Holanda (rexión)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A antiga Holanda dentro dos actuais Países Baixos.

Holanda é unha rexión histórica no centro-oeste dos Países Baixos.

Ten unha superficie de 5.488 km2 e unha poboación de 6.065.459 habitantes (2006), que lle dá unha alta densidade de poboación, 1.105,22 hab/km2.

O termo Holanda utilízase a miúdo para o conxunto do reino dos Países Baixos, que é xeralmente aceptado en varios contextos, pero molesto para unha parte dos neerlandeses, especialmente nas outras provincias do reino.

Foi un condado do Sacro Imperio Romano Xermánico que, en 1477, pasou a formar parte das Dezasete Provincias dos Habsburgo (Países Baixos españois). Máis tarde sería o principal Estado da República das Sete Provincias Unidas dos Países Baixos (1581 - 1795).

Na actualidade a rexión está dividida en dúas provincias: Holanda do Norte (Noord-Holland) e Holanda do Sur (Zuid-Holland), creadas en 1840.

Historia[editar | editar a fonte]

Escudo do condado de Holanda.
Filipe III (Filipe II de España), derradeiro conde efectivo de Holanda.
Ámsterdan durante a idade de ouro holandesa.
Paisaxe típica de Holanda.

Até o século IX, os habitantes do territorio eran de procedencia frisona. A zona era parte de Frisia. A finais do século IX, Holanda converteuse nun condado do Sacro Imperio Romano Xermánico. O primeiro conde de Holanda que se coñece con certeza foi Teodorico I, que reinou desde 896 até 931. Foi sucedido por una longa lista de condes holandeses, que até o ano 1101 coñecéronse como condes de Frisia.

Cando o conde Xoán I morrreu sen descendencia en 1299, o condado foi herdado por Xoán II de Avesnes, conde de Hainaut. Na época de Guillerme V (da Casa de Wittelsbach, 1354–1388), o conde de Holanda tamén foi o conde de Hainaut e de Zelandia.

Máis tarde, diversos enfrontamentos armados tiveron lugar até que Jacqueline I, condesa de Hainaut, viuse obrigada a ceder todas as súa posesións, incluíndo Holanda, ao seu primo Filipe III de Borgoña, coñecido como Filipe o Bo, en 1432. Como consecuencia, Holanda converteuse en parte dos Países Baixos borgoñóns e, máis tarde, en 1477, pasou a formar parte das Dezasete Provincias dos Habsburgo (Países Baixos españois).

No século XVI, o condado converteuse na rexión europea máis densamente urbanizada, coa maioría da poboación vivindo nas grandes urbes. Nos Países Baixos españois, Holanda era a rexión dominante do norte; a influencia política de Holanda determinou en gran medida o dominio borgoñón sobre a zona.

O último conde de Holanda foi Filipe III, máis coñecido como Filipe II, rei de España. Foi deposto oficialmente en 1581 mediante a Acta de abxuración, pola que xurdíu a república das sete Provincias Unidas dos Países Baixos, aínda que os monarcas hispánicos conservaron a intitulación de "condes de Holanda" até a paz de Münster, asinada en 1648.

No século XVII, Holanda converteuse nunha potencia marítima e de gran desenvolvemento económico, que puxo baixo o seu control todas as Provincias Unidas e enfrontou con éxito á potente monarquía hispana, que aínda controlaba parte dos Países Baixos (as actuais Bélxica e Luxemburgo, ademais de algunhas cidades que foron, pouco a pouco, pasando ao reino de Francia). A provincia de Holanda era o centro cultural, político e económico das Provincias Unidas. As maiores cidades da República localizábanse en Holanda, tales como Amsterdam (a capital), Róterdam, Leiden, A Haia (a sede do goberno, os Estados Xerais), Utrecht, Delft, Middelburg e Haarlem.

Das grandes cidades portuarias de Holanda, mercaderes neerlandeses viaxaban de e para destinos en toda Europa, e os comerciantes europeos reuníanse para facer negocios nos almacéns de Ámsterdan e outras cidades holandesas. En consecuencia, moitos europeos oían falar máis de "Holanda" que da "República das Sete Provincias Unidas dos Países Baixos" (Republiek der Zeven Verenigde Nederlanden). Esta tradición continúa até hoxe.

Desta forma, aínda que isto sexa oficialmente incorrecto, a palabra "Holanda" (Holland) é frecuentemente usada tanto por falantes do neerlandés como por estranxeiros para denotar o conxunto dos Países Baixos, probabelmente porque "Os Países Baixos" (Nederland) é unha expresión máis longa.

Despois da Revolución francesa Holanda formou parte da República Bátava (1795-1806) e, desde 1806 a 1810) do napoleónico reino de Holanda, que abranguía o conxunto dos Países Baixos, coa excepción da provincia de Limburgo e partes da de Zelandia, que eran territorios franceses, e máis a Frisia oriental (actualmente en Alemaña).[1]

Tras o Congreso de Viena, Holanda formou parte, desde 1815 a 1830 e por un breve tempo en 1839, do Reino Unido dos Países Baixos. Desde 1840, coa separación de Bélxica e a formación do Gran Ducado de Luxemburgo, forma parte do reino dos Países Baixos.

División actual[editar | editar a fonte]

A área está hoxe dividida en dúas provincias: Holanda do Norte (Noord-Holland) e Holanda do Sur (Zuid-Holland), creadas en 1840.

Principais cidades[editar | editar a fonte]

Cidades de Holanda con máis de 100.000 habitantes (o 30 de novembro de 2011).[2]

Cidade Número de habitantes (coa área metropolitana) Provincia
1 Ámsterdan 789.427 (1.081.214) Flag North-Holland, Netherlands.svg Holanda do Norte
2 Róterdan 616.192 (1.009.387) Flag Zuid-Holland.svg Holanda do Sur
3 A Haia 501.174 (646.308) Flag Zuid-Holland.svg Holanda do Sur
4 Haarlem 151.831 (200.087) Flag North-Holland, Netherlands.svg Holanda do Norte
5 Zoetermeer 122.315 Flag Zuid-Holland.svg Holanda do Sur
6 Dordrecht 118.900 (237.319) Flag Zuid-Holland.svg Holanda do Sur
7 Leiden 118.701 (254.970) Flag Zuid-Holland.svg Holanda do Sur

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Holanda Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]