Emerita Augusta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Teatro romano de Mérida, construído ca. 15 a.C..

Emerita Augusta, ás veces tamén citada como Augusta Emerita, ou máis simplemente Emerita, era o nome latino da actual cidade española de Mérida.

Emerita foi a capital da provincia hispana de Lusitania. Foi fundada 25 a.C. por Publius Carisius, legado de Augusto, que estabeleceu nela veteranos das lexións Alauda V e Gemina X, ao remate do seu servizo logo das guerras cántabras (emeritus era en latín o licenciado ou xubilado). Inicialmente foi unha colonia romana, adquirindo logo o dereito itálico. Ademais de ser a capital da Lusitania, era tamén a capital do Convento xurídico emeritense.

Emerita ocupaba un lugar estratéxico para o paso do río Anas, nas comunicacións entre a Bética e as explotacións mineiras da Gallaecia, pois Vía da Prata, como máis tarde foi coñecida, era a calzada romana que unía o porto de Gades (Cádiz) con Asturica Augusta (Astorga).

A actual Mérida, cuxo nome é a evolución de Emerita, conserva aínda abundantes restos arqueolóxicos e monumentais do seu esplendoroso pasado romano.