Domingo Fontán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Domingo Fontán Rodríguez [1][2][3][4]
Domingo Fontán por Antonio María Esquivel, 1852.jpg
Datos persoais
Nacemento 17 de abril de 1788 [5][6]
Lugar Porta do Conde (Portas)
Falecemento 24 de out. de 1866 (78 a.)
Lugar Cuntis
Cónxuxe Manuela Ribas y Gómez
Actividade
Campo Matemática, topografía
Alma máter Universidade de Santiago
Contribucións e premios
Coñecido por a Carta xeométrica de Galicia
Domingo Fontán Secretario de la Diputación Provincial de Galicia 13 de abril de 1822.jpg

Domingo Fontán Rodríguez, nado en Porta do Conde (Portas) o 17 de abril de 1788 e finado en Cuntis o 24 de outubro de 1866, foi un ilustrado galego, xeógrafo, matemático, político e empresario, coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico científico de Galicia, a Carta Xeométrica de Galicia. Foi secretario da Deputación Provincial de Galicia, director do Observatorio Astronómico de Madrid, deputado en Cortes e presidente da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago. Os seus restos están no Panteón de Galegos Ilustres [7].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De familia acomodada, os seus pais foron Rosendo Fontán Oliveira e Sebastiana Rodríguez Blanco. Foi o segundo de cinco irmáns, dous homes e tres mulleres. Domingo e Andrés, o seu irmán máis vello, foron educados por un tío materno, cura párroco en Noia [8].

Pasou boa parte da súa vida vencellado á Universidade de Santiago de Compostela, onde primeiramente cursou os estudos de Filosofía, matriculándose ao longo dos anos en Leis e Cánones, Ciencias exactas e Teoloxía e foi discípulo de José Rodríguez González, "o matemático de Bermes". En 1811 comezou a súa carreira de profesor como substituto do catedrático de Retórica e durante o curso 1813-14 substituíu o titular da cátedra de Lóxica e Metafísica. Foi procesado pola Real Audiencia en 1814; en 1815 restituíronlle os seus dereitos.

En 1817 comezou os seus traballos de medición para realizar a Carta xeométrica de Galicia, labor ao que consagrou dezasete anos da súa vida e polo que é lembrado hoxe en día. Durante o Trienio liberal foi secretario da Deputación Provincial de Galicia. En 1834 rematou os traballos da carta e presentouna oficialmente á Raíña Gobernadora, María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, quen mandou imprimila, se ben non se puido realizar esta tarefa ata o ano 1845 en París. Este foi o primeiro mapa realizado en España con métodos científicos e medicións matemáticas.

Foi elixido deputado polo Partido Liberal pola provincia de Pontevedra en 1837, ocupando este posto ata 1843, ano no que se retirou. Fontán fixo da súa causa a defensa de Galicia, sobre todo na abolición dos foros e na loita contra o caciquismo. Non obstante, o seu liberalismo valeulle a perda da súa cátedra universitaria até en dúas ocasións [9]. Foi bibliotecario primeiro e presidente despois (de 1860 a 1861) da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago [10].

Tivo parte, por herdanza, nunha fábrica de papel no Castro, Lousame, que en 1863 chegou a ser enteiramente da súa propiedade [11][12]. Traballou tamén no deseño do trazado da primeira liña férrea de Galicia en 1858, que uniu Santiago de Compostela co Carril, proxecto aprobado polas Cortes en 1861, e que non foi inaugurado ata dez anos despois.

PLANO DE LA RÍA DE AROSA
por
el D.rD. Domingo Fontán
año de 1828.

(o norte está á esquerda).

Finou nun balneario en Cuntis, por mor dunha cistite aguda [6]. Os seus restos foron soterrados no cemiterio xeral de Santiago e, o 30 de decembro de 1988, trasladados ao chan do Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval [13].

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

Levan o seu nome rúas de varias cidades: Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Ourense, Poio e Madrid. En 2015 a Editorial Galaxia publicou a novela de Marcos S. Calveiro, Fontán, baseada na súa vida [14].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

PLANO DEL PAIS
adyacente a las tres rías de la
CORUÑA, BETANZOS Y FERROL,
llamado de las Mariñas,
Por el D.r D.n Domingo Fontán
Retrato na Real Sociedade de Amigos do País de Santiago [10].  
Carta geométrica "...Con el trazado de ferro-carriles y carreteras kilometradas, año de 1917" [15].  
Carta geométrica de Galicia, en PDF (exemplar da biblioteca do Museo Naval).  
Estatua en Portas, feita polo canteiro de Caldas de Reis, Xavier Touceda.  

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Domingo Fontán Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]