Foro (contrato)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O foro é un tipo de contrato, especialmente agrario, de longa duración ou, eventualmente, perpetuo, polo que unha persoa ou institución —fidalguía e Igrexa— lle cede a outra o uso ou proveito dunha cousa ou ben (xeralmente unha terra), a cambio do cumprimento de diversas condicións previamente estipuladas.

Características[editar | editar a fonte]

Trátase dunha fórmula de cesión de bens, normalmente de natureza agraria, que presenta grandes analoxías co censo enfitéutico, pola que un titular da riqueza (o concedente ou forista) lle cedía a outro (o concesionario ou foreiro) uns bens determinados, a cambio do pago dun canon ou renda, ademais doutras obrigas, que mudaron co paso do tempo. A súa figura xurídica supoñía a existencia dunha pluralidade de dominios, na que o forista retiña para si o dominio directo, mentres que o foreiro recibía o dominio útil da riqueza aforada. A duración destes contratos agrarios, dende o principio moi longa, fixouse por vidas de 3 voces (vidas de foreiros) ou de 3 reis e 29 anos máis. Pero, a diferenza da enfiteuse, o foro non era unha cesión perpetua e, polo tanto, non se podía redimir. Os bens aforados debían retornar, co seu correspondente dominio, ó titular do directo que, en todo caso, debía pagar as melloras ou perfeitos que o dominio útil ou foreiro fixera.

O territorio galego foi un dos espazos peninsulares nos que arraigou de forma máis clara esta práctica, aínda que, con este nome ou con outros semellantes (prazos, establecementos), se atopan cesións agrarias análogas en moitas rexións do norte de España e de Portugal, así como en Europa. Segundo os cálculos de autores do século XIX, a súa implantación en Galicia chegaría a afectarlles ás catro quintas partes da área cultivada. Só na antiga provincia de Mondoñedo, amais dalgunhas comarcas illadas do interior, tiñan relevancia outras formas, como os arrendos ou as parcerías.

O foro naceu nos tempos medievais, pero mantívose en vigor ata o século XX, cando un decreto lei de 1926 regulou de modo definitivo a súa extinción mediante o procedemento da súa redención por parte do foreiro, a cambio do pago dunha indemnización ao forista. A desaparición deste sistema foi un proceso relativamente rápido e fixouse logo na Compilación del Derecho civil especial de Galicia de 1963 o seu cesamento absoluto en 1973. A vixencia legal do foro rematou daquela, despois de máis de oito centurias de existencia. Pero a súa historia non resultou uniforme, senón que viviu xeiras ben diferentes que se poden agrupar en varias fases. Con todo, as cuestións esenciais redúcense a dúas: a condición temporal ou perpetua e as obrigas que debían cumprir os foreiros ou levadores da terra. Ámbalas dúas, especialmente a primeira, foron obxecto de conflitos en diversos momentos da historia do foro.

Período de formación[editar | editar a fonte]

Como forma de cesión agraria, os primeiros foros apareceron a finais do século XII, sobre todo na documentación de mosteiros cistercienses. Logo, durante o século XIII, a adopción desta práctica xeneralizouse no seo dos señoríos eclesiásticos e tamén nos laicos, fixándose entón algunhas das características básicas que mantivo ata o final: a cesión a longo prazo, cando non perpetua, condición frecuente no século XIII, e o pago dun canon ou renda, que debía ir acompañado do recoñecemento de vasalaxe por parte do foreiro. Durante os séculos XIV e XV, nos que se produciron as crises demográficas e o abandono dos campos, os foros perpetuos deixaron de ser hexemónicos, impoñéndose a tendencia á limitación temporal (daquela, en forma de voces sucesivas na titularidade das labranzas, e non de reis). Malia estas mudanzas, non foi substituído por outras formas de cesión da terra.

O foro xurdiu como expresión dunha madurez da sociedade rural medieval, na que tanto os grandes dominios monásticos coma as aldeas gozaban de clara estabilidade. Comportou o abandono progresivo da explotación directa por parte dos señores da terra, entre eles aqueles que moitos documentos titulan de frades lavradores. Supuxo tamén a existencia de mecanismos de coerción capaces de garantir os requisitos establecidos nos documentos forais. Era común o vencello da condición de foreiro coa de vasalo, de modo que en moitos foros medievais se estipulaba o deber de "fazer foro et vasalía". Regulaba, pois, non só as relacións coa terra, senón tamén as sociais establecidas entre os señores e os vasalos. Moitas das obrigas propias do réxime señorial, dende os traballos agrarios (vendimas, seituras, mallas...) ata as hospedaxes do señor e o pago da loitosa, debían cumprilas os foreiros na súa condición dupla de vasalos "boos et obedentes". En realidade, reunía en si mesmo as características propias dun contrato de natureza romana (temporalidade, renda, reversión da leira ó dominio directo...) e xermánica ou manifestamente feudal (vasalaxe, servizos persoais, loitosa etc.).

Contrato territorial[editar | editar a fonte]

A natureza do foro medieval experimentou unha dobre muda nos primeiros séculos da época moderna. Por unha banda, consolidouse como forma de cesión da terra, nun tempo no que na coroa de Castela se fora impoñendo ó abandono das cesións a longo prazo, os chamados fetosines. No canto de devalar, o foro volveuse máis vizoso. Pola outra, cambiaron as condicións do contrato, sobre todo no referente ás obrigas de carácter vasalático que arrastraba dende os tempos medievais. As dúas mudanzas poden ser explicadas en virtude das transformacións sociais que tiveron lugar nos séculos XVI e XVII. O resultado xeral do proceso foi que o foro se converteu nun contrato agrario de base territorial e perdeu progresivamente a súa condición señorial ou xurisdicional.

Dende o século XVI produciuse en Galicia unha reordenación dos seus grupos sociais, o que lle afectou de forma directa ó foro, en canto figura xurídica que regulaba as relacións sociais agrarias.

En primeiro lugar, despois da crise dos anos finais do medievo, a Igrexa reafirmou a súa fortaleza coa reforma dos mosteiros e coa recuperación dos patrimonios que os cabaleiros encomendeiros lle usurparan. As institucións eclesiais, regulares ou seculares, convertéronse nas principais titulares dos dominios territoriais, ademais de verse favorecidas pola percepción dos décimos, un dos seus ingresos anuais máis pingües. Isto explica que, na época do catastro de Ensenada (1753), a distribución das rendas agrarias censadas en Galicia lle fora notoriamente favorable á Igrexa, que concentraba preto de dous terzos. A Igrexa, que abandonara a explotación directa xa en tempos medievais, beneficiou agora a difusión do foro como forma de cesión da terra.

En segundo lugar, reforzouse a alianza entre a Igrexa e a fidalguía emerxente e a pequena nobreza provincial. Dende finais do século XV inzaron os documentos nos que os mosteiros e as mitras lles concederon cartas forais extensas a escudeiros, escribáns e persoas poderosas. En moitos casos, estas cesións xa recoñecían que os recipiendarios poderían aforarlles a labradores as granxas e os lugares a eles aforados. Sen dicilo de forma expresa, estaba a nacer a subordinación de dominios ou o que logo se chamará subforo. A razón pola que a Igrexa tivo que adoptar esta estratexia debeuse, en moitos casos, a que só deste xeito podía restaurar os seus dominios territoriais e asegurar a súa labranza. A consolidación do foro escondeu, pois, unha alianza complexa entre os distintos grupos sociais.

En terceiro lugar, cómpre ter en conta a posición activa dos propios campesiños na transformación da natureza dos contratos forais. Os patrimonios aforados a fidalgos e labradores abastados foron, á súa vez, cedidos en foro e non en forma de arrendo nin de parcería. Os labregos traballadores da terra consolidaron, aínda que dunha maneira máis demorada, os seus dereitos sobre ela, grazas á estabilidade que lles achegou a cesión a longo prazo dos foros ou subforos. Os fidalgos intermediarios non foron quen de tronzar o elo fundamental da institución foral, que era a súa estabilidade e longa duración. Como recoñecía en 1537 o arcebispo de Compostela Pedro Gómez Sarmiento, "se ve por experiencia ser mas útil y provechoso dar a fuero o arrendamiento por vidas tales casares y heredamientos", porque deste modo os labradores traballaban mellor os eidos e non os abandonaban.

Este resultado non foi, con todo, obra de pouco tempo. Durante o século XVI e boa parte do XVII abundaron os preitos e os apeos de patrimonios nos que os labregos litigaron de forma sistemática pola permanencia sobre a terra. A tendencia predominante era que os levadores de foro aceptaban recoñecer o dominio eminente de mosteiros, igrexas e señores laicos, a cambio de concederlles foros novos, con rendas sabidas e xeralmente fixas. En troques, todas as vellas obrigas consistentes no pago de servizos (prestacións en traballo, loitosas e demais) reducíronse a cantidades invariables en metálico. Mesmo se deu o caso de que moitos campesiños perderon a propiedade plena dalgúns dos seus bens, a cambio de ser foreiros.

Grazas a esta complicada relación existente entre os diversos grupos sociais con intereses agrarios e á penetración progresiva do dereito común establecido pola xurisprudencia da Real Audiencia, o foro galego camiñou directamente cara á súa contractualización. De estar baseado nunha dependencia persoal foi pasando cara a un dereito real, con fundamento ou base territorial, cunha duración certa (3 vidas de reis e 29 anos máis) e unha renda sabida e fixa en especie, con algún engadido en diñeiro. Esta foi a imaxe que foi adquirindo o réxime foral na Galicia dos séculos modernos. Pero ficaba en pé o problema da súa temporalidade. Isto abriu un magno conflito a mediados do século XVIII, que marcou a situación do foro ata a súa fase final.

Temporalidade perpetua[editar | editar a fonte]

En 1863, cando se levantou a polémica sobre unha posible lei de redención dos foros, o xurista Fermín de Muro cuñou a idea de que o foro galego vivía nunha contradición evidente. Constituía claramente un contrato agrario de carácter temporal, con data certa de extinción por moi alongada no tempo que estivese estipulada. Pero tamén era tradición xurídica asentada o feito de que non se podía producir a reversión do dominio útil, isto é, que non era viable o desafiuzamento dos foreiros nin dominios útiles a favor dos dominios directos e perceptores das rendas forais. Esta situación foi o resultado dun proceso histórico que comezou coa provisión de 1763 e que proseguiu en boa parte da lexislación que as reformas liberais produciron en materia agraria, dende as grandes medidas da abolición dos señoríos e da desamortización, como nas disposicións concretas sobre os censos e os foros, ata a codificación civil e o propio Código civil de 1889. Todas estas medidas tiveron que enfrontarse con esta temporalidade perpetua, que non se rompeu ata a lexislación redencionista definitiva de 1926. Os pasos seguidos neste proceso foron varios.

O primeiro e o máis decisivo foi a solución acordada en 1763 polo monarca Carlos III, con ocasión da chamada polémica dos desafiuzamentos, que se plasmou nunha famosa provisión. A mediados do século XVIII, moitos mosteiros galegos e algunha casa nobiliaria como a de Altamira, coñecidos na literatura coetánea como dominios directos, trataron de que a Audiencia de Galicia admitise as demandas de desafiuzamento (despoxo) de foros. O obxectivo era fixar de modo diáfano a súa temporalidade e, polo tanto, abrir a posibilidade de que se puidesen transformar en arrendos ou en cesións a curto prazo. A resposta dos foreiros principais, que se autotitularon representantes do Reino de Galicia, estivo na defensa da renovación forzosa dos foros na cabeza dos que viñan sendo os seus titulares ou dominios útiles. A polémica avivouse tanto que o historiador Manuel Murguía non dubidou en cualificar o problema como o conflito por antonomasia de toda a historia do foro. Certamente, nos anos previos a 1763 abríronse numerosos preitos na Audiencia galega a petición dos dominios directos; nalgún caso, como o do cenobio de Sobrado, logrouse a anulación dos foros e mailo desarrendamento dos labregos. Pero a solución, dentro dunha ambigüidade inicial, non se demorou moito. A provisión de maio de 1763 estableceu o mandato de que a Audiencia de Galicia suspendera toda a tramitación pendente de demandas de desafiuzamento por parte dos dominios directos ata que o Consello de Castela resolvera o expediente xeral de foros, aberto en tal ocasión. A posición dos foreiros saíu triunfante.

As razóns que explicaron a decisión de Carlos III foron diversas. As máis importantes tiveron que ver coa propia determinación da monarquía de combater os privilexios da Igrexa e de favorecer a posición dos intermediarios. Tamén resultou decisiva a defensa que a fidalguía, algúns representantes da Igrexa (como o arcebispo compostelán Bartolomé de Raxoi) e, dende logo, algúns membros do Consello de Castela fixeron das teses favorables á renovación forzosa dos foros, que xa contaban con defensores ilustres como o xurista Francisco Salgado de Somoza, autor do Patrocinium pro patria, publicado a principios do século XVII. A modificación do réxime foral, para ser substituído polo que Sarmiento chamou puro arrendo, non foi posible, porque eran moito máis poderosos os intereses que, dende os séculos anteriores, se teceran entre os fidalgos e nobres intermediarios e os campesiños. Mediar pola renovación forzosa dos foros supoñía non só evitar os arrendos, senón asegurar os dereitos sobre a terra que a territorialidade do foro viña establecendo dende o século XVI. Certamente, ó ser un contrato agrario sen ganga señorial, o foro podía ser trocado polo arrendo, pero isto implicaba descabezar boa parte da estrutura sociolóxica do Reino de Galicia.

O foro mantívose na súa condición de cesión temporal, pero na práctica fíxose perpetuo. Nesta dirección seguiron avogando as disposicións legais emitidas despois de 1763, que pasaron de ser unha medida cautelosa a dispoñer, como aconteceu en 1785, que a Audiencia non admitise a trámite as demandas de desafiuzamento. Logo, na lexislación sobre os censos de 1805 volveuse fixar a situación dos foros como algo excepcional, ao impedir a súa redención, xusto porque formalmente non se podían considerar como perpetuos e, polo tanto, redimibles.

Durante o proceso revolucionario aberto en 1808 produciuse un segundo paso na perpetuación de facto do foro. No decreto abolicionista de 1811 non se mencionaban de forma explícita as rendas forais, o que permitía entender que se consideraban como expresión de contratos establecidos entre particulares e, polo tanto, exentos de todo perigo abolicionista. Aínda que houbo litixios ben ruidosos nesta época, nos que os veciños de diversas comarcas alegaron que as rendas forais procedían do exercicio da xurisdición dos señores, as sentenzas xudiciais foron sistematicamente favorables ós perceptores de rendas. Logo, na lexislación desamortizadora da época de Mendizábal, as rendas forais consideráronse como bens nacionais susceptibles de venda en poxa pública, limitando no posible a súa eliminación mediante o procedemento da redención. A reforma liberal reforzou a posición do foro, que mesmo se utilizou para converter as percepcións evidentemente xurisdicionais (pagos de cuartos e quintos) en pensións asimiladas a rendas forais, como amosou o coñecido preito da casa de Alba cos veciños de Iñás, Dexo e Serantes (Oleiros), en 1857. Con todo, no curso da codificación civil, a lexislación liberal tratou de darlle unha solución á cuestión foral, resolvendo a vella contradición da súa temporalidade perpetua. Comezaba así a fase final do foro, que se alongaría ata o século XX.

Demorada desaparición[editar | editar a fonte]

Aínda que o proxecto do Código civil de 1851 non chegou a aprobarse, a lexislación sucesiva en materia de propiedade territorial (principalmente, a Lei hipotecaria de 1861) foi modificando a natureza do foro. Dende os anos 60 do século XIX apareceu unha tendencia doutrinal e política que pretendía darlles unha solución definitiva ós daquela denominados foros de Galicia e Asturias. Isto abriu un debate en torno ó foro que tivo como primeira expresión o proxecto de lei de redención dos foros elaborado polo deputado galego Justo Pelayo Cuesta en 1864. Tratouse dunha aposta a favor dunha solución redentora que, non obstante, se topou cunha forte resistencia da sociedade galega, como amosaron os debates que tiveron lugar no Congreso Agrícola Gallego, desenvolvido en Santiago de Compostela no verán daquel ano. O resultado máis rechamante das discusións do congreso foi xustamente o de manter o statu quo na cuestión foral. Dado que non era posible unha solución de carácter reversionista (favorable ós dominios directos), evitouse a saída do redencionismo.

Durante a I República aprobouse, e púxose en práctica, unha lei de redención de foros, defendida polo republicano Juan Manuel Paz Novoa. Estivo en vigor apenas seis meses (de agosto de 1873 a febreiro de 1874), de modo que foron poucos os foreiros que puideron acceder á redención das súas rendas forais. Pero tivo o mérito de abrir a primeira fenda no vello edificio do foro galego. A solución á súa indefinición legal (temporal e perpetua á vez) era a súa eliminación, mediante a indemnización ó perceptor de rendas por parte do pagador. O redencionismo, que tamén se fora abrindo paso na política desamortizadora dende a época de Madoz, era a posición claramente triunfante fronte a un posible reversionismo que carecía de lexitimidade.

Dende 1874 en adiante, ata 1926, sucedéronse varios proxectos de redención foral, que non lograron traducirse en leis (entre os máis coñecidos, o de Montero Ríos, en 1886, e o de Eduardo Vincenti, en 1907). O definitivo Código civil de 1889 estableceu a necesidade de que, por unha lei especial, se regulara a redención de foros. Publicáronse daquela textos xurídicos e históricos importantes sobre a cuestión foral (Murguía, Gil Villanueva, López de Lago, Pérez Porto, Lezón...), pero a decisión política de resolvela non chegou ata un decreto lei de 1926, froito da política agraria de Primo de Rivera, atenta á promoción do mercado interior e á posición dos produtores agrarios. O decreto de Primo de Rivera regulou definitivamente o termo dos contratos de foro mediante unha capitalización elevada das rendas, pero soportable pola inflación que se producira despois da I Guerra Mundial.

Nos anos posteriores a este decreto, incluídos os da II República que aliviaron algunhas partes do proceso de redención, tivo lugar a derradeira fase de eliminación do réxime foral, que legalmente culminou durante o franquismo. Despois de séculos de conflitos en torno ao sistema foral, a liquidación deste vello contrato agrario efectuouse sen moitas dificultades. Este final non sería comprensible sen ter en conta as décadas previas, nas que a cuestión foral se situou no epicentro da vida social e política da Galicia tanto rural coma urbana.

Dende finais do século XIX, diversos feitos concorreron no debilitamento do foro. Os efectos da crise agraria de fins do século XIX foron demoledores para os rendeiros, que se viron desprotexidos ante o avance dos produtores directos. A mobilización dos campesiños galegos, organizados en sociedades e sindicatos agrarios, colocou a redención dos foros na dianteira das súas reivindicacións, logrando en moitos casos acordos particulares entre as comunidades de foreiros e rendeiros.

E por se todo isto fora pouco, a masiva emigración americana achegou os recursos monetarios necesarios para sufragar os gastos da redención foral, así como unha modernización notable das labranzas campesiñas.

A suma de todas estas tendencias favoreceu unha onda histórica de propietarización campesiña, que tivo na eliminación do foro unha das súas expresións máis acaídas. Finalmente os labregos lograron facerse donos de seu grazas a redención.