Alianza Popular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alianza Popular (logo, 1983-89).svg

Alianza Popular, coñecida tamén polas siglas AP, foi unha federación de pequenos partidos conservadores, liderados na súa maioría por ex ministros franquistas.

Formación[editar | editar a fonte]

Alianza Popular saíu da unión de diversos partidos.

Amais destes partidos liderados por ministros do réxime franquista, tamén houbo algúns outros que se federaron.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O seu primeiro secretario xeral e logo presidente en 1979 foi Manuel Fraga, ex ministro de Información e Turismo do goberno do ditador Francisco Franco. Jorge Verstrynge Rojas foi elixido secretario xeral en decembro, e foi cesado en 1986 en favor de Alberto Ruiz-Gallardón, pasándose aquel ó PSOE. Durante as primeiras eleccións da Transición democrática AP representou o "franquismo sociolóxico", e obtivo moi discretos resultados electorais, tiña 25.000 militantes en 1977 [1]. En 1977 obtivo o 8,2% dos votos e 16 escanos, que se viron reducidos ó 6% e 10 deputados en 1979 ás que se presentou baixo o nome de Coalición Democrática (CD) xa sen os sectores máis abertamente franquistas.

Tralo afundimento da entón gobernante Unión de Centro Democrático, Alianza Popular formou xunto con algúns dos seus restos (Partido Demócrata Popular e Partido Liberal) a Coalición Popular, que se convertería en 1982 no primeiro partido da oposición, co 26% dos votos e 107 escanos.

Entrada na UDI[editar | editar a fonte]

En 1983 ingresou na Unión Democrática Internacional formada por partidos de centro dereita. Similares resultados aos de 1982 repetiríanse nas eleccións de 1986, baixando a 105 deputados.

OTAN e dimisión de Fraga[editar | editar a fonte]

No referéndo sobre a permanencia de España na OTAN celebrado en 1986 AP propugnou a abstención ou o voto en branco. En decembro de 1986, e tralo fracaso de Alianza Popular nas eleccións autonómicas do País Vasco celebradas en novembro de dito ano, Manuel Fraga Iribarne presentou a súa dimisión como presidente de Alianza Popular.

Moción de censura e refundación[editar | editar a fonte]

Tras un congreso extraordinario, febreiro de 1987, a candidatura de Miguel Herrero y Rodríguez de Miñón é rexeitada en favor da de Antonio Hernández Mancha, quen tiña en contra o aparato central do partido, Mancha presentou unha moción de censura ao goberno de Felipe González e intentou unha unión co CDS mesmo a costa de cederlle o liderato a Adolfo Suárez que contou co rexeitamento de Fraga e que supuxo a destitución de Hernández Mancha. No ano 1989 nun proceso de refundación cambiou o seu nome ó de Partido Popular.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cambio 16 nº516 (1981)