Bohemia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bohemia na República Checa.
Bandeira bohemia.

Bohemia, (en checo: Čechy; en alemán: Böhmen) é unha rexión histórica de Europa Central, tendo a súa capital na cidade de Praga. Ocupa 52.750 km² e ten máis de seis millóns de habitantes. Forma parte da República Checa xunto ás rexións de Moravia e Silesia.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Limita ao norte con Polonia, ao sur con Austria, ao leste, con Moravia e Silesia, e ao oeste con Alemaña. É unha chaira rodeada de elevados sistemas montañosos, delimitada polas Montañas dos Xigantes, a Selva de Bohemia e os Montes Metalíferos, tamén coñecidos como Erzgebirge ou Krušné hory. Os principais cursos fluviais son o río Moldova e o río Elba e mailos seus afluentes, o río Vltava e o río Ohře.

Historia[editar | editar a fonte]

Escudo do Reino de Bohemia.

O topónimo de Bohemia deriva dos boios, un pobo celta que habitaba aquela zona cara ao século V a. C. Os boios foron expulsados pola tribo xermánica dos marcómanos cara ao século I. Entre os séculos V e VIII Bohemia foi ocupada polos eslavos e, máis tarde, polos ávaros.

Durante o século IX o cristianismo foi introducido na rexión, que daquela formaba parte da Gran Moravia. A primeira dinastía bohemia, a familia dos Přemyslidas, fíxose co poder no século X.

En 950 Bohemia foi obrigada a recoñecer a supremacía alemá, converténdose en parte do Sacro Imperio Romano. En 1212, por medio da Bula de Ouro de Sicilia, o emperador Federico II creou o Reino de Bohemia. O reino estivo rexido pola casa de Luxemburgo entre 1310 e 1437. Durante a última etapa deste período os husitas, grupo relixioso seguidor de Jan Hus, rebeláronse contra a Igrexa Católica, o que conlevou unha intervención internacional e un longo período de conflitos bélicos, as Guerras Husitas, que remataron en 1436 cun acordo entre os bohemios e a igrexa.

A maioría das cuestións políticas e relixiosas implicadas na loita ficaron sen solucionar, pero o movemento husita estimulou sentimentos pre-nacionalistas entre os bohemios, o que supuxo un freo á inicial tendencia cara á xermanización.

Entre 1471 e 1526 Bohemia foi gobernada por unha liñaxe de reis húngaros, período no que non houbo conflitos significativos malia que a situación relixiosa foi tensa. En 1526 Fernando I (da Casa de Habsburgo) foi elixido Rei de Hungría e Bohemia. Baixo o mandato desta dinastía, que se prolongou até 1918, a historia de Bohemia estivo vencellada á historia de Austria.

Durante a Reforma (1517-1648), os Habsburgo católicos reprimiron o crecente movemento protestante en Bohemia. A Primeira defenestración de Praga, no que os bohemios, furiosos, botaron a dous representantes dos Habsburgo pola ventá abaixo, foi a causa inmediata da guerra dos Trinta Anos (1618-1648).

A batalla da Montaña Blanca (1620) supuxo a restauración da monarquía dos Habsburgo, que viu seguida da implacable erradicación do protestantismo, a supresión dos privilexios nacionais e o uso obrigado do alemán como lingua oficial.

As reformas de Xosé II, que reinou entre 1765 e 1790, conlevaron un renacemento dos sentimentos nacionalistas en Bohemia. Despois de 1848, ano en que se sofocou unha rebelión nacionalista, a loita pola autonomía checa dentro do Imperio Austro-Húngaro continuou.

Coa caída do Imperio trala I Guerra Mundial, en 1918 Bohemia converteuse en provincia da recentemente creada Checoslovaquia.

En marzo de 1939, logo da ocupación militar de Checoslovaquia polas tropas de Adolf Hitler, creouse o protectorado de Bohemia e Moravia. Coa fin da II Guerra Mundial, volveuse integrar en Checoslovaquia. O 1 de xaneiro de 1993 pasou a formar parte da República Checa.

Economía[editar | editar a fonte]

As principais actividades económicas da rexión son a industria, a agricultura e a mineiría.

Os cultivos máis importantes son o millo, trigo, vide e lúpulo. En Bohemia creouse a cervexa de curta fermentación tal e como hoxe se coñece.

A industria, especialmente nos centros de Mladá Boleslav, Praga, Plzeň e Liberec, producen automóbiles (a empresa Skoda, incialmente dedicada á fabricación de armas, e pertencente na actualidade ao grupo alemán Volkswagen), ferro e aceiro, produtos químicos, maquinaria, téxtiles e comestibles.

Bohemia posúe importantes xacementos de carbón, grafito, ferro, prata e uranio.


 
Rexións históricas na actual República Checa
Flag of the Czech Republic.svg
CZ-cleneni-Cechy-wl.png CZ-cleneni-Morava-wl.png CZ-cleneni-Slezsko-wl.png
Bohemia Moravia Silesia
Flag of Bohemia.svg Flag of Moravia.svg Flag of Czech Silesia.svg