Xeración do 98

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pío Baroja

A Xeración do 98 é o nome co que se coñece ao conxunto de intelectuais e escritores españois nados entre 1864 e 1876 que desenvolveron posturas ideolóxicas próximas ao nacionalismo español e que estiveron profundamente marcados pola derrota militar española na Guerra Hispano-Estadounidense e a conseguinte perda das colonias de Porto Rico, Cuba e Filipinas.

Integrarían este grupo, aceptados unanimemente por todos os investigadores, Miguel de Unamuno, Azorín, Pío Baroja e Ramiro de Maeztu. Máis discutibles son os casos de Antonio Machado e Ramón María del Valle-Inclán, aparte doutros coetáneos.[1]

Os precursores: os rexeneracionistas[editar | editar a fonte]

Os rexeneracionistas foron un grupo de intelectuais que propugnaban medidas concretas para a rexeneración de España, como a reforma agraria, a reforma educativa e o desexo de europeízar o Estado español. O seu membro máis salientable foi Joaquín Costa, cuxas ideas tiveron unha notable influencia na xeración do 98. Home de carácter apaixoado e moitas veces contraditorio, defendeu unha revolución dende arriba[2]. Condenou con rotundidade o inmobilismo fundado na lembranza de glorias pasadas - sonada foi a súa frase echar doble llave al sepulcro del Cid -, atacou ao caciquismo, á monarquía e fixo fincapé na educación como medio indispensable para acabar coa miseria do campesiñado, ademais de propoñer fondas reformas agrarias, quizais esta última a súa preocupación maior.

Porén, fondamente decepcionado co sistema parlamentario vixente na época, na que dominaban as prácticas rotatorias pactadas de antemán no poder, afirmou que tales reformas só podían vir dun ditador ilustrado, o que lle valeu o cualificativo de prefascista en pluma de autores posteriores[3].

O grupo dos Tres[editar | editar a fonte]

Ramiro de Maeztu

Pío Baroja, Azorín e Ramiro de Maeztu conforman o chamado grupo dos Tres, pseudónimo co que asinaban os seus artigos conxuntos nos xornais madrileños de finais do século XIX. En 1901 publican o Manifiesto, cuxas ideas prinicipais se poden condensar nos seguintes puntos:

  • Denuncia da descomposición moral e desorientación da xuventude, do afundimento das certezas filosóficas e da bancarrota dos dogmas.
  • A apreciación dun desexo altruista de axudaren aos miserables na mocidade, pero a ausencia dunha canle que guíe esa forza.
  • A convición da inutilidade da relixión e dos ideais republicanos, democráticos e socialistas para tal efecto.
  • Por último, afirman que só a ciencia social pode fornecer desa canle que a mocidade precisa para poñer en práctica os seus desexos altruistas.

Neste manifesto apréciase a evolución do pensamento dos Tres. En efecto, Maeztu declarábase socialista tan só dous anos antes[4] e tanto Azorín[5] coma Baroja[6] defendían posturas anarquistas na súa mocidade. Porén, neste Manifiesto substitúen os ideais revolucionarios por unha ciencia social, difusa e pouco aclarada, nunha postura que os achega ao rexeneracionismo de Joaquín Costa, evolución ideolóxica que non acabará aquí. Esta evolución tamén a experimenta Unamuno, quen en 1897 abandonou o socialismo.

Tamén en 1901 fundan a revista Juventud. Sen embargo, tanto a revista, que só durou seis meses, como a campaña dos Tres resultaron un fracaso, o que os fai desengeñarse da eficacia da acción concreta e achegarse a posicións cada vez máis conservadoras, de tipo idealista[7] e desenvolveren ideas próximas ao nacionalismo español, con Castela como epicentro do ser español.

Madurez da xeración[editar | editar a fonte]

Considérase a época de plenitude da xeración o periodo comprendido entre os anos 1905 e 1915. Cada autor vai creando a súa propia personalidade, orientándose, tanto política coma esteticamente, cara a posicións moi diversas. Con todo, existen unha serie de trazos comúns a todos eles, cuxa base se sostén no mencionado carácter idealista que impregna a toda a xeración.

Achegamento cara ás correntes filosóficas irracionalistas europeas[editar | editar a fonte]

O irracionalismo ou vitalismo que, dende ópticas substancialmente diferentes, defendían filósofos europeos, tivo importante repercusión nos membros da xeración do 98. Así, Arthur Schopenhauer influíu no pensamento de Baroja, Friedrich Nietzsche faino no de Baroja, Maeztu, Azorín e Unamuno, Sören Kierkegaard en Unamuno e Henri Bergson en Antonio Machado. Paralelamente, con eles experimenta un rexurdimento o romanticismo, de xeito que algúns autores falan de neorromanticismo[8]. Eles mesmos autodenominábanse románticos.[9]

Preocupacións existenciais[editar | editar a fonte]

Miguel de Unamuno

As interrogacións sobre o sentido da vida e o destino do home son recorrentes, sobre todo en Unamuno. Algúns autores ven nestas preocupacións existenciais un precedente do existencialismo europeo[10], que alcanzaría o seu cumio no filósofo francés Jean-Paul Sartre. Neste eido do existencialismo cabería incluir as novelas de Pío Baroja, Camino de perfección, de Azorín, La voluntad e de Unamuno, Amor y pedagogía, as tres publicadas en 1902. Nas tres se albisca un aburrimento da vida dos seus personaxes, un estado de ánimo ao que os seus autores dan o nome de angustia vital ou angustia metafísica.

Pero é no libro de Miguel de Unamuno, Del sentimiento trágico de la vida (1913), onde as formulacións existenciais acadan a súa maior intensidade. Ás arelas voraces de plenitude que, segundo el, presentan os homes, contrapón a ameaza da morte. Xorde entón a angustia, coma un espertar tráxico do home. Deste xeito, é a inmortalidade a cuestión crucial da que depende o sentido da nosa existencia, tal e como escribe no prólogo da súa novela Niebla (1914):

Si el alma no es inmortal (...), nada vale nada, ni hay esfuerzo que merezca la pena

Nacionalismo español[editar | editar a fonte]

A derrota das tropas españolas na Guerra de Cuba de 1898 deu pé á reflexión sobre as súas causas e sobre a situación xeral do Estado español, tanto nas súas tensións internas como nas súas relacións comparativas con Europa e o resto do mundo. Este debate foi recollido polos membros da xeración do 98 que, dende diferentes ópticas, tomaron parte por posturas ideolóxicas idealistas e nacionalistas, mesmo achegándose á defensa do imperialismo e de teorías xenófobas en auxe na época, coma a euxenesia.

En xeral, rexeitan o parlamentarismo, a democracia liberal, e proclaman a súa adhesión a unha España eterna y espontánea[11], identificando a España con Castela e interesándose máis por cuestións ideais, abstractas e ata metafísicas que polos problemas concretos e específicos da sociedade. Experimentan unha evolución ideolóxica de esquerda a dereita, que posteriormente se analisará con máis detalle.[12]

Algúns trazos do nacionalismo español da xeración, vistos máis pormenorizadamente, son os seguintes:

Ramón Menéndez Pidal
  • Exaltación de Castela. Son comúns as descricións das terras de Castela (como vimos, tomada como patrón do que é España) que combinan a mirada crítica da súa miseria e brutalidade coa exaltación lírica dos pobos e da paisaxe. Esta visión castelán-céntrica caracterízase pola valoración que fan do seu carácter austero e ríxido, xurdindo unha estética da pobreza.[13] A mitificación de Castela non se cingue só á literatura; en efecto, quen pode ser considerado o representante da xeración do 98 no terreo da ciencia histórica, Ramón Menéndez Pidal, fai do castelanismo dos seus coetáneos literatos o seu sistema historiográfico, colocando a Castela como centro da historia española. En evidente retroalimentación, os noventaeoitistas bucean na historia estatal, para descibriren unha continuidad nacional[14], exaltando os valores de Castela e asimilándoos aos valores permanentes de España.
  • Subxectivismo. Proxectan na realidade española as arelas e as angustias persoais, procurando unha resposta abstracta e filósofica aos problemas concretos e prácticos suscitados polo Estado español[15], pasando a formularse o seu nacionalismo no plano dos valores, ideas e crenzas.
  • Casticismo contra europeización. As ansias de europeizaren España foron moi vivas nos primeiros tempos da xeración, que proclamaron a necesidade de realizar unha apertura cara a Europa. Sen embargo, co paso do tempo, esta defensa de Europa vai perdendo peso en beneficio da exaltación do castizo, que acada o seu cumio en Unamuno. Este, en 1906, admite nunha carta ao filósofo José Ortega y Gasset que se vai sentindo profundamente antieuropeo e sentencia o seu famoso ¡que inventen ellos!.[16]

Evolucións ideolóxicas dos membros da xeración[editar | editar a fonte]

Primeira edición de Defensa de la Hispanidad, a obra máis conservadora de Maeztu

Os noventaoitistas experimentaron, na súa maior parte, unha deriva ideolóxica de esquerda a dereita. Así, Azorín publica en 1895 dous ensaios nas que amosa ao público as ideas anarquistas que el por entón profesaba[17]. Cara 1905 os artigos que publica no xornal ABC xa están instalados no conservadorismo, para rematar adherido ás ideas máis tradicionalistas na súa vellez, confesando profesar un catolicismo firme.[18] Semellante é a evolución que presenta Unamuno, aínda que esta non foi tan clara e sempre foi, segundo as súas propias verbas, un home de contradición e pelexa[19]. Pola súa banda, Baroja acabou por instalarse nun radical escepticismo.

Claro e radical foi o devalar de Ramiro de Maeztu. En 1897 colaboraba con distintos medios de tendencia socialista, nas que realiza unha dura crítica á situación estatal propoñendo unha renovación inspirada no socialismo e no europeísmo. Durante a súa estadía en Londres móvese cara posicións de carácter liberal, declarándose admirador das institucións democráticas británicas. Tras a súa volta a España en 1919 instaláse no tradicionalismo católico, sendo embaixador de Miguel Primo de Rivera en Arxentina. O cénit do seu pensamento máis nacionalista español e ultraconservador condénsase na súa obra Defensa de la Hispanidad, publicada en 1934, onde exalta a España imperial e a súa acción en América, defende o credo católico como a auténtica forza do Estado español e expón ideas xenófobas contra musulmáns e xudeus.

Porén, cómpre mencionar as excepcións de dous escritores non claramente adscritos á xeración, pero si moi próximos a ela: Antonio Machado e Valle-Inclán. Especialmente rechamante é a traxectoria ideolóxica deste último; en 1910 proclámase carlista[20]. A publicación de Luces de Bohemia en 1920 demostra que xa por aquel entón se afastara das súas iniciais ideas tradicionalistas, aspecto que se confirma no seu enfrontamento posterior coa ditadura de Primo de Rivera. Finalmente, en 1933 e con 67 anos afíliase ao Partido Comunista de España e co-funda a Asociación de Amigos de la Unión Soviética.[21]

O concepto de Xeración do 98[editar | editar a fonte]

Estatua de Valle-Inclán, alcumado fillo pródigo da xeración do 98.

O concepto de xeración literaria aplicado ao 98 foi proposto por Pedro Salinas en 1935, seguindo o criterio do crítico alemán Julius Petersen, que, en 1930, estableceu os oito trazos que debe posuír un conxunto de escritores para poder falar de xeración literaria, a saber:

  • Nacemento en anos poucos distantes (1864 - 1876).
  • Formación intelectual semellante. Salinas suxire o seu autodidactismo como elemento vertebrador desta semellanza.
  • Relacións persoais entre eles. O grupo dos Tres e os seus posteriores contactos con Unamuno e Valle-Inclán son a proba que presenta Salinas.
  • Participación en actos colectivos propios, dos cales cita tres como significativos, en 1901, 1902 e 1905.
  • Existencia dun acontecemento xeracional que aglutine as súas vontades. Neste caso, parece obvio que o Desastre do 98 cumpre ese requisito.
  • Presenza dun guía. Pedro Salinas adxudícalle tal papel ao filósofo alemán Friedrich Nietzsche. Posteriormente, esa función foille concedida a Arthur Schopenhauer e ao propio Miguel de Unamuno.
  • Trazos comúns de estilo ou linguaxe xeneracional. É visible neles un emprego do idioma diferente ao da xeración anterior.
  • Anquilosamento da xeración anterior. Os escritores da Restauración, como Benito Pérez Galdós ou Emilia Pardo Bazán están en devalo ou falecidos (Clarín).

Malia á síntese de Pedro Salinas, outros estudosos falan directamente da invención del 98[22] Consideran que non hai motivos para separar aos membros da xeración do movemento máis amplo do Modernismo, cuxos trazos esenciais serían a rebeldía e a renovación na poesía e na prosa. José Carlos Mainer fala mesmo de falsificación.

Outros autores aceptan a denominación de xeración do 98, mais cunha profunda renovación da súa interpretación. Manuel Tuñón de Lara escribiu sobre o que hai de mito e o que hai de realidade na xeración do 98[23]. Segundo el, cómpre rexeitar o mito da xeración, no sentido da súa interpretación a longa distancia do que foi un feito real, interpretación que mitificou a súa existencia e que é preciso descartar en base ao abandono da traxectoria inicial dos seus compoñentes e ao incumprimento dos obxectivos de partida. Porén, para el é un feito a existencia dun conxunto de escritores que nacen á vida creadora nos últimos anos do século XIX e primeiros do XX e que chegan a formar un grupo máis ou menos coherente, cuxo trazo fundamental pode ser a posta en tela de xuízo dos valores tópicos ata entón establecidos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lázaro, F. e Tusón V. (1988). Os outros coetáneos aos que fan referencia, cuxa pertenza ao grupo vai depender do investigador ao que nos refiramos, son Ramón Menéndez Pidal, Jacinto Benavente, Ángel Ganivet, Vicente Blasco Ibáñez ou Manuel Machado, entre outros.
  2. Las revoluciones hechas desde el poder son el pararrayos para conjurar las revoluciones de las calles y de los campos (Colectivismo agrario en España, 1898)
  3. Tierno Galván, E. (1961). Costa y el Regeneracionismo, Editorial Barna.
  4. En los anhelos socialistas está el único camino (Hacia otra España, 1899).
  5. Obras da súa mocidade foron Anarquistas literarios ou Notas sociales, de carácter propagandístico dos ideais anarquistas.
  6. As súas iniciais ideas anarquistas reflíctense no protagonista de El árbol de la ciencia.
  7. Azorín escribe cara 1905, catro anos despois do manifesto:
    No me interesa (...) la repoblación de montes, ni las cooperativas de obreros campesinos (...) Lo que me interesa ahora es modificar la mentalidad de nuestro pueblo
  8. Lázaro, F. e Tusón, V. (1982)
  9. Unamuno dixo que nel mesmo vía el más desenfrenado romanticismo
  10. Shaw, Donald Leslie (1977), La generación del 98, Ediciones Cátedra.
  11. Verbas de Azorín.
  12. Porén, é obrigado citar as excepcións de Antonio Machado e Valle-Inclán, cuxas transicións políticas foron en sentido contrario.
  13. Non está de máis incluír aquí as reflexións de Rafael L. Ninyoles que, no seu libro Idioma e poder social (1972; publicada en galego por Laiovento en 2005), fala do fenómeno da idealización compensatoria. Segundo o citado autor, a idealización dun grupo social en desvantaxe B polo dominante A, supón a adhesión máis vigorosa ao status superior e ten como razón de ser a súa función conciliadora ou reequilibradora, non sendo óbice para o prexuízo negativo que, na práctica, A seguirá a manter a respecto dos valores de B.
  14. Azorín. El mesmo afirma: La generación de 1898 es una generación historicista
  15. Shaw, D. L. (1977), La generación del 98, Edicones Cátedra.
  16. Pouco despois, en xullo do mesmo ano, publica nun artigo un diálogo entre dous personaxes no que se di o seguinte:
    ROMÁN.- Inventen, pues, ellos y nosotros nos aprovecharemos de sus invenciones. Pues confío y espero en que estarás convencido, como yo lo estoy, de que la luz eléctrica alumbra aquí tan bien como allí donde se inventó.

    SABINO.- Acaso mejor.

    El pórtico del templo

    O que Ortega y Gasset considerou como desviación africanista del maestro y morabito salmantino.

  17. Anarquistas literarias e Notas sociales
  18. Lázaro, F. e Tusón, V. (1982) Literatura española, Ed. Anaya, páx. 78
  19. Lázaro, F. e Tusón, V. (1982) Literatura española, Ed. Anaya, páx. 65
  20. Afirma por aquel entón: El carlismo tiene para mí el encanto solemne de las grandes catedrales.
  21. Xa dous anos antes, ao se proclamar a Segunda República, pide para España una dictadura como la de Lenin.
  22. Verbas de Ricardo Gullón.
  23. Na súa obra Medio siglo de cultura española, 1970.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lázaro, F. e Tusón, V. (1982) Literatura española, Ed. Anaya.
  • Lázaro, F. e Tusón, V. (1988) Literatura española 2ºBUP, Ed. Anaya.