Associaçom Galega da Língua
A Associaçom Galega da Língua é un colectivo reintegracionista creado en 1981 que pretende a plena normalización do galego, que entende ser unha póla da lingua galego-portuguesa. Contraria á normativa da RAG, a súa Comissom Lingüística editou as súas propias normas en 1983 co título de Estudo crítico das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. No ano 2007 conta con 474 asociados.
A AGAL busca e incorporación do galego ao ámbito lingüístico galego-luso-brasileiro. Considera que o galego é a denominación que o portugués ten en Galiza e asume que o nome internacional é portugués.
Índice |
[editar] Constitución da AGAL
En maio de 1981 tiveron lugar varias reunións en Santiago de Compostela que deron como principal conclusión que compría aproveitar as novas condicións políticas (Estatuto de Autonomía de Galiza) para para dar resposta aos problemas da lingua galega. Para iso acordouse constituír unha asociación (a AGAL) que tería o obxectivo de conseguir umha substancial reintegraçom idiomática e cultural do galego, especialmente nas manifestaçons escritas, na área lingüística e cultural que lhe é própria: a galego-luso-africano-brasileira (extracto dos primeiros Estatutos da AGAL).
O 9 de xuño dese ano redactouse na Coruña a Acta Fundacional, figurando como membros da mesma Xavier Alcalá, António Gil Hernández, Manuel Miragaia, José Maria Monterroso e Joám Carlos Rábade. No mes de outubro a asociación legalizouse e xa en decembro elixiuse o primeiro Conselho Nacional, presidido polo membro fundador Xavier Alcalá.
[editar] Presidencias
- 1981 a 1982: Xavier Alcalá (enxeñeiro de telecomunicacións e escritor)
- 1982 a 2001: Maria do Carmo Henríquez Salido (lingüista, profesora da Universidade de Vigo)
- 2001 a 2007: Bernardo Penabade (lingüista e profesor de Lingua Galega no IES Perdouro de Burela)
- 2007 a 2009: Alexandre Banhos (sociólogo, funcionario)
- Desde 2009 o presidente é Valentim Rodrigues Fagim (lingüista e profesor de portugués na Escola Oficial de Idiomas de Ourense)
[editar] Membros de Honra
Durante a súa historia, sobre todo nos primeiros anos, a AGAL distinguiu como Membros de Honra diferentes personalidades:
- Galegos: Ricardo Carvalho Calero e Jenaro Marinhas del Valle
- Galegos exiliados e emigrados: Ernesto Guerra da Cal, Ricardo Flores, Higino Martins
- Portugueses: Manuel Rodrigues Lapa, Óscar Lopes
- Brasileiros: Leodegário A. de Azevedo Filho, Sílvio Elia, Gladstone Chaves de Melo
[editar] A AGAL como editora
A AGAL foi recoñecida formalmente como editora a finais de 2008 [1] ao se integrar no Consorcio Editorial Galego. Con todo, xa desde a propia constitución da asociación editou obras ensaísticas, actas de congresos e libros de poesía, teatro ou narrativa de autores como Ramom Lôpez Suevos, Ricardo Carvalho Calero, Elvira Souto, Carlos Garrido, Carles Riera, Manuel María, Ernesto Guerra da Cal, João Guisán Seixas ou Jenaro Marinhas del Valle.
Ademais, desde o ano 1985 edita a revista Agália (que tivo perídos de edición trimestral e máis recentemente semestral).
En 2010, a AGAL Editora pasou a denominarse Através Editora, e renomeou tamén as diferentes coleccións. Na súa estrea publicou xa obras de Carlos Taibo, Séchu Sende ou Ugia Pedreira.
[editar] Curiosidades
A AGAL é unha das institucións que en 1986 impulsaron a creación da Mesa pola Normalización Lingüística [2] (PDF).
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
- Reintegracionismo
- Lingua portuguesa
- Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego
- Normativa oficial do galego
- ILG
- RAG
- Mesa pola Normalización Lingüística
