Martiño de Dumio
San Martiño de Dumio (*510-520–†579-580), tamén chamado San Martiño Dumiense, San Martiño de Dume ou San Martiño de Braga, naceu na Panonia, actual Hungría, no século VI. É tido como o apóstolo dos Suevos, responsable maior da súa conversión do arianismo ao catolicismo. Foi bispo de Dumio e Braga, e despois arcebispo de Braga.
Índice |
Vida [editar]
Tendo prohibido que se cantasem moitos dos hinos e cantos de carácter popular que estaban incluídos nas misas e noutras celebracións. Ao longo dos anos, a música litúrxica foi sendo fixada no Canto chan, pero o pobo, apoiado nun substrato musical moi antigo, apoderouse de algúns destes cánticos da Igrexa e popularizounos, dándolles a súa propia interpretación.
Para alén de batallador pola ortodoxia contra os arianos, foi tamén un fecundo escritor. Entre as principais obras, citamos: Escritos canónicos e litúrxicos. Destacouse tamén como tradutor (designadamente, dos Pensamentos dos padres exipcios).
Martiño de Dumio é tamén unha figura de capital importancia para a historia da cultura e lingua tanto galega como portuguesas; de facto, considerando indigno de bos cristians que se continuase a chamar os días da semana segundo os nomes latinos pagáns de Lunae dies, Martis dies, Mercurii dies, Jovis dies, Veneris dies, Saturni dies e Solis dies, foi o primeiro en usar a terminoloxía eclesiástica para os designar (Feria secunda, Feria tertia, Feria quarta, Feria quinta, Feria sexta, Sabbatum, Dominica Dies), de onde proveñen os nomes dos días actuais en lingua portuguesa e ainda presente nalgunhas falas galegas: (segunda-feira, terça/terceira/terza-feira, quarta/corta-feira, quinta-feira, sexta-feira, sábado e domingo), caso único entre as linguas neolatinas, dado ter sido a única en substituír enteiramente a terminoloxia pagá pola cristiá. Clara proba da forte acción desenvolvida por Martiño e seus sucesores na eliminación de formas pagás. Tentouno tamén cos nomes dos planetas, ámbito onde non logrou o mesmo éxito e por iso ainda hoxe os chamamos polos seus nomes clásicos e pagáns.
Morreu no día 20 de marzo de 579 e foi sepultado na Basílica de San Martiño de Dume. Para si mesmo compuxera o seguinte epitafio: Nacido na Panonia, atravesando bastos mares, impelido por sinais divinos para o seo da Galiza, sagrado bispo nesta túa igrexa, oh Martinho confesor, nela instituíu o culto e a celebración da misa. Téndote seguido, oh patrono, eu, o teu servo Martiño, igual en nome que non en mérito, repouso agora aquí na paz de Cristo.
Labor político [editar]
Chega a Galicia no ano 550, e foi o máximo impulsor do esplendor cultural e político do Reino Suevo. Moi próximo ao rei suevo Teodomiro, anímao ao goberno do reino apoiándose na xerarquía eclesial galaica e convérteo ó catolicismo, e con el a todo o seu pobo. Os concilios de Braga son a máxima expresión desa concepción do goberno, que busca a lexitimidade no apoio da Igrexa galaicoromana. Tratábase dunha actitude de reafirmación política fronte ao arrianismo do reino visigodo hispano.
Contribúe á vertebración do territorio a estrutura parroquial reflictida na súa obra Parochiale suevorum. A desconcentración de funcións combinada cunha estrutura xerárquica de poder que converxe nos bispados dá estabilidade e prosperidade ao conxunto do Galliciense Regnum.
Labor relixioso-cultural [editar]
Trae a Galicia a sabedoría cristiá oriental a través da tradución das Sentenzas dos Padres de Exipto. En De correctione rusticorum loita contra os costumes e crenzas supersticiosas de raíz prerromana ou céltica presentes entre os galaicos, e indirectamente pon en evidencia a pervivencia daquela dos cultos prerromanos de raíces prehistóricas.
Redactou breves Tratados dirixidos ao rei suevo Miro con títulos como: Fórmula da vida honesta; Rexeitamento da xactancia; Sobre a soberbia e Exhortación á Humildade. Tamén exerceu un liderado moral sobre os bispos do reino suevo escribindo un opúsculo sobre a xenreira destinado ao bispo Vitimiro de Ourense.
Organizou o monacato galego, ata entón de perfil eremítico propio do priscilianismo, que xa agromaba na Ribeira Sacra. Da súa época é o mosteiro de San Pedro de Rocas en Esgos, un mosteiro troglodita que pervive semiabandonado. Pretende transformar este primeiro ascetismo de orixe priscilianista nun monacato culto e conectado coa sociedade do seu tempo. O exemplo desta idea será o mosteiro que funda en Dumio, preto de Braga. A súa actividade deixou pegada en Mondoñedo e atribúeselle tamén a fundación do mosteiro do Couto, en Narón.
Probablemente sexa súa a introdución en Portugal, e en tempos tamén en Galicia, da denominación dos días da semana polo sistema cristián de feiras e non polos nomes das divindades romanas.
Pervivencia [editar]
O seu labor tivo continuidade no reino visigodo. Isidoro de Sevilla ou Gregorio de Tours, mestres de visigodos e francos respectivamente, así como os Concilios de Toledo, considerárono, xa daquela santo, doutor e pai da Igrexa. Cando o reis visigodos se converten ao cristianismo romano imitan o seu modelo.
Iconografía [editar]
Represéntase nun retablo de San Martiño Pinario cortando un piñeiro con ídolos pagáns, en alusión ó seu propósito de erradicar en Galicia o culto pagán ás árbores, ríos e pedras.
A festa deste San Martiño celébrase o 20 de marzo, porque en tal data (equinoccio de primavera) quería situa-lo aninovo.
Obras [editar]
- Pro Repellenda Iactantia (A favor de rexeitar a vanagloria)
- Item de superbia (Acerca da soberba)
- Exhortatio humilitatis (Exortación da humildade)
- Sententiae Patrum Aegyptiorum (Sentenzas dos Padres Exipcios)
- De ira (Da Ira)
- De correctione rusticorum (Da Corrección dos rústicos)
- Formula vitae honestae (Fórmula da vida honesta)
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Ferro Ruibal, X. (Dir.) et al. (1992): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo.