Miguel Hernández

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Miguel Hernández Gilabert
Miguel hernandez.jpg
Retrato de Miguel Hernández no cárcere.
Nacemento30 de outubro de 1910
 Orihuela
Falecemento28 de marzo de 1943 e 28 de marzo de 1942
 Alacant
Causatuberculose
SoterradoCemiterio de Alicante
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpoeta, dramaturgo e escritor
CónxuxeJosefina Manresa
XénerosPoesía
Coñecido/a porPerito en lunas, El rayo que no cesa, Viento del pueblo, El hombre acecha, Cancionero y romancero de ausencias e Nanas
Miguel Hernandez firma.svg
editar datos en Wikidata ]

Miguel Hernández Gilabert, nado en Orihuela, provincia de Alacant, o 30 de outubro de 1910 e finado en Alacant o 28 de marzo de 1942, foi un poeta e dramaturgo de especial relevancia na literatura castelá do século XX. Aínda que tradicionalmente estivo encadrado na xeración do 36, Miguel Hernández mantivo unha maior proximidade coa xeración anterior, ata o punto de ser considerado por Dámaso Alonso como «xenial epígono da xeración do 27».

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Naceu como segundo fillo home nunha humilde familia de Orihuela dedicada á crianza de gando. Pastor de cabras desde moi pequeno, Miguel foi escolarizado entre 1915 e 1916 no centro de ensinanza «Nuestra Señora de Monserrate», e entre 1918 e 1923 recibe educación primaria nas escolas do Ave María. En 1923 pasa a estudar o bacharelato no colexio de Santo Domingo de Orihuela, rexentado polos xesuítas. En 1925 abandonou os estudos por orde paterna para dedicarse en exclusiva ó pastoreo, aínda que pouco tempo despois cursa estudos de dereito e literatura. Mentres coida o rabaño, Miguel le con avidez e escribe os seus primeiros poemas.

Por entón, o cóengo Luis Almarcha inicia unha amizade con Miguel e pon a disposición do mozo poeta libros de San Juan de la Cruz, Gabriel Miró, Paul Verlaine ou Virxilio entre outros. As súas visitas á Biblioteca Pública son cada vez máis frecuentes e empeza a formar un improvisado grupo literario xunto a outros mozos de Orihuela en torno á panadería do seu amigo Carlos Fenoll. Os principais participantes naquelas reunións son, ademais de Miguel e o propio Carlos Fenoll, o seu irmán Efrén Fenoll, Manuel Molina, e José Marín Gutiérrez, futuro avogado e ensaísta que posteriormente adoptaría o pseudónimo de «Ramón Sijé» e a quen Hernández dedicará a súa famosa Elegía. A partir deste momento, os libros serán a súa principal fonte de educación, converténdose nunha persoa totalmente autodidacta. Os grandes autores do Século de Ouro: Miguel de Cervantes, Lope de Vega, Calderón de la Barca, Garcilaso de la Vega e, sobre todo, Luis de Góngora, converteranse nos seus principais mestres.

Segunda viaxe a Madrid[editar | editar a fonte]

Tras este prometedor comezo marcha a Madrid por segunda vez para obter traballo, esta vez con mellor fortuna, pois logra primeiro ser nomeado colaborador nas Misións Pedagóxicas e máis tarde é escollido como secretario e redactor da enciclopedia Los toros, sendo no futuro o seu director e principal redactor, José María de Cossío, o seu máis fervente entusiasta. Colabora ademais con frecuencia en Revista de Occidente, e mantén unha tórrida relación coa moi liberada pintora Maruxa Mallo, que lle inspira parte dos sonetos de Rayo que no cesa. Preséntase a Vicente Aleixandre e fai amizade con el e con Pablo Neruda; esta é a orixe da súa breve etapa dentro do Surrealismo. A súa poesía por entón faise máis social e manifesta ás claras un compromiso político cos máis pobres e desherdados. En decembro de 1935 morre o seu fraternal amigo de toda a vida, Ramón Sijé, adicándolle a súa extraordinaria Elegía, que provoca o difícil entusiasmo de Juan Ramón Jiménez nunha crónica do xornal El Sol.

Guerra civil[editar | editar a fonte]

II Congreso internacional de escritores para la defensa de la cultura.

Ó estalar a Guerra civil española, Miguel Hernández alístase no bando republicano. Hernández figura no 5º Rexemento e pasa a outras unidades nas frontes da batalla de Teruel, Andalucía e Estremadura. En plena guerra, logra escapar brevemente a Orihuela para casar o 9 de marzo de 1937 con Josefina Manresa. Ós poucos días ten que marchar á fronte de Xaén. No verán de 1937 asistiu ó II Congreso Internacional de Escritores para la Defensa de la Cultura, celebrado en Madrid e Valencia, e máis tarde viaxou á Unión Soviética en representación do goberno da República, de onde regresou en outubro para escribir o drama Pastor de la muerte e numerosos poemas recollidos máis tarde na súa obra El hombre acecha. En 1938 nace o seu primeiro fillo, Manuel Ramón, que morre ós poucos meses e a quen está dedicado o poema Hijo de la luz y de la sombra e outros recollidos no Cancionero y romancero de ausencias, e en xaneiro de 1939 nace o segundo, Manuel Miguel, a quen adicou desde o cárcere as famosas Nanas de la cebolla. Escribe un novo libro: Viento del pueblo. Destinado á 6ª división, pasa a Valencia.

Prisión e morte[editar | editar a fonte]

En abril, o xeneral Francisco Franco declara concluída a guerra, cando se rematara de imprimir en Valencia El hombre acecha; aínda sen encadernar, unha comisión depuradora franquista, presidida polo filólogo Joaquín de Entrambasaguas, ordena a destrución completa da edición; porén dous exemplares que se salvaron permitirán reeditar o libro en 1981. O seu amigo Cossío ofrécese a acollelo en Tudanca, pero o poeta decidiu volver a Orihuela. Pero alí corre moito risco e decide ir a Sevilla pasando por Córdoba coa intención de cruzar a fronteira de Portugal por Huelva, pero a policía de Salazar entrégao á Garda Civil; do cárcere de Sevilla trasládano ó penal de Torrijos en Madrid, e alí, grazas ás xestións que realiza Pablo Neruda ante un cardeal, é posto en liberdade inesperadamente sen ser procesado en setembro de 1939. De volta a Orihuela, é delatado e detido, e xa na prisión da praza de Conde de Toreno en Madrid, é xulgado e condenado a morte en marzo de 1940.[Cómpre referencia] Cossío e outros amigos intelectuais interceden por el e se lle conmuta a pena pola de trinta anos de reclusión. Pasa á prisión de Palencia en setembro de 1940 e en novembro ó Penal de Ocaña. En 1941 é trasladado ó Reformatorio de Adultos de Alacant. Da bronquite pasa ó tifo, e este se lle complica con tuberculose.[Cómpre referencia] Falece na enfermería da prisión alacantina ás 5.30 da mañá do 28 de marzo de 1942, con 31 anos de idade. Dise que non puideron pecharlle os ollos, feito sobre o que o seu amigo Vicente Aleixandre compuxo un poema. Foi enterrado no nicho número 1.009 do camposanto da Nosa Señora do Remedio de Alacant, o 30 de marzo.

Obras[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

Escultura na súa memoria en Vilagarcía de Arousa.
  • Perito en lunas, Murcia 1933 (Prólogo de Ramón Sijé).
  • El rayo que no cesa, Madrid 1936.
  • Viento del pueblo. Poesía en la guerra, Valencia 1937 (Prólogo de Tomás Navarro Tomás).
  • El rayo que no cesa, Bos Aires 1949 (Prólogo de José María Cossío. Inclúe poemas inéditos).
  • Seis poemas inéditos y nueve más, Alscante 1951.
  • Obra escogida, Madrid 1952 (Inclúe poemas inéditos).
  • Cancionero y romancero de ausencias (1938–1941), Bos Aires 1958 (Prólogo de Elvio Romero).
  • Antología, Bos Aires 1960 (Selección e Prólogo de Mª de Gracia Ifach. Inclúe poemas inéditos).
  • Obras completas, Bos Aires 1960 (Ordenada por E. Romero. Prólogo de Mª de Gracia Ifach).
  • El hombre acecha, Santander 1961 (Facsímile da primeira edición de 1939 perdida na imprenta).
  • Obra poética completa, Madrid 1979 (Introdución, estudo e notas de Leopoldo de Luis e Jorge Urrutia).
  • Veinticuatro sonetos inéditos, Alacant 1986 (Edición de José Carlos Rovira).

Teatro[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]