Allariz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°11′25″N 07°48′05″W / 42.19028°N 7.80139°W / 42.19028; -7.80139

Allariz
Escudo de Allariz
Allariz concello.JPG

Concello de Allariz.
Situacion Allariz.PNG
Situación
Xentilicio[1] allaricense - alaricano
Xeografía
Provincia Provincia de Ourense
Comarca Comarca de Allariz - Maceda
Poboación 6.056 hab. (2013)
Área 86,0 km²
Densidade 70,42 hab./km²
Entidades de poboación 16 parroquias e 87 lugares
Capital do concello Allariz
Política (2011)
Alcalde Francisco García Suárez
Concelleiros BNG: 9
PPdeG: 4
PSdeG-PSOE: 0
Outros: -
Eleccións municipais en Allariz
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 96,12%
Na rede
www.allariz.com

Allariz é un concello da provincia de Ourense e pertence á bisbarra de Allariz - Maceda. Segundo o IGE en 2012 tiña 6.059 habitantes (5.506 no 2007, 5.433 no 2006, 5.351 no 2005, 5.313 no 2004, 5.216 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é allaricense ou alaricano.

Demografía[editar | editar a fonte]

Evolución da poboación de Allariz (desde 1900 ata 2013)
 1900  1930  1950  1981  2004  2009  2011  2012  2013
 9.083  8.707  9.366  5.530  5.313  5.910    6.059  {{{9}}}
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Censo Total 6.056
Menores de 15 anos 755 (12.47%)
Entre 15 e 64 anos 3.740 (61.75%)
Maiores de 65 anos 1.561 (25.77%)

Xeografía[editar | editar a fonte]

As dezaseis parroquias que conforman o concello de Allariz.

O concello de Allariz sitúase na metade occidental da provincia de Ourense, ocupando unha extensión de 86 km², pola que se espallan 87 núcleos de poboación repartidos en 16 parroquias. Linda ao norte con Taboadela, ao sur con Rairiz de Veiga e Vilar de Santos, ao leste con Paderne de Allariz, Xunqueira de Ambía e Sandiás, e ao oeste coa Merca e A Bola.

O punto máis elevado do municipio é o monte Penamá (927 m). A rede hidrográfica xira en torno ao río Arnoia, de 87 km de lonxitude, que atravesa o municipio de leste a oeste. O clima pódese definir como atlántico de interior con influencias continentais, con grande abundancia de microclimas dependentes do val.

As comunicacións establécense por estrada. As principais son a estrada N-525, Benavente - Santiago de Compostela, e a autovía A-52, Benavente - Vigo, que cruzan o municipio de noroeste a sureste.

O conxunto urbano de Allariz resulta de especial interese dentro de Galicia sendo merecedor en 1971 da declaración de Conxunto Histórico-Artístico.

Goberno e política[editar | editar a fonte]

Na actualidade, o alcalde do concello de Allariz é Francisco García Suárez, do BNG, que goberna revalidando a súa maioría absoluta tralas eleccións de xuño de 2007. Os partidos políticos máis relevantes no ámbito local, ademais do BNG, son o PPdG, cuxo actual portavoz no pleno é Antonio Rodríguez Miranda, e o PSdeG con José Manuel Cid Feijóo.

O concello de Allariz estrutúrase en diferentes concellerías: de cultura e normalización lingüística, de servizos municipais: deportes, mocidade, transportes e alumeado público; de medio ambiente; de benestar social e participación cidadá, de promoción económica, turismo e comercio e policía local; e de obras. O concello celebra plenos ordinarios cada mes, aínda que con frecuencia celébranse plenos extraordinarios, co fin de debater temas e problemas que afectan ao concello.

A xunta de goberno, presidida polo alcalde, está composta actualmente polos 9 concelleiros do BNG. A corporación municipal está formada por 13 membros, 9 do BNG, 3 do PPdG e 1 do PSdeG.

Eleccións municipais, 27 de maio de 2007[3]
Partido Votos % Concelleiros
BNG 2.492 66,45 % 9
PPdG 938 25,01 % 3
PSdeG 252 6,72 % 1
Eleccións municipais, 22 de maio de 2011[4]
Partido Votos % Concelleiros
BNG 2.298 60,87 % 9
PPdG 1.167 30,91 % 4
PSdeG 160 4,24 % 0

Historia[editar | editar a fonte]

A poboación ten a súa orixe no castro que domina o decorrer do río Arnoia, cruzado por camiños estratéxicos; mais o seu desenvolvemento primixenio está sen aclarar. Da época sueva hai varias lendas, como a que marca a súa fundación por Aliarico ou a de ter sido Corte de Witiza.

O que se pode asentar para ese período é que un cabaleiro suevo de nome Aliarico a repoboou cara os séculos V-VI con carácter agrícola dándolle o nome de Villa Aliarici.

O seu papel propiamente histórico comeza no século XI, ao se converter no berce da monarquía galaico-leonesa. No propio século XI Afonso VI de León mandou erguer o castelo e as murallas. Entre os anos 1132 e 1140 foi fundamental nas guerras contra a expansión secesionista do reino de Portugal, polas que o sur de Galicia non foi absorbido por Portugal. No século XII Afonso VII concédelle á Vila o famoso Foro que a converteu en poboación de reguengo. Todo indica que o castelo de Allariz foi sempre residencia das familias reais e lugar de educación dos príncipes e dos infantes. O período chamado "Século de Galiza", no que esta se cubriu de igrexas, mosteiros, castelos e prósperas poboacións e no que as artes e as letras chegaron a construír unha civilización propia, foi consecuencia da irradiación do poder real aquí asentado. Sendo rei Afonso X o Sabio, veu en darse á Vila un trato especialísimo, e mesmo se mantivo e reforzou a vixencia do foro de Afonso VII contra a súa propia tendencia unificadora. Porén, non puido conter a revolta da "Vila de Allariz" en favor do infante Don Sancho quen a nomeou "Chave do Reino de Galicia", ao mesmo tempo que en extramuros medraba unha importante colonia xudía. A finais do XIV agudizouse a oposición entre o poder real que representaba a Vila e o episcopal do veciño Ourense. En 1446 Xoán II cedeu a Vila e a súa xurisdición ao Conde de Benavente que a desexaba para as súas aspiracións de dominar toda Galicia. En 1471 os Irmandiños de Galicia sitiaron o Castelo. Este famoso cerco durou 9 meses. No mesmo século XV tivo lugar a fundación do Hospital.

Entre os séculos XVI y XVII constrúense numerosas casas fidalgas, érguense os catro Cruceiros da Vila, fúndase o Pósito Agrícola e comeza unha serie de guerras con Portugal que continúan no século XVIII pola cuestión sucesoria. Neste mesmo século, un incendio destrúe parte do Convento das Clarisas que se reedifica posteriormente.

Entre 1571 e 1580 houbo vagas de peste bubónica, polo que os medos da época espertaron a procura da protección do ceo, e quedasen disto obras de tanta significación como os cruceiros. Froito de canteiros alaricanos, a composición das súas figuras é acusadamente gótica serodia.

O século XIX comeza coa ocupación das tropas napoleónicas, o que causou numerosos estragos no valioso patrimonio da Vila, mais o exército de Soult, derrotado no Porto buscou tres meses despois un precario refuxio na Vila. A desamortización de mediados de século levou ao desmantelamento do Castelo e arruinou o Mosteiro. O século remata coa desaparición da ponte da Zapatería e de boa parte dos tramos amurallados. En 1900, a Vila vive intres de prosperidade, chegando a ter 10.000 habitantes. O liño era a principal ocupación con máis de 50 talleres. A decadencia desta actividade coincide co despunte do curtido do coiro, principal actividade da bisbarra xunto coa cerámica até principios dos 60.

Dende entón, prodúcese unha decadencia económica e demográfica da que Allariz rexorde nos últimos anos.

Patrimonio histórico[editar | editar a fonte]

O casco histórico ofrece un bo estado de conservación, en 1971 acadou a declaración de Conxunto Histórico Artístico. En 1994 recibiu o Premio Europeo de Urbanismo polo proxecto de Recuperación Integral do Conxunto Histórico-Artístico de Allariz e do río Arnoia.

Monumentos[editar | editar a fonte]

O Convento de Santa Clara e Museo de Arte Sacra foi fundado en 1268 pola raíña Dona Violante, esposa de Afonso X o Sabio. O templo foi construído no século XIII pero a actual reconstrución é do XVIII a consecuencia dun incendio que sufriu o convento o 15 de xaneiro de 1757. Posúe o claustro barroco máis grande de España. Aquí residen monxas en estrita clausura polo que non é posible acceder máis que á igrexa e ao museo que contén dúas pezas de máximo interese: a "Virxe abrideira", relacionada cos modelos composteláns do s. XIII e a "Cruz de cristal de rocha". Nas súas proximidades atópase a Igrexa de San Bieito, patrón da cidade.

O Campo da Barreira está delimitado pola construción do Real Mosteiro de Santa Clara nun dos laterais, e no centro pola Fonte circular de Ferro Caaveiro do ano 1783 con árbore fasciculada.

A capela Santuario de San Bieito foi iniciada en 1770, sendo o proxecto orixinal revisado na súa totalidade. É un modelo barroco, pola proporción dos seus elementos, a marabillosa lanterna e o campanario.

Igrexa de Santo Estevo de Allariz.

A igrexa Parroquial de Santo Estevo é un templo románico, do primeiro terzo do XII, modificada en 1581, cando se constrúe a torre. Na alzada sur, hai tres sartegos encaixados en arcos de descarga. A obra do s. XVI en Santo Estevo está feita cos perpiaños do Campo dos Brancos, cos que se inicia unha correlación entre a reconstrución das igrexas románicas e a destrución das fortificacións.

O Penedo da Vela e Castelo é unha atalaia natural no antigo asentamento do castelo, con vista panorámica. Comezou a súa construción entre 1072 e 1078 con Afonso VI. Entre finais do XIV e principios do XV sufriu unha considerable reconstrución. Tiña planta rectangular, división interior en dous cadros, correspondentes posiblemente coas dúas plataformas actuais. Catro torres circulares, unha en cada esquina. Xa en moi mal estado dende tempo atrás, o Castelo desaparece a mediados do XIX por efecto da desamortización de Madoz.

O Barrio Xudeu do Socastelo foi creado extramuros no século XIII, despois de varios asentamentos xudeus nos barrios de San Pedro, Arroleiro e Vilanova. A súa presenza garda relación directa coa tradición e a lenda do fidalgo Xan de Arzúa e a Festa do Boi no Corpus.

Igrexa de Santiago de Allariz.

A Igrexa Parroquial de Santiago foi iniciada cara a 1119, sendo un exemplar arquetipo do románico popular galego. De nave única e ábsida semicircular, conserva integramente a súa estrutura primixenia. O famoso treito semicircular da ábsida é un trunfo da decoración figurativa románica coa arquería cega. Ao norte ten unha á gótica con arcos, capela e sancristía. O retablo renacentista no que os altos relevos están perfectamente logrados, foi trasladado a San Bieito.

A Paneira era un monte de piedade, institución de crédito agrícola en funcionamento entre os séculos XV e XVIII.

A Casa Torre de Castro Oxea posúe tres corpos arredor da torre que data de principios do século XVI. A alzada da Rúa da Cruz é de 1748, de estilo barroco.

miniatura

A Ponte de Vilanova ten traza orixinal románica, se ben sufriu varias reconstrucións. Ten calzada en ángulo, e no machón oposto ao tamallar, uns perpiaños co escudo da "Vila de Allariz".

O Pazo do xulgado e instrución, agora convertido en Centro Social. Con aire de típico pazo galego posúe dúas plantas e é un exemplar de estilo colonial incongruente en Galicia. Aloxa o Museo Galego do Xoguete.

Restos da muralla. No seu trazado definitivo (finais do século XV) acada unha lonxitude dun km, cunha anchura media de 2 metros e 11 metros de altura por termo medio, chegando nalgún punto aos 20 metros.

Igrexa de San Pedro.

A Igrexa de San Pedro foi consagrada en 1173, se ben da obra románica, que tiña un claustro, só queda a capela maior desfigurada. Forte torre inspirada nas militares da Vila. No sur ten encaixado o notable portón da ex-parroquial de San Salvador de Piñeiro.

A Igrexa de Santa María de Vilanova é románica, iniciada cara a 1180. Presenta unha nave de planta e capela única; o treito do presbiterio conserva toda a pureza primixenia. Sobre aquel hai un rosetón. Posúe un retablo barroco coa imaxe da patroa da vila.

O Colexio dos Salesianos conserva encastrados arcos, pilastras, cornixas e pináculos da Igrexa da Asunción, que era de 1616. Severo estilo inspirado no Herreriano. Iníciase a súa construción no 1918.

Existe tamén un cruceiro sito no Piñeiro, de pouco valor artístico, pero testemuña dun terrible suceso acontecido o 23 de xullo de 1902, cando un raio penetrou na igrexa do Piñeiro pola sancristía: ao atoparse a porta tancada o lostro non puido saír polo que as 25 persoas presentes morreron queimadas e por asfixia. En memoria dos mortos, e no lugar onde se levantaba a igrexa, erixiuse un prisma de granito con capitel e cruz.

Arredores[editar | editar a fonte]

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Os amendoados de Allariz son un dos doces máis famosos dentro da provincia de Ourense. Os amendoados son unha mestura de améndoa moída, mesturada con azucre e clara de ovo. Cando está sólida a masa resultante deposítase enriba dunhas obleas e lévase ao forno. Este é o doce máis inequívoco da provincia, que noutro tempo tivo moitas amendoeiras. Tamén son de mención a Torta Real, as améndoas do pico e as roscas do cazo.

Festas e feiras[editar | editar a fonte]

Festa do Boi en Allariz
  • Festa da Empanada, na terceira fin de semana de agosto
  • Festa do Boi, coincidindo co fin de semana do Corpus Christi
  • Festa de San Bieito, o venres, sábado e domingo que coincidan máis próximos á festividade do 11 de xullo
  • Festival multicultural Reperkusión, no mes de setembro.
  • Festa do Doce
  • Feiras, no Campo da Barreira, os 1 e 15 de cada mes.
  • Romarías: de santa Mariña de Augas Santas o 18 de xullo; de Vilar de Flores o 15 de agosto
  • Festas etnográficas do ciclo do pan; realizándose entre xullo e agosto a seitura e posterior malla na parroquia Queiroás a moenda na propia vila de Allariz e a fornada na parroquia de Seoane.
  • Festa do Millo celebrada en outubro na devandita parroquia de Seoane, coñecida tamén como Terra do Millo.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Allariz.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Allariz

Allariz (Santiago) | Allariz (Santo Estevo) | Augas Santas (Santa Mariña) | Coedo (Santiago) | Os Espiñeiros (San Breixo) | Folgoso (Santiago) | Meire (Santa María) | Queiroás (San Breixo) | Requeixo de Valverde (Santa María) | San Mamede de Urrós (San Mamede) | San Martiño de Pazó (San Martiño) | San Trocado (San Trocado) | San Vitoiro da Mezquita (San Vitoiro) | Santa Baia de Urrós (Santa Baia) | Seoane (San Xoán) | Torneiros (San Miguel)


Lugares de Allariz[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Allariz vexa: Lugares de Allariz.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Allariz

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca de Allariz-Maceda Comarca de Allariz-Maceda
Allariz
Allariz
Baños de Molgas
Baños de Molgas
Maceda
Maceda
Paderne de Allariz
Paderne de Allariz
Xunqueira de Ambia
Xunqueira de Ambía
Xunqueira de Espadanedo
Xunqueira de Espadanedo