Antonio de Nebrija

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antonio de Nebrija
Antonio de Nebrija
Retrato de Nebrija.
Nacemento 1441
Lugar Lebrija
Falecemento 5 de xullo de 1522
Lugar Alcalá de Henares
Ocupación Humanista

Antonio Martínez de Cala e Hinojosa, coñecido como Elio Antonio de Nebrija[1], nado en Lebrija en 1441 e finado en Alcalá de Henares o 5 de xullo de 1522,[2] foi un humanista castelán do século XV.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nebrija na súa cátedra, por Juan de Zúñiga, ca. 1517.

Elio Antonio naceu na poboación sevillana de Lebrija no ano 1441. Despois de realizar os seus estudos preparatorios ingresou na universidade de Salamanca, a máis notoria da Coroa de Castela, na que realizou estudos de Humanidades. En 1463 foise para Boloña, Italia, a fin de ampliar a súa formación. Regresou ao cabo duns sete anos, e foi profesor, primeiro en Sevilla, e logo en Salamanca. Nesta altura xa publicara os seus primeiros traballos sobre a lingua latina, nun latín elegante, que o encheu de sona, non só en España, senón en toda Europa. Chamado polo cardeal Cisneros, en 1490, Nebrija acudiu a Alcalá de Henares, onde aquel o puxo a fronte da revisión das traducións grega e latina da monumental edición da Biblia Políglota, labor que rematou en 1502.

A Gramática Castelá de 1492[editar | editar a fonte]

Antes, en 1492, publicou a Gramática de la Lengua Castellana, que dedicou aos Reis Católicos, na que aparecía a famosa frase, premonitoria, "a lingua sempre foi compañeira do Imperio", aínda que posibelmente Nebrija pensaba no Imperio Romano e outros da Antigüidade, antes que no castelán como lingua imperial. E, sen dúbida, era consciente do aboiar das linguas romances desde o Rinascimento italiano, pois non en van o seu texto ía redactado en castelán. Como for, o caso é que Nebrija innovaba con a súa Gramática e adiantaba ao castelán nas investigacións modernas sobre a lingua (basta comparar as datas das modernas gramáticas nas diversas linguas europeas). Por desgraza, segundo foron pasando os anos do século XVI, os estudos humanísticos españois deixaron de ser avanzados, e a Ciencia en xeral declinou.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

En 1509, foi nomeado cronista da corte, ao tempo que regresou á universidade salmantina. Mais en 1513, volveu para Alcalá de Henares, e alí faleceu Nebrija en 1522.

Obras principais[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O seu pseudónimo está basado no topónimo da súa cidade, como era costume de moitos humanistas da época. A forma latina era Aelius Antonius Nebrissensis, pois Nebrissa era o nome romano de Lebrija ou Nebrija, como tamén se dicía na época (ou para ser máis precisos Nebrixa).
  2. El Mundo, ed. (1996). Enciclopedia Universal de la Cultura A~Z El Mundo (en castelán). Barcelona. p. 652. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antonio de Nebrija Modificar a ligazón no Wikidata
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Antonio de Nebrija