María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato de María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias. Franz Xaver Winterhalter, 1841.

María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, nada en Palermo o 27 de abril de 1806 e finada en Sainte Adresse (Francia) o 22 de agosto de 1878, foi unha nobre italiana, raíña consorte de España polo seu matrimonio con Fernando VII e raíña rexente durante a minoría de idade de Isabel II.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

ca.1870

Era filla de Francisco I Dúas Sicilias e de María Isabel de Borbón, e casou co seu tío, Fernando VII. Actuou como rexente durante a enfermidade e a morte do seu esposo, até que a súa filla Isabel acadase a maioría de idade e puidera chegar ao poder.

Para preservar os dereitos da súa filla ao trono de España, María Cristina apoiouse nos políticos liberais moderados, para facer fronte ao opositor da súa filla Carlos María Isidro de Borbón, que estaba apoiado polos sectores do absolutismo.

Na súa etapa de rexente, tivo que facer fronte á Primeira Guerra Carlista. Tratou de gobernar o país por medio dun Estatuto, pero a insurrección de La Granja obrigouna a volver ao constitucionalismo. A súa política, hostil aos avances liberais, provocou un "descontento" na súa contra (1848) xustamente ao remate da Primeira Guerra Carlista. Ademais, durante a súa rexencia no 1833, disólvese a Xunta Superior do Reino de Galiza, dividindo a Galiza en catro provincias. Dende o seu cargo, mandou imprimir a Carta Xeométrica de Galicia, que elaborara o xeógrafo Domingos Fontán.

Renunciou á rexencia e marchou a Francia, deixando en España ás súas fillas (Isabel e Luísa Fernanda). Nese momento xa era de dominio público que, pouco despois de morrer Fernando VII, María Cristina casara en segredo (28 de decembro de 1833), en matrimonio morganático, co sarxento Agustín Fernando Muñoz, con quen tivo oito fillos desa relación , o que lle supuxo unha boa parte da súa impopularidade cando finalmente se fixo público.

Desde Francia, Cristina conspirou contra o xeral Espartero e promoveu o levantamento frustrado de 1841. Coa caída de Espartero volveu a España, influíu na política do país e participou en negocios "sucios" que fixeron que a súa desacreditación e o odio popular se estenderan.

Coa revolución de 1854 evitou o xuízo grazas á axuda de Espartero, que lle permitiu fuxir. Dende aquel momento fixou a súa residencia en Sainte Adresse (Francia), onde morreu o 22 de agosto de 1878.

Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias