Mauro Silva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Mauro Silva
Maurosilva.png
Información persoal
Nome Mauro da Silva Gomes
Nacemento 12 de xaneiro de 1968 (54 anos)
Lugar de nacemento São Bernardo do Campo
Altura 1,77 m
Posición Centrocampista
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1988–1990 Guarani 8 (0)
1990–1992 Bragantino 79 (1)
1992–2005 Deportivo da Coruña 369 (1)
Total 456 (2)
Selección nacional
1991–2001 Brasil 59 (0)
Na rede
FIFA: 92629 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]
Rúa Mauro Silva na Coruña.

Mauro da Silva Gomes, nado en São Bernardo do Campo (Estado de São Paulo) o 12 de xaneiro de 1968, é un ex-futbolista brasileiro. Considerado un dos futbolistas máis destacados da súa época e un dos mellores mediocentros defensivos de tódolos tempos, é o terceiro xogador con máis partidos na historia do Deportivo da Coruña (459), club no que militou durante 13 tempadas entre 1992 e 2005 e do que foi capitán.

Fichou polo Deportivo tras destacar no Bragantino, co que gañou o Campionato Paulista e co que foi subcampión do Brasileirão despois de ter ascendido pouco antes á máxima categoría. Foi un dos piares da mellor época histórica do equipo galego e é un dos tres únicos futbolistas (xunto a Fran e Donato) en conquistar os seis títulos oficiais que posúe o club (unha liga, dúas Copas do Rei e tres Supercopas de España). En 2016 foi elixido nunha votación entre os seareiros do Deportivo da Coruña como o mellor futbolista da historia do club.

Foi internacional en 59 ocasións coa selección brasileira, coa que conquistou o Mundial de 1994 nos Estados Unidos, formando un famoso dobre pivote con Dunga. Gañou tamén a Copa América de 1997 e quedou terceiro na Copa Ouro da CONCACAF de 1998, mentres que renunciou á Copa América de 2001.

Dende 2015 ocupa o cargo de vicepresidente da Federación Paulista de Fútbol.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

Naceu en São Bernardo do Campo, no cinto industrial da megalópole de São Paulo, sendo o pequeno de tres irmáns.[1] Seu pai era mecánico nunha empresa do sector eléctrico e morreu nun accidente laboral cando Mauro tiña 12 anos.[2] Comezou a xogar ao fútbol na escola e en ocasións xogaba partidos nun terreo de Lula da Silva, futuro presidente do país e naquel entón líder sindical en São Bernardo do Campo.[2][3]

Guarani[editar | editar a fonte]

Foi descuberto polo Guarani, que o incorporou ás súas categorías inferiores. Súa nai aceptou que fose vivir a Campinas só se continuaba estudando, polo que ingresou nunha escola técnica de informática, onde estudou procesamento de datos.[4][5] En 1986 subiu ao primeiro equipo do Guarani, pero apenas contou con minutos, debido a varias lesións e á presenza no equipo de futbolistas de talle internacional como Ricardo Rocha, Marco Antônio Boiadeiro ou Neto, cos que o equipo se proclamou subcampión do Brasil en 1987.[6][7] Disputou sete partidos do Campionato Paulista, un do Brasileirão e tres da Copa Libertadores, competición na que debutou o 12 de xullo de 1988, nun partido ante o Universitario de Deportes no Estadio Nacional do Perú.[8]

Bragantino[editar | editar a fonte]

A finais de 1989 fichou polo Bragantino, da Série B.[9] Fíxose rapidamente coa titularidade e pouco despois da súa chegada logrou o ascenso á Série A, tras proclamarse campión da segunda categoría do fútbol brasileiro na final ante o São José.[10] Xa en 1990, con Vanderlei Luxemburgo como adestrador, conquistou o Campionato Paulista, vencendo na final ao Novorizontino.[11][12][13]

En 1991, con Carlos Alberto Parreira no banco, o equipo estivo preto de gañar o Campionato Brasileiro. Quedou segundo na primeira fase e enfrontouse nas semifinais do campionato ao Fluminense no estadio do Maracanã.[14] Diante de 74.000 espectadores, o Bragantino venceu 1-0 cun gol de Franklin e cunha destacada actuación de Mauro Silva, que lle valeu os eloxios do histórico Eusébio, presente no estadio.[11] O Bragantino certificou a eliminación do Fla no partido de volta, cun empate 1-1. Mauro Silva titular tamén nos dous partidos da final, nos que o São Paulo de Telê Santana acabou conseguindo o título, despois de gañar por 1-0 no Morumbi e empatar sen goles no Marcelo Stéfani.[14][11]

Foron as dúas mellores tempadas da historia do club, e Mauro Silva a estrela dun equipo no que tamén destacaban futbolistas como Gil Baiano, Mazinho Oliveira, Robert ou Marcelo.[11][12] Foi galardoado en 1991 coa Bola de Ouro, que premia ao mellor xogador do campionato brasileiro.[15] Na tempada 1992 non puido repetir os éxitos a nivel de equipo, pero foi de novo elixido no once ideal da liga brasileira.[16]

Deportivo da Coruña[editar | editar a fonte]

Arsenio e o Súper Dépor[editar | editar a fonte]

No mes de xuño de 1992, con 24 anos, foi traspasado ao Deportivo da Coruña por 250 millóns de pesetas, na que foi a primeira gran fichaxe da presidencia de Augusto César Lendoiro.[17] Pouco antes firmara un precontrato coa Roma, pero a incorporación do arxentino Claudio Caniggia completou a cota de futbolistas extracomunitarios permitidos no club italiano, polo que Mauro Silva acabou aceptando a oferta do Deportivo, aínda que non sabía nin onde estaba A Coruña.[1] O equipo acababa de salvar a categoría na promoción de permanencia, despois de disputar a súa primeira tempada na Primeira División en case dúas décadas, e reforzouse ademais de Mauro con xogadores como Aldana, Nando ou o tamén brasileiro Bebeto.

Debutou co club galego o 6 de setembro, co dorsal número "6" ás costas, na primeira xornada da tempada 1992/93, nun derbi ante o Celta de Vigo en Riazor que rematou con vitoria coruñesa por 2-0. Foi titular en 37 dos 38 partidos de liga, perdendo só un encontro por acumulación de cartóns amarelos, e foi unha peza clave para que o equipo de Arsenio lograse un histórico terceiro posto, o máis alto para o club dos últimos 43 anos.

Na seguinte campaña (1993/94) os seus números foron similares, debutou na Copa da UEFA, e ademais marcou o seu único gol coa camiseta do Deportivo. Foi nun partido ante o Valencia en Mestalla, onde aproveitou un balón de Voro dentro da área e cun disparo coa perna esquerda superou ao gardameta vasco González.[18] O Deportivo mantívose líder durante a maior parte da tempada, ata que foi superado polo Barcelona na última xornada, na que Đukić fallou un decisivo penalti contra o propio González nos últimos instantes, que lle tería dado o título ao club galego.[19] Foi o momento máis triste na carreira de Mauro Silva.[1]

Na tempada 1994/95 sufriu unha grave lesión de xeonllo que precisou dunha operación cirúrxica, e que o mantivo lonxe dos terreos de xogo durante meses. Tralo seu regreso volveu lesionarse, desta volta nun nocello, pasando de novo polo quirófano e perdendo o resto da tempada.[20][2] Deste xeito disputou só 6 partidos de liga, ademais dun da Copa do Rei, competición que o seu equipo acabou gañando tras derrotar ao Valencia na final. Xa recuperado volveu aos onces iniciais e foi un dos futbolistas máis destacados do equipo durante a seguinte década, compartindo medio do campo con xogadores como Fran, Sergio, Valerón ou os tamén brasileiros Donato, Djalminha e Flávio Conceição. Durante esa época recibiu numerosas ofertas de importantes clubs europeos, pero decidiu continuar sempre no club coruñés.[21][1]

En marzo de 1997 o adestrador Carlos Alberto Silva converteuno no novo capitán do equipo, no lugar de Fran, alegando que por cuestións lingüísticas entenderíase mellor co seu compatriota.[22] Luciu o brazalete ata o verán de 1998, cando llo devolveu de novo a Fran, pasando a ser o brasileiro o segundo capitán dende entón.[23]

Título de liga, Centenariazo e brillo en Europa[editar | editar a fonte]

Na tempada 1999/00 proclamouse campión de liga, na que foi a primeira e única ocasión que o Deportivo gañou dita competición. Mauro Silva contribuíu con 33 partidos, todos eles como titular. Na campaña seguinte, o equipo debutou na Liga de Campións, competición que disputou durante os seguintes cinco anos. Mauro Silva foi titular en 43 dos 62 partidos que o club galego xogou na máxima competición continental, entre eles as vitorias sobre o Manchester United, o Arsenal, a Juventus, o Bayern de Múnic, ou as históricas remontadas ante o PSG e o Milan.[24][25] Na tempada 2003/04 acadou as semifinais da Liga de Campións e disputou o partido de ida ante o Porto no estádio do Dragão, pero perdeu o encontro de volta por acumulación de cartóns amarelos.[26]

O 6 de marzo de 2002 foi tamén titular na final da Copa do Rei que o Deportivo lle gañou ao Real Madrid no Santiago Bernabéu o día do centenario do club branco, e que pasou á historia co nome de Centenariazo.[27]

Disputou o seu último partido como futbolista o 22 de maio de 2005, nun encontro de liga ante o Mallorca en Riazor, que acabou en derrota por 0-3, e no que tamén se despediu do club o capitán Fran.[28] O balance total de Mauro Silva no Deportivo foi de 459 partidos, 1 gol e 6 títulos. É o terceiro futbolista con máis partidos na historia do club, só por detrás do propio Fran e de Manuel Pablo, e o único xunto a Fran e Donato en estar presente en tódolos títulos oficiais do equipo.

Selección brasileira[editar | editar a fonte]

Foi 59 veces internacional coa selección brasileira, coa que debutou en 1991, cando aínda militaba no Bragantino. Foi nun partido amigable ante a Arxentina no estadio José Amalfitani de Buenos Aires, no que saltou ao campo como titular, formando no medio do campo xunto a Donizete e Leonardo.[29] Ese mesmo ano disputou en Chile a súa primeira Copa América, xogando todos os minutos do torneo e rematando subcampión por detrás da Arxentina.[30]

En 1994 foi convocado por Carlos Alberto Parreira para a Copa do Mundo que se celebrou nos Estados Unidos. Disputou completos tódolos encontros do combinado brasileiro, excepto a segunda parte do último partido da fase de grupos ante Suecia. Comezou formando un dobre pivote xunto a Dunga, por detrás dos mediapuntas Zinho e Raí, pero avanzado o torneo Parreira retirou a Raí para introducir un triplo pivote con Mazinho.[31] Foi titular tamén na final, e contribuíu a manter a portería a cero durante 120 minutos.[32] O partido resolveuse na quenda de penaltis, proclamándose campión o equipo brasileiro.[33]

En 1997 levantou o seu segundo título internacional, a Copa América disputada en Bolivia, despois de derrotar na final á selección anfitrioa.[34] En 1998 participou na Copa Ouro da CONCACAF, caendo nas semifinais ante os Estados Unidos.[35] Despois de máis de dous anos fóra da selección, regresou ás filas da canarinha en 2001, nun partido ante a Arxentina no estadio Monumental de Buenos Aires. Convocado por Scolari para a Copa América dese ano, acabou por renunciar á súa disputa pouco antes e viaxar a Colombia para o inicio do torneo, alegando dúbidas referentes á seguridade, debido ao conflito armado existente no país.[36]

Trala retirada[editar | editar a fonte]

Despois de colgar as botas cursou estudos de formación executiva e creou unha empresa do sector inmobiliario,[5] dedicándose tamén a asesorar a investidores galegos no Brasil.[37] Dende 2015 ocupa o cargo de vicepresidente da Federación Paulista de Fútbol.[38]

Estilo de xogo[editar | editar a fonte]

Caracterizábase pola súa gran técnica, a súa potencia física e, sobre todo, pola súa seguridade sobre o campo e a súa capacidade de mando.[39] Destacaba pola súa habilidade para roubar balóns e interceptar pases, e por perder poucas veces a posesión.[39] Indiscutible titular para adestradores e afección converteuse nun dos mellores xogadores do mundo na súa posición. Para algúns expertos do mundo do fútbol, foi un dos mellores centrocampistas defensivos da historia.[40][41]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

En 2016 foi elixido nunha votación entre os afeccionados do Deportivo da Coruña como o mellor futbolista da historia do club.[42] En 2018 o Concello da Coruña deulle o seu nome a unha rúa do barrio de Labañou, 13 anos despois da aprobación por unanimidade da proposta nun pleno municipal.[43][44]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Terumi Jinno, filla dun inmigrante xaponés no Brasil, á que coñeceu aos 12 anos.[45][46] A parella tivo un fillo, Mauro, nacido na Coruña.[47]

Estatísticas[editar | editar a fonte]

Mundial de Fútbol Estados Unidos 1994[editar | editar a fonte]

Partidos xogados Minutos xogados Goles
7 616 0

Palmarés[editar | editar a fonte]

Bragantino
Deportivo
Selección brasileira
Individual

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Mauro Silva: «Cuando pasó lo de Djukic tuve muchas dudas de que pudiéramos volver a hacer cosas grandes»" (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Hermida, Xosé (28 de maio de 2005). "Fin de leyenda en el Deportivo". El País (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  3. ""Admiro a Lula da Silva, pero es mal portero..."". As (en castelán). 9 de agosto de 2004. Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  4. "Mauro Silva: La importancia de la educación para el fútbol" (en castelán). 6 de agosto de 2020. Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  5. 5,0 5,1 Soares, Olavo (26 de outubro de 2013). "Mauro Silva: tetracampeão virou referência no mercado imobiliário" (en portugués). Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  6. De Andrade, Victor (1 de decembro de 2019). "Mauro Silva no Guarani" (en portugués). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  7. Nascimento, Fagner (13 de xullo de 2018). "Exclusiva Mauro Silva: “Em 1994, a pressão era muito grande”" (en portugués). Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  8. "Universitario de Deportes 1-1 Guarani (1988)". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  9. "Ídolo do Braga nos anos 90, Mauro Silva completou 53 anos neste dia 12 de janeiro" (en portugués). 12 de xaneiro de 2021. Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  10. "A decisão do título do Brasileiro da Série B de 1989 fecha o Especial sobre o São José" (en portugués). 18 de abril de 2020. Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 "Esquadrão Imortal – Bragantino 1990-1991" (en portugués). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  12. 12,0 12,1 "Preleções de Luxa e polêmica com Neto: Mauro Silva relembra título Paulista com Bragantino em 1990" (en portugués). 21 de agosto de 2020. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  13. "Deu Bragantino na decisão capira". O Globo (en portugués). 27 de agosto de 1990. p. 7. 
  14. 14,0 14,1 "Brazil 1991 Championship". rsssfbrasil.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2009. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  15. "Bola de Ouro (Placar Magazine)". rsssfbrasil.com (en inglés). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  16. "Bola de Prata 1991". rsssfbrasil.com (en portugués). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  17. "¡Vaya gangas!". El País (en castelán). 12 de marzo de 1995. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  18. "Medio siglo de fútbol y un gol para la historia". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de xaneiro de 2018. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  19. "El histórico y fatídico penalti de Djukic cumple 25 años". Marca (en castelán). 14 de maio de 2019. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  20. "El Deportivo se vuelve a quedar sin Mauro Silva hasta final de temporada". El País (en castelán). 15 de febreiro de 1995. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  21. Silva, Toni (13 de decembro de 2000). "Mauro Silva renueva con el Dépor por tres temporadas". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  22. "Mauro Silva asume el mando". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de marzo de 1997. p. 64. 
  23. "«Irureta me pidió ser capitán»". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de agosto de 1998. p. 48. 
  24. "La inolvidable remontada al PSG cumple la mayoría de edad" (en castelán). 7 de marzo de 2019. Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  25. Gil, Jordi (9 de marzo de 2021). "La histórica remontada del Depor ante el Milan como referente" (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  26. "El Deportivo empaña un buen resultado en Oporto". El País (en castelán). 21 de abril de 2004. Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  27. Zárate, Óscar (7 de marzo de 2002). "La crónica". Mundo Deportivo (en castelán). p. 2. Consultado o 22 de outubro de 2021. 
  28. "El Mallorca da un portazo al ciclo de Fran y Mauro Silva". As (en castelán). 23 de maio de 2005. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  29. "Arxentina 3-3 Brasil (1991)". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  30. "Copa América 1991". rsssf.com (en inglés). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  31. "Mauro Silva fue malinterpretado" (en castelán). 10 de setembro de 2012. Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  32. "Cuando a Diego le cortaron las piernas ganó la astucia del Chapulín" (en castelán). 7 de xuño de 2018. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  33. "1999 FIFA World Cup". FIFA (en inglés). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  34. "Copa América 1997". rsssf.com (en inglés). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  35. "CONCACAF Championship, Gold Cup 1998". rsssf.com (en inglés). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  36. Miguélez, José (11 de xullo de 2011). "El fútbol contra el miedo". El País (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  37. "¿Qué fue de Mauro Silva? Del 'Superdépor' a las altas esferas de los directivos". Cadena SER (en castelán). 7 de xaneiro de 2021. Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  38. "Mauro Silva no optará a presidir el Depor". DxT Campeón (en castelán). 10 de maio de 2019. Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  39. 39,0 39,1 Segurola, Santiago. "Mauro Silva, el maestro de lo invisible". Líbero (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  40. "Los mejores centrocampistas de la historia del fútbol" (en castelán). 7 de abril de 2020. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  41. "Maldini: “El mejor mediocentro que he visto nunca es Mauro Silva”" (en castelán). 16 de xullo de 2020. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  42. "Mauro Silva recibirá un homenaje de la afición en el Deportivo-Málaga". Marca (en castelán). 14 de abril de 2017. Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  43. "Mauro Silva inaugura una calle con su nombre arropado por el Deportivo". La Opinión A Coruña (en castelán). 12 de abril de 2018. Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  44. "Mauro Silva xa ten a rúa que A Coruña lle debía". 12 de abril de 2018. Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  45. Hermida, Xosé (20 de decembro de 1999). "El yerno del samurai". El País (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  46. Hermida, Xosé (23 de xullo de 2000). "Un jugador genial; un tipo corriente". El País (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  47. "Mauro xa está na Coruña". 30 de xullo de 2000. Consultado o 11 de xuño de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]