braga (561). Durante esta época, entre os nativos galaicos e os suevos desaparecerían as diferenzas, este feito tería por resultado que os autores coetáneos se refiran ao reino nese momento como Galliciense Regnum[6], e aos reis indistintamente como Regem Galliciae[7], Rege Suevorum ou Galleciae totius provinciae rex[8].

Mironis Galliciensis regis "Miro, rei de Galicia"[9]
Mirus rex Galliciensis legatos ad Guntchramnum regem dirixit."Miro rei de Galicia enviou delegados ao rei Guntchramn"[10]

Brilla nesta época o labor de Martiño de Dumio, recoñecido coma episcopi Gallaecia[11], impulsor dos devanditos concilios, da ordenación do territorio (Parrochiale suevum) e da difusión do cristianismo fronte as crenzas pagás de raíz prerromana (De correctione rusticorum). Desempeñou funcións de auténtico chanceler do rei Teodomiro.

Miro (570-583) foi o seu sucesor. Durante o seu reinado celebrouse o Segundo Concilio de Braga (572). Aproximadamente no 577 iniciouse a guerra civil visigoda, na que interveu Miro en axuda de Hermenexildo, o fillo rebelde do rei Leovixildo, e ademais pretendeu fortalecer relacións con francos e bizantinos. Isto supuxo serias liortas cos visigodos. No 583 Miro organizou unha expedición fracasada de conquista a Sevilla. Durante a volta desta expedición o rei atopou a morte. No reino suevo comezaron a producirse moitas liortas internas. Eborico (tamén chamado Eurico) (583-584) foi destronado por Andeca (584-585), que fallou no seu intento por evitar a invasión visigoda dirixida por Leovixildo, que se fará efectiva finalmente no 585. Aínda así xurdiu un pretendente suevo ó trono, descendente do rei Miro, chamado Malarico. Este rematou derrotado no 586 por Leovixildo, rematando así toda resistencia sueva.

Organización política e administrativa[editar | editar a fonte]

Reino de Galicia Suevos.png

Os invasores suevos suplantan as estruturas de poder romanas, e cabe deducir que non farían modificacións importantes, aproveitándose delas. A principal característica da organización sueva é a súa formación como reino, en cuxo fronte está un rei que se sucede de xeito hereditario, contrariamente á tradición xermánica.

As relacións entre o poder suevo e a poboación galaicorromana varía segundo a época e segundo o lugar. Hidacio di que a invasión xermánica foi respostada fortemente, tanto nas cidades como nos aínda habitados castros. Pese ó que nos di Hidacio semella que a reacción maioritaria foi a de aceptación dos invasores. Pode que a aristocracia tivera unha primeira reacción de rexeitamento, aínda que coa caída do Imperio romano, ou mesmo antes, manteñen colaboración (agás casos illados, despois da morte de Requiario, como o asasinato do reitor de Lugo no 460). É no século VI cando esta colaboración é evidente, coa participación de aristócratas en campañas militares suevas.

A relación coa plebe suponse que foi máis irta que coa aristocracia, á que máis ca nada lle interesaba mante-la súa posición. Pola súa banda a Igrexa mantivo unha posición receptora, ocupándose máis dos seus asuntos internos, como a enorme influencia do priscilianismo en terras galaicas. Os suevos, pola súa parte, non interviron nos asuntos relixiosos. Cabe destacar que os bispos recibirán poder civil, preservando así a influencia do mundo romano ante a presenza sueva. Moita importancia ten a redacción do Parrochiale suevum, datado na segunda metade do século VI e onde se reflicte a organización administrativa e eclesiástica do Reino suevo da Gallaecia, contendo unha relación de 134 parroquias agrupadas en trece dioceses (ademais menciónase a diocese Britoniarum, que tamén aparece mencionada canda ó seu bispo Mailoc no Segundo Concilio de Braga[12]). O manuscrito indica ademais a existencia de pagus (distritos) especificamente suevos.

Fontes[editar | editar a fonte]

Moeda de prata pertencente ao rei suevo Requiario (448–55). No reverso apreciase o motivo dunha cruz latina inscrita nunha coroa de loureiro.

Carecemos de documentos do reino propiamente ditos, diplomas, como na maior parte dos estados xermánicos desta época. Temos varias fontes cronísticas coetaneas. A fundamental é O Cronicón de Idacio onde os suevos ocupan un papel central e malia á visión moi negativa do autor informa de varias circunstancias históricas deles de primeira man. Na Historia de Orosio, tamén do século V, conta un pouco menos xa que pretende ser unha historia do mundo pero relata cousas da contorna galega do autor. Xa do século VI contamos con varias obras de tipo cronístico (Xoán de Biclaro e Isidoro de Sevilla), literario (san Martiño, Gregorio de Tours, Venancio Fortunato) e mesmo as actas (ou semellante) dos tres concilios suevos. Son especialmente valiosas as actas do Primeiro Concilio de Braga e do Segundo Concilio de Braga (ambos presididos por San Martiño). Tamén é unha fonte excepcionalmente valiosa sobre a época o Parrochiale Suevum que é unha organización territorial do reino que debera facer parte das actas dun suposto concilio en Lugo. Outras fontes valiosas son as numismáticas. Nas moedas de Requiario aparece por primeira vez a cara dun rei xermánico no lugar onde ata o momento aparecía o emperador romano. E noutras a lenda gallica mvnita sinala que o reino era do territorio de Gallaecia superando os estreitos marcos étnicos propios das primeiras monarquías xermánicas.

Tamén nos falan do reino os xacementos arqueolóxicos. Apareceron necrópoles e outros xacementos que enlazan co baixo imperio romano e mostran a relevancia cultural e poboacional da época, tanto como a súa conexión ininterrompida coas fases inmendiatamente posteriores e anteriores.

Atribución posterior de emblema (século XVII)[editar | editar a fonte]

A mediados do século XVI, popularízase na península ibérica o que se coñece como "estatutos de limpeza de sangue", probas e demostracións xenealóxicas que toda aquela persoa que aspirara a un recoñecemento social debía pasar. Nelas, aqueles demandantes de título nobiliario ou que desexaran ingresar en institucións prestixiosas, debían proporcionar unha xenealoxía, a miúdo inventada ou manipulada, que probara estaren exentos de antepasados xudeus, mouriscos ou de desertores da fe cristiá. Tamén as familias fidalgas recorreron á xenealoxía para presentarse na corte como vellas liñaxes de honorable pasado. Todo isto levará a un aumento dos estudos xenealóxicos e vexiolóxicos no Antigo Réxime, formándose estes como unha disciplina necesaria que permitía o ascenso social a moitos burgueses e fidalgos. No caso das liñaxes galegas, —consideradas tradicionalmente como "limpos", como "cristiáns vellos"— estas pretenderon principalmente entroncar a súa orixe con supostos grandes fundadores gregos, romanos, suevos ou visigodos. Así a casa de Saavedra reclamaba como fundador ao emperador romano Calígula, os Sarmiento reclamaban a súa orixe nun suposto príncipe suevo chamado "Sardamiro", os Deza dicían descender dun nobre visigodo chamado "Severiano", os Soneira dun cavaleiro romano chamado Marco Marlines Capitolio e os Caamaño afirmaban descender dos propios troianos, entre outros.

Moeda de ouro sueva datada entre os anos 410 e 500.

Pero tamén cronistas, historiadores e vexioloxistas comezarán neste tempo a ser demandados para redactar documentos históricos e xenealóxios —ás veces reais, e as máis das veces fantásticos— polas administracións dos diferentes reinos para probar a súa antigüidade e prestixio, e aínda tamén pola mesmísima corte, co fin de redactar historias que ensalzaran a súa ascendencia e o seu suposto glorioso e cristián pasado. Un destes destacados xenealoxistas foi Rodrigo Méndez Silva, controvertido cronista da corte madrileña e redactor de entre outras obras da Catálogo real genealógico de España: ascendencias y descendencias de nuestros Catolicos Principes y Monarcas Supremos, na cal este autor, chegaba a afirmar que o primeiro rei de España fora Túbal, un dos fillos do bíblico Noé, o cal en palabras deste cronista tería reinado durante 155 anos, miles de anos antes de Cristo. Méndez Silva foi ademais o primeiro que puxo en circulación a fábula que atribuía aos reis suevos un estandarte formado por un dragón verde en campo de oro (ano 1645)[13]. Desde entón, serán varias e dispares as formas e armas que os diferentes xenealoxistas lles adxudicarán aos reis suevos; así, na Historia de Don Servando, déixase claro que as armas dos reis suevos foran treis jaqueraidas douro et rouxo no Campo de prata; e no meo outra faxinha Douro, mentres que para a Junta General del Reino de Galicia (1669) o estandarte dos reis suevos fora un Dragón verde y León rojo.

Malia a intención dos autores de establecer unhas vellas armas para Galicia, baseadas na monarquía sueva, tales armas heráldicas non aparecen en ningún dos documentos que se coñecen do período suevo nin tampouco en ningunha das centenares de moedas suevas conservadas ata o de agora, lugar —o adverso das moedas— que pola circulación representaba o primeiro e máis importante lugar onde a realeza plasmaba os seus símbolos. No lugar destas representacións descritas mil cen anos despois da fin da monarquía sueva, as moedas suevas amosan unha acuñación diferente (similar ao resto de moedas europeas do seu tempo); unha cruz —latina ou grega— central, rodeada dunha coroa de loureiro. Na actualidade, historiadores e vexioloxistas adicados á ciencia heráldica parecen estar de acordo en que as armas do reino de Galicia non naceron antes do século XIII, ao tempo que o resto da gran heráldica europea, na baixa Idade Media, sendo fidedigna testemuña o coñecido armorial "Segar´s Roll", o primeiro documento que amosa as armas que Galicia que aínda persisten ata a actualidade, cunha historia de mais de setecentos anos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Anselmo López Carreira, Martiño de Dumio. A creación dun reino, 1996, páx. 10.
  2. Anselmo López Carreira, O reino medieval de Galicia. A Nosa Terra, 2005, páxina 187
  3. Ramón Villares, Historia de Galicia. Galaxia, 2004, páxina 81
  4. Destaca a intervención do Comes Hispaniorum Asterius. The carrer of Comes Hispaniarum Asterius, Michael Kulikowski (en inglés).
  5. Posteriormente, coa dominación islámica, e mercé a un famoso e documentado Tratado asinado con Abd al-Aziz ibn Musa en abril de 713, gobernou a título de rei un territorio cristián visigodo autónomo dentro de Al-Ándalus, denominado ``kora de Tudmir``, territorio que abarcaba aproximadamente as actuais provincia de Alacant e a Rexión de Murcia, composto polas chamadas sete cidades que se citan no tratado, con capital en Orihuela.
  6. Historia Francorum. Gregorio de Tours.
  7. De scriptoribus ecclesiasticis. Sigebertus Gembalensis.
  8. RISCO, M., España Sagrada 40- 41.
  9. Historia dos Francos, Libro 6, capítulo 43. De Galliciensibus regibus. [1]
  10. Historia dos Francos, Libro 5, capítulo 41. De legatis Calliciensibus ac prodigiis. [2]
  11. Martini Episcopi Bracarensis Opera Omnia pp. 288-304.
  12. Texto do II concilio bracarense.
  13. Poblacion general de España: sus trofeos, blasones, y conquistas heroycas. Rodrigo Méndez Silva

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bernárdez Vilar, Xoán (2003). O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma. ISBN 84-95622-80-7.
  • Torres Rodríguez, Casimiro (1977). El Reino de los Suevos. ISBN 84-85319-11-7. (Colección Galicia histórica)

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]