Sancho Ordóñez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monarcas de Galicia
Reis de Galiza2.jpg

Reis suevos

Reis visigodos

Señores territoriais

Reis desde Oviedo

Reis desde León

Reis de Galicia e León

Reino de Galicia

Sancho Ordóñez (895 - 929) foi rei de Galiza desde 926 até a súa morte. Fillo primoxénito de Ordoño II, casado coa princesa galega Goto, foi coroado trala morte de Froila II.

Acceso ao trono[editar | editar a fonte]

A morte de Froila II provocou un conflito bélico entre o fillo deste, Afonso Froilaz, e os fillos do seu irmán Ordoño II: Afonso Ordóñez (logo Afonso IV) e Ramiro Ordóñez (Ramiro II de León) capitaneados polo primoxénito Sancho Ordóñez.

Os principais magnates galegos estaban cos Ordóñez, debido ás vellas alianzas seladas polo vencello matrimonial. En efecto, a esposa de Sancho, Goto Muñiz e a de Ramiro II, Adosinda Guterrez, pertencían ás máis importantes familias galaicas con dominios dende o Cantábrico ata Coimbra. O bispado de Iria-Santiago era desafecto ao fillo de Froila, pois este negárase a recoñecer os seus dereitos históricos. Afonso Froilaz contaba co apoio de determinados oficiais asturianos e leoneses, acabou derrotado e refuxiado en Asturias, onde foi recoñecido como rei.

Sancho Ordóñez, vencedor da contenda, tivo que repartir os territorios cos seus irmáns. Afonso Ordóñez contaba co apoio de Sancho Garcés de Navarra e conseguiu coroarse o 12 de febreiro do 926 en León. Ramiro estableceuse en Viseu recoñecendo a soberanía do seu irmán maior Sancho e gobernando o territorio portucalense.

Sancho Ordóñez foi coroado no santuario de Santiago de Compostela ese mesmo mes, sobre o lugar apostólico (segundo el mesmo relata nun diploma) polo bispo de Iria-Santiago de Compostela Hermenexildo.

Relación política con Afonso IV de León[editar | editar a fonte]

Estabilizado o reparto, a documentación da época suxire un entendemento harmonioso co rei de León. Confirman xuntos algún documento, aparecendo Sancho en primeiro lugar. Ambos presidiron a asemblea de nobres e eclesiásticos que tivo lugar en Sarria para restaurar o mosteiro de Santa Maria de Loio. - in praesentia Principum Domini Santii et Domini Adefonsi, Domini Ordonii Principis proles -.

Existe unha fonte árabe, a do cordobés ar-Razi, que fala dunha contenda bélica entrambos que é a que provoca que Sancho sexa aclamado unanimemente polos seus leais en Galicia, onde se fai forte. Dende Sánchez-Albornoz a interpretación maioritaria defende que a crónica cordobesa semella confundir ao rei de León con Afonso Froilaz.

Goberno[editar | editar a fonte]

No seu goberno adivíñanse tres liñas de actuación:

  • Buscar a lexitimidade do seu goberno no apoio da Igrexa apostólica, tal como fixeran case todos os seus predecesores dende Afonso II O Casto. O 25 de agosto do 927 concedeu á Igrexa de Iria-Santiago de Compostela o lugar de Busto Vargano, na zona de Luaña. Máis tarde, o 21 de novembro confirma aqueles privilexios á mesma Igrexa que o seu antecesor Froila se negara a recoñecer.
  • Reconciliarse cos vellos traditores que rexeitaran a autoridade dos monarcas de Oviedo en Galicia. Así, restituíu ao magnate Oduario vilas e facendas nas bisbarras de Navia, de Lemos e onda o río Lor, que Afonso III o Magno arrebatara ao seu avó co gallo da rebeldía deste.

O modelo parece que funcionaba: o derradeiro documento que dá noticia de Sancho Ordóñez está datado no 10 de xuño do 929 e nel o nobre Ansuario doa ao universe urbe Gallecie princeps, as vilas de Benvivere e Marinotas, onda o monte Leboreiro.

Pervivencia[editar | editar a fonte]

Mediante aqueles tres piares mantivo a estabilidade do seu curto reinado; modelo que imitaría o seu irmán pequeno Ramiro II, gobernante na zona portucalense e que acabaría facéndose con todos os territorios da antiga Gallaecia, trala morte de Sancho, a quen sempre fora leal, e despois de derrotar a Afonso IV de León. A alianza coa nobreza galaico-portugesa e a lexitimidade do poder baixo a beizón do bispo de Iria-Santiago serán os factores integradores do seguinte período.

Aínda no ano 947, Ramiro II outorga unha escritura de doazón a prol da viúva de Sancho Ordóñez a quen segue a denominar Domine Gotho Regina.

Escudoreinogaliza.svg
Reino de Galiza

Segue a:
Afonso Froilaz
Sancho Ordóñez
Precede a:
Afonso IV
Astur-Leonesa


Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • López Carreira, Anselmo, Os reis de Galiza, Vigo 2003, ISBN 84-96203-27-1
  • Rodríguez Fernandez, Justiniano, Reyes de León, Burgos 1997 ISBN 84-9200446-8-1
  • VVAA, Reyes de León. Monarcas leoneses del 850 a 1230, León 1996 ISBN 84-8012-135-1
  • Rodríguez González, Angel, capítulo: De novo a independencia: Sancho Ordóñez, en Historia de Galicia, Barcelona, 1980 ISBN 84-390-0134-7
  • Pallares Méndez, Mª del Carmen; Portela Silva, Ermelindo, Da Galicia Antiga á Galicia Feudal, Tomo IV volume II da Gran Historia de Galicia, Coruña, 2007 ISBN 978-84-96931-08-4
  • López Ferreiro, Historia de la santa A.M. Iglesia de Santiago Tomo II, Santiago, 1899
  • Sáez Sánchez, Notas y documentos sobre Sancho Ordóñez, rey de Galicia en cuadernos de historia de España, 1947
  • Mattoso, José, História de Portugal antes de Portugal ISBN 972-33-0924-6