Decretos de Nueva Planta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Portada dun dos Decretos de Nueva Planta, que prohibía o uso da lingua catalá na administración de xustiza de Cataluña.

Os Decretos de Nueva Planta son un conxunto de decretos asinados polo rei Filipe V despois da Guerra de Sucesión, en virtude dos cales abolíanse os Foros e Constitucións dos territorios da Coroa de Aragón e cambiábase a organización territorial da Monarquía Hispánica. Formalmente son unha serie de Cédulas Reais que estableceron unha «nova planta» das Reais Audiencias dos territorios da Coroa de Aragón e da Coroa de Castela. Todos eles veñen precedidos dunha abolición das institucións propias:

Los corregidores pondrán el mayor cuidado en introducir la lengua castellana, a cuyo fin darán las providencias más templadas y disimuladas para que se consiga el efecto deseado sin que se note el cuidado
Decreto de nueva planta de 1717.[1][2]

O 13 de abril de 1711 promulgouse un segundo decreto en Aragón que restablecía parte do dereito aragonés e regulaba unha nova organización da Audiencia de Zaragoza. A primeira reivindicación da Coroa de Aragón respecto á situación anterior á Nueva Planta foi o memorial de agravios denominado Representació (1760). Os Decretos de Nueva Planta significaron a fin das institucións propias dos países da Coroa de Aragón, se ben xa foran perdendo a súa influencia real durante os sucesivos reinados da Casa de Habsburgo[3].

Precedentes[editar | editar a fonte]

A ocupación militar da Coroa de Aragón e a consecuente aplicación dos Decretos de Nueva Planta representaron a aplicación dos plans do Memorial Secreto de Gaspar de Guzmán, conde-duque de Olivares, ao rei, para "reducir estes reinos de qué se compone España al estilo y leyes de Castilla sin ninguna diferencia" (1625). Cos Decretos de Nueva Planta, o primeiro rei da casa de Borbón seguiu, por outra banda, a política aplicada a Cataluña do Norte polos seus antepasados desde o Tratado dos Pireneos e a concepción absolutista do poder da monarquía.

Consecuencias xurídicas[editar | editar a fonte]

Os Decretos de Nueva Planta tiveron en común a desaparición das características propias da estrutura da Coroa de Aragón primeiro, e a Monarquía Hispánica despois, é dicir, a monarquía composta: un rei reinante sobre diferentes reinos, dado que estes reinos desapareceron sometidos ás institucións, leis e autoridades dun deles, o de Castela, se ben continuaron existindo aínda que non nominalmente.

Cos Decretos de Nueva Planta tamén desapareceu o sistema de relacións políticas propio da Coroa de Aragón: a soberanía compartida entre a monarquía e os estamentos, exercida a través das Cortes e da aplicación das Constitucións e privilexios, mesmo no caso do Reino de Mallorca, en que o Gran i General Consell tiña competencias propias das Cortes que este reino non tiña.

Os Decretos de Nueva Planta supuxeron a morte xurídica dos territorios da Coroa de Aragón como entidades con personalidade propia porque quedaron sumidos dentro do maremagnum castelanizante e provocaron o debilitamento da conciencia nacional. Así mesmo, non só se conseguiu a desaparición das estruturas políticas peculiares e propias destes países, senón que empezou a batalla política contra o catalán a todos os niveis, incluída a Igrexa, chegando ao feito de que en 1730 o arcebispo Mayoral ordenou aos seus reitores que castelanizasen nomes e apelidos nos rexistros parroquiais.

Á fin e ao cabo supuxo a perda da capacidade lexislativa e do control económico, fiscal, xudicial, aduaneiro e monetario propio e a dependencia dos aparatos políticos casteláns, á parte de impor a autoridade real por riba da legal[4].

Imposición dun modelo político[editar | editar a fonte]

Castelo de Cardona, último reduto da resistencia catalá na invasión de 1715.

Estes decretos toman Francia como modelo político e ao mesmo tempo establecen que estes territorios pasarán a ser rexidos segundo as leis e os costumes de Castela; son consecuencia da visión absolutista e centralista do monarca, collendo como motivo o castigo á Coroa de Aragón polo seu apoio ao Arquiduque Carlos de Austria.

Con estes decretos empezouse a configurar definitivamente o Estado Español tal e como se coñece na actualidade, como un estado unitario tanto a efectos políticos como administrativos, xa que até entón España só era un conxunto de diversos países nos cales, dende os reis Católicos, reinaba o mesmo monarca. O seguinte momento e definitivo sería a década de 1830, coa creación do estado-nación español polo liberalismo centralista.

O decreto de Nueva Planta do Reino de Valencia e Aragón significou a fin de todo o sistema lexislativo e político valenciano e aragonés: os foros de València e de Aragón e as Cortes Valencianas e as de Aragón foron substituídos polas leis e o réxime político de Castela. Os funcionarios empezáronse a nomear dende Madrid, o valenciano foi prohibido como lingua da administración, do ensino e da predicación. A diferenza doutros territorios da Coroa de Aragón, no caso valenciano, aboliuse mesmo o dereito civil. Aragón tamén perdeu as súas leis e a lingua. Naquel momento o aragonés xa se encontraba nun adiantado proceso de asimilación polo castelán na parte sur do reino e nas bisbarras interiores do País Valencià, ata entón de fala aragonesa.

Cortes Catalanas nunha miniatura dun incunable do século XV.

O Estado Central organizouse en provincias gobernadas por un Capitán Xeral e unha audiencia, encargados da administración. Para a administración económica e financeira establecéronse as intendencias provinciais, seguindo o modelo francés, que levaron consigo a aparición da figura dos intendentes.

Para o Goberno Central creáronse as secretarías de Estado, orixe dos actuais ministerios, que eran ocupadas por funcionarios designados polo rei. O sistema de Consellos dos reis da casa de Habsburgo foi abolido, agás o Consello de Castela, que centralizou o poder e onde a Coroa de Aragón en conxunto tivo menos representación que Galicia, Asturias e Navarra por separado. Creáronse tamén unhas Cortes únicas para todo o territorio, con sede en Madrid. Estas Cortes remarcaban a unidade e o centralismo pero non tiñan poder ante o poder absoluto do rei Borbón.

Imposición dunha lingua[editar | editar a fonte]

O Decreto de Nueva Planta prohibe o uso da lingua catalá á administración de xustiza de Cataluña: "As causas na Real Audiencia tramitaranse en lingua castelá"[5].

Instrución secreta redactada polo Abade de Vivanco, secretario do Consello de Castela, dirixida aos correxidores de Cataluña: Porá os maiores esforzos para introducir a lingua Castelá, coa finalidade de dar as providencias máis mornas, e disimuladas para que se consiga o efecto sen que se noten os esforzos[6].

Abolición do dereito foral[editar | editar a fonte]

Non se aboliu en todos os reinos todo o dereito foral, dado que nalgúns, como o de Mallorca, se aboliu só o dereito político e administrativo e non o penal, o procesual nin o privado. No caso do reino de Aragón, onde houbo dous Decretos de Nueva Planta (en 1707 e 1710), co segundo restaurouse o dereito privado que se abolira co primeiro. Tampouco perdeu o dereito privado o Principado de Cataluña. Así que, tan só perdeu este dereito o reino de Valencia xunto con todos os outros dereitos.

De feito, o artigo 42 do Decreto para o Principado de Cataluña di textualmente: "En todo o que non estea nos capítulos precedentes deste decreto, obsérvanse as constitucións que antes había en Cataluña; entendéndose, que son de novo establecidas por este decreto, e que teñen a mesma forza e vigor que o individual manado del"[7]. Isto significou a prevalencia do Dereito Civil Catalán, pois no capítulos anteriores non se fala en absoluto deste[8].

Abolición das institucións catalás[editar | editar a fonte]

Os Decretos de Nueva Planta supuxeron a abolición de feito das Constitucións catalás (Compilación das constitucións de 1585).

O decreto de Nueva Planta de Cataluña abolía a Deputación do Xeneral, as Cortes Catalás, o Consell de Cent, etc. Substituía ao vicerrei por un capitán xeral, dividía Cataluña en correxementos, como en Castela, e desaparecían as tradicionais vigairías. Establecíase o catastro, para gravar propiedades urbanas e rurais, e os beneficios do traballo, o comercio e a industria. Igualmente, o castelán pasaba a ser lingua oficial, especialmente da escola e os xulgados. Tamén se pecharon as universidades catalás, que deran apoio ao Arquiduque Carlos de Austria, e creábase a Universidade de Cervera.

O decreto de Nueva Planta de Mallorca e as Pitiusas (de acordo co Tratado de Utrecht, despois da Guerra de Sucesión, Menorca pasou a depender da Coroa Británica) abolía todas as institucións mallorquinas, como o Gran i General Consell. Ademais implantouse o nome romano de Palma na Cidade de Mallorca.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En 2010 aínda seguen en vigor arredor de 150 disposicións, artigos e decretos que obrigan ao uso do castelán na industria e o comercio
  2. 55 mentiras sobre lingua galega. X.H. Costas (coord.). Editorial Laiovento, 2009. Publicación da plataforma cidadá ProLingua.
  3. Vegeu Joan Reglà, "El Regne de València i la Corona d'Aragó", en Aproximació a la història del País Valencia (en catalán).
  4. Manifesto de Francesc Ferrer lido en 1976 na Devesa de Girona, nos actos organitzados na primeira celebración da Diada.
  5. Artigo 5.
  6. "Instrucciones del fiscal José Rodrigo Villalpando a los corregidores de Cataluña el 29 de enero de 1716", recollido en FERRANDO, A. e NICOLÀS, M.: Panorama d'història de la llengua. València. Tàndem, 1997. Pódese consultar na rede na páxina 72 de GARCÍA, M. J.: La gramática española y su enseñanza en la seguna mitad del siglo XVIII y principios del XIX (1768-1815) València. Universitat de València. 2005 (tese doutoral) (en castelán).
  7. Artigo 42 (56 nesta edición).
  8. de Camps e Arboix, J.: El Decret de Nova Planta. Rafael Dalmau, editor, Barcelona 2005, páx 35 e ss. (en catalán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]