Betanzos
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Betanzos (homónimos).
Coordenadas: 43°16′51″N 8°12′40″W / 43.28083°N 8.21111°W
| Betanzos | |
|---|---|
| Vista xeral de Betanzos | |
| Situación | |
| Xentilicio[1] | betanceiro - brigantino |
| Xeografía | |
| Provincia | Provincia da Coruña |
| Comarca | Betanzos |
| Poboación | 13.680 hab. (2009) |
| Área | 24,2 km² |
| Densidade | 558,76 hab./km² |
| Entidades de poboación | 7 parroquias |
| Capital do concello | Betanzos |
| Política (2011) | |
| Alcalde | Ramón García Vázquez (PSdeG) |
| Concelleiros | BNG: 2 PPdeG: 8 PSdeG-PSOE: 6 Outros: CxB 1 |
| Eleccións municipais en Betanzos | |
| Uso do galego[2] (2001) | |
| Galegofalantes | 90,91 % |
| Sitio web oficial | |
| www.betanzos.es | |
Betanzos é un concello da provincia da Coruña, pertence á comarca de Betanzos. Segundo o INE no ano 2009 tiña 13.680 habitantes (13.165 no 2006, 13.059 no 2005, 12.990 no 2004, 12.822 no 2003).
O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é betanceiro - brigantino ou garelo.
| Evolución da poboación de Betanzos - desde 1900 ata 2011 - | ||||||
| 1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 |
| 8.948 | 8.910 | 10.827 | 11.383 | 12.990 | {{{6}}} | {{{7}}} |
| Fontes: INE e IGE
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
||||||
Índice |
[editar] Xeografía
O concello de Betanzos ocupa una extensión de 24,19 km², sendo un dos máis pequenos da provincia. Conta con 8 parroquias. Limita ao norte coa ría de Betanzos e con Bergondo; ao leste con Paderne e Coirós; ao sur con Oza dos Ríos; e ao oeste con Abegondo. Está atravesado polos ríos Mandeo, Mendo e Mero. A cota máxima apenas supera os 200 metros.
[editar] Historia
Existen indicios de asentamentos primitivos en Betanzos, se ben non aparece documentada a súa existencia ata o Imperio Romano, na obra Geografia de Ptolomeo, co nome de Flavium Brigantium, se ben na actualidade parte da historiografía sitúa tal cidade na Coruña. Nesta época o núcleo principal de poboación que recibía o nome da cidade emprazábase en San Martiño de Tiobre, cuxa igrexa matriz consagrou o arcebispo Diego Xelmírez. Neste vello emprazamento Betanzos padeceu as incursións normandas ao mando de Horrich e posteriormente do propio rei Olaf en 1015. En 1219 a poboación trasladouse da súa antiga localización (San Martiño de Tiobre, coñecido como Betanzos O Vello) á súa localización actual, sobre o antigo castro de Untia, onde houbo unha encomenda templaria onde actualmente se levanta o mosteiro de San Francisco.
Betanzos xogou un papel central na Grande Guerra Irmandiña. Líderes da Irmandade como Alonso de Lanzós ou Joan Branco foron naturais da cidade. Precisamente, en 1465 Henrique IV concedeu á poboación o título de cidade, e en 1467 permitiulle a celebración dunha feria franca anual grazas á mediación de Joan Branco. Grazas a este capitán irmandiño a cidade de Betanzos recuperou o seu voto nas Cortes.
Anos máis tarde, na reorganización territorial dos seus reinos, os Reis Católicos dividiron a antiga provincia de Betanzos en dúas, creando a de A Coruña e mantendo a Betanzos como capital de provincia, na que foi a época de maior esplendor da cidade. Porén, tras unha serie de incendios xerais e malas colleitas chegou unha decadencia, agravada en 1834 coa nova división administrativa de Javier de Burgos, que integrou a antiga provincia de Betanzos na da Coruña.
Unha serie de pragas da vide contribuíu á decadencia da cidade a cabalo entre os séculos XIX e XX. Revitalizada coa chegada do ferrocarril a principios do século XX, na actualidade Betanzos continúa sendo un importante núcleo turístico, comercial e administrativo. Desde 1970 o casco antigo está declarado Conxunto Histórico-Artístico.
[editar] Demografía
A poboación de Betanzos no 2010 era de 13.680 habitantes, aos que se lles aplica o xentilicio de betanceiros (s., betanceiro/a) ou brigantinos (s,. brigantino/a). O concello ten unha elevada densidade de poboación (558,76 hab./km²) debido ao seu pequeno tamaño. Estímase que ao redor do 75% da poboación total do concello reside no núcleo urbano de Betanzos.
Entre 1900 e 1920 experimentou un leve descenso de poboación, rexistrándose nos anos '20 o seu mínimo (8.709 habitantes). Entre 1920 e 1950 tivo lugar a fase de maior crecemento, aínda que dende esta última década ata 1970 se produciu un novo retroceso demográfico. Con todo, a partir de 1970 xurdiu unha recuperación de efectivos motivada por unha nova reorientación das actividades agrarias e un incremento das funcións urbanas. Así o incremento de poboación no período que vai dende 1990 a 1996 foi dun 3,09%. O saldo vexetativo era xa practicamente cero no período 1979-1983 con taxas de natalidade e mortandade ao redor de 10 por mil. Nos últimos anos a taxa de natalidade diminuiu, mentres que a de mortalidade aumentou. Así contra 1997 a primeira era dun 6,20 por mil e a segunda elevábase a un 12,29 por mil. A proporción de mozos menores de 16 anos representaba en 1997 un 13,86%, a de entre 16 e 64 anos un 66,60% e a de 65 anos en diante un 19,52%. Así mesmo, existían 89 homes por cada 100 mulleres. O poboamento ofrece dous aspectos; a dispersión en parroquias (que oscilan entre os 185 habitantes de Viñas e os 709 de Requián ) e aldeas que se estenden polo territorio municipal, e a concentración do 75% da poboación no núcleo urbano, que se converteu no principal foco receptor de inmigrantes do municipio. A súa situación nun importante nó de vías de comunicación favorecen o crecemento e a expansión ao longo das mesmas. No en tanto, as terras próximas á Ría, debido á existencia de solos pantanosos, son pouco atractivas para o poboamento.
| Evolución da poboación de Betanzos - desde 1900 ata 2011 - | ||||||
| 1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 |
| 8.948 | 8.910 | 10.827 | 11.383 | 12.990 | 13.680 | {{{7}}} |
| Fontes: INE e IGE
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
||||||
[editar] Economía
A súa economía está baseada fundamentalmente nos servizos. Betanzos é un centro administrativo e xurídico da comarca que leva o seu nome, baseando o seu crecemento no comercio, a banca, a cultura e o turismo.
Desde o punto de vista industrial, a cidade converteuse, pola súa situación estratéxica, en centro loxístico dalgunhas das maiores empresas de transportes ou abastecementos alimenticios da zona.
[editar] Monumentos
Capital do gótico galego, Betanzos conserva un dos cascos históricos mellor conservados de Galicia. En Betanzos destacan os seguintes monumentos:
- Igrexa de Santiago, s. XI, reedificada no s. XIV.
- Igrexa de San Francisco, s. XIV.
- Igrexa de Santa María do Azougue, s. XIV.
- Murallas da cidade, do s. XV. Tiña catro portas (das que se conservan tres: a da Ponte Vella, da Ponte Nova e da Ribeira; a Porta da Vila foi derruída en 1872) e o postigo do Hórreo (derruído no século XVIII).
- Pazo de Bendaña, s. XV
- Casas góticas da Rúa da Cerca, dos s. XV (número 5) e XVI (número 9).
- Torre Municipal, ou "do Reloxo", s. XVI
- Convento das Nais Agustinas, antigo Hospital Real, s. XVI
- Santuario da Nosa Señora dos Remedios, s. XVI, obra de Juan de Herrera.
- Pazo de Lanzós, s. XVII
- Igrexa e Convento de Santo Domingo, s. XVII. Da torre colga o Globo de San Roque.
- Casa Consistorial, s. XVIII
- Edificio do Arquivo, ou "Liceo", s. XVIII, levantado para o Arquivo do Reino de Galicia.
- Pazo dos condes de Taboada, s. XIX.
- Casas e palacetes modernistas: Casa Núñez, Casa Pita, Casa Limiñón, Casa do Pobo, s. XIX-XX.
- Palco da Música, s. XX, desde onde Manuel Lugrís Freire pronunciou en 1907 o primeiro discurso público integramente en lingua galega.
- Legado dos irmáns García Naveira na cidade, s.XIX-XX, cargado do modernismo da época: Casa do Pobo, Lavadoiro Público, Escolas de San Francisco, Escolas e Asilo García Naveira, Refuxio, Sanatorio San Miguel e o parque do Pasatempo.
[editar] Museos
- Museo das Mariñas: museo etnográfico e histórico inaugurado en 1983, ocupando o antigo convento de Santo Domingo. Destacan a súa colección de escultura funeraria medieval, con diversos sartegos e laudas; o cadro Apostolado, da escola de Rubens; a sala destinada ás antigas escolas, en homenaxe ós irmáns García Naveira; e a sección do traxe galego, con máis de 50 traxes tradicionais.
- Museo da Estampa Contemporánea: localizado na sede da Fundación CIEC, recolle obras de artistas tan destacados como Pablo Picasso, Amadeo Gabino, Luís Seoane ou Jesús Núñez.
[editar] Festas e celebracións
- Romaría dos Caneiros
- Festas de San Roque de Betanzos, que inclúen o Lanzamento do Globo e a Romaría dos Caneiros.
- Feira Franca Medieval
- Concurso Bienal de Balconadas
- Festa do Viño de Betanzos
- Festa dos Alborotados
- Festa da tortilla
[editar] Betanzos na cultura popular
- Anque che son das Mariñas,/ das Mariñas de Betanzos,/ anque che son das Mariñas/ non che vendo garabanzos.
- As garelas [3] de Betanzos/ cando van para o muíño/ levan un gato esfolado/ para comer no camiño.
[editar] Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes de Betanzos.
-
Barca nos caneiros
[editar] Parroquias
| Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Betanzos | |
|---|---|
|
Betanzos | Brabío (San Martiño) | Piadela (Santo Estevo) | Pontellas (Santa María) | Requián (Santiago) | San Pedro das Viñas (San Pedro) | Tiobre (San Martiño) |
[editar] Lugares de Betanzos
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Betanzos vexa: Lugares de Betanzos.
[editar] Notas
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Datos de 2001 publicados en 2004.
- ↑ Aplícase o alcume de garelas ás mozas desvergonzadas e atrevidas, pero tamén ás naturais de Betanzos.
[editar] Véxase tamén
[editar] Ligazóns externas
- Web oficial do concello de Betanzos
- Anuario Brigantino, revista de historia local.
|
|||||||||||||||||
| Concellos da Comarca de Betanzos | ||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Aranga |
Betanzos |
Cesuras |
Coirós |
Curtis |
Irixoa |
Miño |
Oza dos Ríos |
Paderne |
Vilarmaior |
Vilasantar |
|
|||||