Afonso III de Asturias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Afonso III o Magno")


Afonso III o Magno
Miniatura medieval do Libro dos Testamentos (Oviedo) no que se representa ao rei Afonso III coa raíña Ximena e o bispo Gomelo II
Rei da Galicia altomedieval
Reinado 866-910
Coroación 1108
Predecesor Ordoño
Sucesor García I
Cónxuxe Ximena Garcés
Descendencia
Froila II
García I
Ordoño II
Gonzalo
Casa Dinastía Ramírez
Pai Ordoño
Nai Munia
Nacemento 848
Falecemento 20 de decembro de 910
Zamora
Enterramento Catedral de San Salvador de Oviedo

Afonso III alcumado o Grande, nado no 848 e finado en Zamora o 20 de decembro de 910, foi un nobre medieval, fillo do rei Ordoño I. Reinou entre os anos 866 e 910 sendo o derradeiro rei da Galiza altomedieval (Regi Gallaeciarum) que gobernou desde a cidade de Oviedo (rex in Oveto). A súa autoridade real foi seriamente cuestionada en varias ocasións durante o seu reinado.

Reinado[editar | editar a fonte]

Durante o seu mesmo acceso ó trono, o conde galego Froila rebelouse contra el, apañándolle o trono e proclamándose rei de Galiza, en Oviedo. Isto obrigou a Afonso III a refuxiarse en Castela, de onde regresou unha vez derrotado e morto o rei Froila, uns meses máis tarde. Esta non foi a única actitude hostil cara ó seu reinado por parte dos nobres galegos, xa que nun documento da doazón das salinas da Lanzada por parte do rei á igrexa de Santiago, no 886, relátase que as salinas pertenceran a Hermenexildo Pérez e á súa dona Iberia, que se sublevaron contra Afonso e, xunto con outros cómplices, planearon a súa morte.

Así pois cedeu o goberno de Galiza ó seu fillo, o príncipe Ordoño, quen rexeu en vida de Afonso III, e por encargo del o Reino da Galiza, consolidándoo durante un período de fraqueza dos Omeias de Córdoba.

En 868 conquista o Porto e, en 878, a cidade de Coimbra. Ordena a redacción das súas crónicas, coa que pretendía establecer un vinculo xenealóxico entre el e os derradeiros reis visigodos.

Traslado da sede rexia á cidade de León[editar | editar a fonte]

Mapa da Galiza altomedieval no ano 891, onde se reflicten os diferentes territorios do reino.

Tempo antes do ano 910 os monarcas galaicos comezaron trasladar funcións militares e políticas desde antiga capital Oviedo ata unha cidade máis ao sur, León. A cidade de León, sita na Gallaecia dende o Imperio Romano supoñía un importante enclave estratéxico, onde confluian dúas importantes rutas; por unha banda a vía que unía Braga con Burdeos, e por outra a ruta da prata, que chegaba a Galiza dende Spania, pasando polas cidades de Sevilla e Mérida.

O feito de que León carecera de bispo e señores feudais —non así na veciña Astorga- ó igual que acontecera con Oviedo, facia daquel antigo asentamento militar romano unha encrucillada idónea para asentar a nova corte. León, unha cidade estratexicamente útil situada na Galiza altomedieval como destacaban os propios cristiáns in civitate que vocitatur Legio, territorio Gallecie (na cidade que chaman León, territorio de Galiza) ou in Legione de Galletia (en León de Galiza) e musulmáns, convertíase a comezos do século X na nova capital dos reis.

Derrocamento e sucesión[editar | editar a fonte]

Pouco antes do ano 910 Afonso III sufría unha nova tentativa de derrocamento, esta vez a mans do seu fillo primoxénito, García. Casado con Munia -filla do conde castelán Munio Fernández-, García encabezou a conxura instigado polo seu sogro, quen se resistía a acatar a autoridade real en Castela. Tras un período de inestabilidade política, Afonso III deixa finalmente o poder, herdando García o reino e facendo efectiva finalmente o traslado da sede rexia desde Oviedo ata León.

Asi pois, García comezou a reinar toda a Galiza desde o ano 910 con capital na cidade de León, os seus irmáns, supeditados á autoridade real de García, administraron os territorios afins a eles, Ordoño administrou a franxa occidental (a actual Galiza e norte de Portugal e Froila a franxa cantábrica (actuais Asturias e Cantabria).

Afonso III de Asturias
Dinastía Ramírez
Nacemento: 848 Falecemento: 20 de decembro 910


Títulos Reais
Precedido por
Ordoño I


Rei de Galicia alto-medieval
866–910
Sucedido  por
García I

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Afonso III de Asturias

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Xosé Antonio López Teixeira, Arredor da conformación do Reino de Galicia (711-910), Editorial Toxosoutos, S.L. 02/2003.
  • Anselmo López Carreira, O reino medieval de Galicia, Edicións A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas, S.A., 2005, ISBN 84-96403-54-8.
  • Anselmo López Carreira, Tucho Fernández Cal, Os reis de Galicia, Vigo : A Nosa Terra, 2003. ISBN 84-96203-27-1.
  • Nogueira, C. (2001): A Memoria da nación: o reino da Gallaecia. Xerais, Vigo.
  • Barbosa Álvarez, José Manuel, Atlas histórico da Galiza, Ediçons da Galiza, ISBN 978-84-936218-1-0.