Calisto II, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papas do século XII
Antipapas

Calixtus II.jpg

Calisto II, nado coma Guido de Bourgogne en Borgoña cara ao 1050 e finado en Roma o 13 de decembro de 1124, foi o 162º papa da Igrexa Católica, entre o 1 de febreiro de 1119 e o día da súa morte.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo do conde Guillerme I de Bourgogne. En 1088 foi nomeado arcebispo de Vienne, converténdose nun gran defensor da reforma da Igrexa comezada por Gregorio VII.

En 1119, trala morte do papa Xelasio II, foi elixido novo papa en Cluny, xa que en Roma se encontraba o antipapa Gregorio VIII. Inmediatamente intentou un achegamento ao emperador Henrique V, para o que enviou unha embaixada que concertou un encontro en Reims co obxectivo de solucionar o problema das investiduras (que se producía pola facultade do emperador para realizar os nomeamentos eclesiásticos e os conseguintes roces que isto producía ante o Papa).

O feito de que Henrique se presentase ao encontro á fronte do seu exército fixo que o papa convocase, o 30 de outubro de 1119, un concilio en Reims onde excomungou o emperador e o antipapa Gregorio.

O antipapa Gregorio VIII someténdose a Calisto II.

En 1120, co apoio normando, logra regresar a Roma, obrigando ao antipapa Gregorio a Fuxir a Sutri, onde tras ser feito prisioneiro é recluído até a súa morte en 1121, no mosteiro de Cava.

Instalado definitivamente en Roma, dedica novamente as súas enerxías á solución da querela das investiduras, que viña enfrontando o Papado co Imperio desde cincuenta anos atrás. Para iso propuxo a Henrique V a celebración en Worms dunha dieta na que participasen bispos e príncipes. Esta xuntanza concluíu o 23 de setembro de 1122 coa firma do Concordato de Worms, polo que o emperador renunciaba ao dereito de investidura que pasaba a ser recoñecido como exclusivo da Igrexa, e o Papa recoñecía ao emperador o dereito a asistir a ditas investiduras ou a outorgar aos investidos o cetro que recoñecía o seu cargo.

O 18 de marzo de 1123 convocou o Primeiro Concilio de Letrán, considerado pola Igrexa Católica coma o primeiro dos ecuménicos celebrados en Occidente, e no que se confirmaron e sancionaron os acordos logrados no Concordato de Worms, ademais de decretarse vinte e dous canons contra a simonía, o nicolaísmo, e a intromisión dos laicos en asuntos eclesiásticos. Ademais, promoveuse a Segunda Cruzada.

Calisto II e Galiza[editar | editar a fonte]

O 27 de febreiro de 1120 publicou a bula Omnipotentis dispositione. Nela concedía a Santiago de Compostela o 27 de febreiro de 1120 a dignidade de Metropolitana de Mérida (pasando os Bispos a ostentar a dignidade de Arcebispos), e instauraba o Ano Santo Xacobeo, que se celebra cada ano no que o 25 de xullo, día do apóstolo Santiago, coincidise en domingo. Todos aqueles peregrinos que visitaran a tumba do Apóstolo en Ano Xacobeo gañarían o Xubileu (Indulxencia plenaria).

Era tío do emperador Afonso VII. Dá nome ao Códice Calixtino, que permite coñecer o auxe da peregrinación a Santiago nos últimos anos do goberno de Xelmírez.