Ordoño I de Oviedo
| Ordoño I | |
|---|---|
| Miniatura medieval onde se representa a Ordoño I, Libros dos Testamentos, Oviedo. | |
|
|
|
| Reinado | 850-866 |
| Coroación | 2 de febreiro do ano 850 |
| Predecesor | Ramiro I |
| Sucesor | Afonso III |
| Cónxuxe | Munia |
| Descendencia | |
| Afonso III Vermudo Nuno Odoario Froila |
|
| Casa | Dinastía Ramírez |
| Pai | Ordoño |
| Nai | Paterna |
| Nacemento | 821 |
| Falecemento | 27 de maio de 866 Oviedo |
| Enterramento | Catedral de San Salvador de Oviedo |
Ordoño I, nado en Oviedo no 821, foi fillo de Ramiro I herdando deste, o goberno de toda a Galiza alto-medieval desde 2 de febreiro do ano 850 ata o 27 de maio de 866, data na que morre.
Desde mediados do século XIX é designado pola historiografía nacionalista española como rei de Asturias, gran parte da historiografía galega desde finais do século XIX rexeita tal denominación por enganosa.
Índice |
Primeiros anos [editar]
Segundo as Crónicas afonsinas, morou os primeiros anos da súa vida en Oviedo, até os nove anos, na corte de Afonso II. Logo trasladouse a Lugo, onde resideu, completou a súa educación e iniciou a súa formación militar. Ordoño mudárase coa súa familia, a causa do nomeamento de gobernador de Galiza de seu pai.
Foi nomeado gobernador provisional substituíndo ao seu pai Ramiro, mentres este ía ás Bardulias para casar con Paterna, que sería a súa segunda muller. Naquela viaxe, o rei Afonso II morre, e Nepociano, un nobre de palacio, -posible herdeiro lexítimo de Afonso- logra proclamarse rei con axuda de aristócratas asturianos e vascos.
Colaborou nas tarefas de organización do exército galego que o seu pai formou contra Nepociano, aínda que el non loitou e quedou en Lugo como gobernador provisional. Tras a vitoria do seu pai sobre as tropas asturianas e vascas de Nepociano, marcha cara Oviedo xa como príncipe herdeiro.
Matrimonio [editar]
Pouco despois, aos 26 anos, en 847, casou cunha nobre chamada Munia, probabelmente irmá de Iñigo Arista, rei de Pamplona. Deste casamento naceron polo menos seis fillos, dos cales, o primoxénito foi Afonso III o Magno. Tamén foi filla súa Dona Palla, que estabeleceu a súa corte en Peñaullán, no concello de Pravia, sobre os antigos restos dun castro, coñecido actualmente como o castro de Dona Palla.
Acceso ao trono [editar]
Foi coroado tras a morte de Ramiro I, o 1 de xaneiro do 850. Pouco despois tivo que facer fronte a unha sublevación dos vascóns, apoiados probablemente polo Banu Qasi de Zaragoza. Tras sufocar a revolta, e mentres volvía a Oviedo, recibiu noticias de que os musulmáns ían atacar ás Bardulias. Entón dirixiuse ao seu encontro e venceunos nas ribeiras do Ebro.
Tras isto, o gobernador de Zaragoza, Musa ibn Musa, comeza a fortificar a cidade de Albaida (a actual Albelda de Iregua). Ante a intranquilidade de ver o perigo de ver o que isto supuña para os seus intereses, decidiu asediar e posteriormente arrasar a cidade.
Política [editar]
Con respecto a súa relación con Al-Ándalus, apoiou aos mozárabes sublevados contra a autoridade do emir de Córdoba, acción que lle valeu a derrota na batalla de Guadacelete en 854.
Este fracaso obrigoulle a consolidarse na zona comprendida entre o Douro e a Cordilleira Cantábrica, con repoboacións e amurallando ás cidades de León, Astorga, Amaia e Tui, converténdoas na defensa dos seus reinos.
Intentou avanzar na conquista a expensas do señor musulmán de Tudela, conseguindo controlar os accesos a Navarra e ás terras dos vascóns. O gobernante musulmán de Córdoba reaccionou mandando unha forte expedición ao val de Miranda de Ebro e Álava, que foi arrasada, onde o primeiro conde castelán, foi completamente derrotado na batalla da Morcuera. Isto frenou a reconquista por un tempo.
Descendencia [editar]
Casou con Munia ou Nuna e tivo polo menos seis fillos:
- Afonso, que sería rei.
- Vermudo.
- Nuno.
- Odoario.
- Froila.
|
Ordoño I de Oviedo
Dinastía Ramírez
Nacemento: 821 Falecemento: 27 de maio 866
|
||
| Títulos Reais | ||
|---|---|---|
| Precedido por Ramiro I |
Rei de Galicia alto-medieval 850–866 |
Sucedido por Afonso III |
Bibliografía [editar]
- Xosé Antonio López Teixeira, Arredor da conformación do Reino de Galicia (711-910), Editorial Toxosoutos, S.L. 02/2003.
- Anselmo López Carreira, O reino medieval de Galicia, Edicións A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas, S.A., 2005, ISBN 84-96403-54-8.
- Anselmo López Carreira, Tucho Fernández Cal, Os reis de Galicia, Vigo : A Nosa Terra, 2003. ISBN 84-96203-27-1.
- Nogueira, C. (2001): A Memoria da nación: o reino da Gallaecia. Xerais, Vigo.
- Barbosa Álvarez, José Manuel, Atlas histórico da Galiza, Ediçons da Galiza, ISBN 978-84-936218-1-0.