Crónica de Afonso III

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Crónica de Afonso III
Lingualatín medieval e lingua latina
Xénero(s)crónica real e crónica
editar datos en Wikidata ]

A Crónica de Afonso III é un documento histórico que se atribúe ao propio rei Afonso III, e que abarca un espazo de tempo que vai desde o reinado de Wamba até o final do reinado de Ordoño I. Existen dúas versións desta crónica, a Rotense e a Ovetense (Sebastiense, A Sebastián ou Erudita).

Historia e características[editar | editar a fonte]

Foi redactada en Oviedo arredor do 888, xa que se fala da toma de Viseu. O documento é moi posterior os feitos relatados e ten unha clara intencionalidade política: remontar no tempo a xenealoxía do rei até facela enlazar cos últimos reis visigodos (neogoticismo) para así lexitimar a súa autoridade fronte a do resto dos señoríos existentes no territorio galego. Estes dous feitos reducen moito o seu valor como instrumento historiográfico.

A crónica comeza coa morte de Rescesvinto e a elección de Wamba, e continúa cos reis godos até Witiza. Pinta a estes reis como cheos de pecados, razón esta da perdición do reino. Esta crónica foi fundamental no establecemento do mito da Batalla de Covadonga[1]:

No mesmo lugar morreron cento vinte e catro mil caldeos, e o sesenta e tres mil restantes subiron ao cume do monte Aseuva e polo lugar chamado Amuesa descenderon á Liébana. Pero nin estes escaparon á vinganza do Señor; cando atravesaban pola cima do monte que está a beira do río chamado Deva, xunto ao predio de Cosgaya, cumpriuse o xuízo do Señor: o monte, tronzando nos seus cimentos, botou ao río aos sesenta e tres mil caldeos e esmagounos a todos. Até hoxe, cando o río traspasa os límites da súa canle, mostra moitos sinais daquilo.[2]

Texto extraído da crónica:

22. No ano trixésimo do seu reinado entraron en Galicia dous exércitos de musulmáns; e á fronte deles estaban dous irmáns Alcureixíes, chamados Alabbas e Malik. Pero o un no lugar que se chama Narón, e o outro no río Anceo foron a un tempo derrotados até o exterminio. Polo demais, no seu tempo un home chamado Mahamud, cidadán de Mérida e muladí de berce, rebelouse contra o rei Abderramán, e dirixiu moitos ataques contra el e puxo en fuga aos seus exércitos. Cando xa non puido habitar naquela terra, dirixiuse ao rei Alfonso, e o rei acolleuno con honras. E el estivo a morar en Galicia durante sete anos con todo o seu séquito, e alí, encumbrado polo fasto da súa soberbia, conspirou vanamente en contra do rei e da patria. Reuniu aos seus camaradas, xuntou unha hoste, saqueou a terra. Cando o rei soubo de tal feito, reuniu o seu exército e correu a Galicia. Unha vez que o devandito Mahamud ouviu da chegada do rei, refuxiouse cos seus camaradas nun castelo moi forte. O rei perségueo, e el queda rodeado no castelo polo exército. Para que moitas palabras? O mesmo día establecen combate e matan ao devandito Mahamud; levan a súa cabeza cortada a presenza do rei. Ao momento rompen as formacións, entran no castelo; a máis de 50.000 sarracenos que viñeran con el desde as provincias de España dánlles morte. E o rei, en gran triunfo, volveuse a Oviedo. O devandito rei Alfonso levou por moito tempo unha vida chea de gloria, caste, púdica, sobria e inmaculada, e en boa vellez, tras 52 anos de reinado, deixou marchar ao ceo o seu santísimo espírito. E o que neste século levou santísima vida, ese descansa en Oviedo na súa tumba.[3])

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Garcia Pérez, Guillermo (1994). "Covadonga, un mito nacionalista católico de origen griego" (PDF). El Basilisco (17): 81–94. 
  2. ALFONSO III: Crónica de .. Trad. de la segunda redacción. Edición original (latín). Zacarías Villada, S. 1. Madrid, 1918. Centro de Estudios Históricos, caps. 8 a 10, páginas 108-114.
  3. RODRÍGUEZ MUÑOZ, J: Colección de textos y documentos para la historia de Asturias (I), Biblioteca histórica asturiana, Gijón, 1990, pp. 59 - 62

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]