Alonso III de Fonseca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alonso III de Fonseca, arcebispo de Santiago de Compostela e Toledo.

Alonso de Fonseca e Ulloa, máis coñecido como Alonso III de Fonseca, nado en Santiago de Compostela en 1475 e finado en Alcalá de Henares o 4 de febreiro de 1534, foi un relixioso galego, arcebispo de Compostela e de Toledo. Foi un protector e mecenas do humanismo e un dos principais impulsores da Universidade de Santiago.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Pontevedra a Alonso de Fonseca.

Naceu na rúa do Franco. Era fillo do arcebispo Alonso II de Fonseca e de María de Ulloa, señora de Cambados.[1] Estudou Artes na Universidade de Salamanca.[2] En vida acumulou unha gran riqueza, herdando dos seus pais 10 891 000 marabedís mais outros 7 millóns do señorío de Monterrei.

Foi cóengo compostelán desde 1490, arcediago do Salnés no 1493, arcediago e notario de Cornado no 1496, cura da Santa María de Pontevedra e San Pedro de Santa Comba (Lugo) e abade da Colexiata de Santa María do Campo coruñesa no 1512.

Durante os dez anos nos que formou parte do Cabido Compostelán o seu inimigo Diego de Muros III, tamén un grande interesado no humanismo, desde o seu cargo de Deán consolidaba o Estudio Xeral e o Gran Hospital.

Arcebispo de Santiago de Compostela[editar | editar a fonte]

Escudo de Alonso III de Fonseca, nunha das moitas casas de Compostela que o locen.

En 1507 foi nomeado arcebispo de Santiago, cargo que ocupará ata 1523. Para sortear a prohibición canónica de suceder ao seu pai, viaxou con el a Roma e a Nápoles. Pedro Luis de Borgia (sobriño do papa Alexandre VI) foi nomeado sucesor por un período moi breve, de maneira que se venceu o atranco.

Durante todo o seu mandato contou coa oposición da maioría do Cabido dirixida polo Deán Diego de Muros III. No ano 1511 promoveu a reforma do cabido, a imaxe doutras reformas iniciadas na época, atopándose coa oposición deste. Chegaron decisións provisionais nos anos 1515 e 1516, chegándose a unha concordia definitiva no ano 1523

Tivo que facer fronte a Rodrigo Osorio de Moscoso, conde de Altamira pertencente a unha nobreza moi expansionista e próximo a Corte dos Reis Católicos que demandaba os seus dereitos señoriais e principalmente o título de Pertegueiro Maior.

Tamén mantivo preitos de xurisdición cos nobres Pedro Bermúdez de Castro, Señor de Montaos ou Alonso de Lemos, Señor de Sober, e puxo freo ás inxustizas dos gobernadores, dos dous alcaldes maiores da Real Audiencia do Reino de Galicia, mediante a súa proximidade aos monarcas e ao papado. Mantivo tamén preitos cos monxes bieitos de San Martiño Pinario. Os enfrontamentos cos representantes do poder real foron continuos, e graves como o do ano 1509 ou o do ano 1511 que provocaron que se lle estableceran sancións. A ameza dunha guerra con Francia e inminentes ataques á costa galega e o feito de que o arcebispo era o principal baluarte defensivo da rexión fixo que os reis lle levantasen as sancións e lle ordenasen aos alcaldes que deixen de residir en Santiago e realicen os seus labores de forma móbil.

Quedaron na memoria os solemnes funerais que oficiou pola morte do seu pai en 1512. A eles acudiu Gonzalo Fernández de Córdoba coñecido como O Gran Capitán, quen ofreceu as súas vitoriosas armas ao Apóstolo Santiago.

Nos anos 1516 e 1517 a peste asolou Santiago, que a sufriu durante mais de oito meses.

Despois da peste en España un novo monarca Carlos V e a Revolución das Comunidades debuxaban unha nova panorama.

Liderado político[editar | editar a fonte]

Carlos V, do que foi conselleiro.

No plano político aparece ligado as altas decisións da corte desde a coroación de Carlos I e a guerra das comunidades, sempre tomando parte por este. A isto contribuíu o seu nomeamento como membro do seu Real Consello.

Asumiu un papel de liderado das reivindicacións da aristocracia galega e do Reino de Galicia. Así, nas Cortes reunidas no ano 1520 en Santiago e A Coruña, púxose ao fronte da protesta da aristocracia galega pola súa exclusión nas devanditas Cortes. O Reino de Galicia estaba representado por Zamora, o que foi motivo dunha demostración de axitado descontento ante as portas de San Francisco, onde se reuniron os procuradores casteláns e flamengos.

Liderou o 4 de decembro de 1520 a Asemblea de Melide, representativa da clase dirixente Reino de Galicia. Nela acordáronse as seguintes posicións:

Realizou tamén labores de mediación no levantamento das xermanías valencianas e desde 1522 converteuse en diplomático e conselleiro real permanecendo continuamente a carón do Emperador.

Os seus obxectivos persoais mudaron. Perseguiu en primeiro lugar a sé Primada de Toledo, que obtivo en decembro de 1523.

Arcebispo de Toledo[editar | editar a fonte]

Alonso III de Fonseca, no Colexio de Fonseca.

Nomeado arcebispo de Toledo e Primado das Españas, cargo no que substituíu ao falecido Cardeal Cisneros e que ocupou ata a súa morte, pese a que a súa ambición levouno a perseguir o título cardealicio, loita a que se dedicou desde o ano 1525 sen obter o éxito.

Durante todo o seu mandato mantivo unha arbitraxe ou concordia co seu sucesor en Compostela e que tamén o sería na sé toledana Juan Tabera, no que lle reclamaba os gastos producidos polas desfeitas dos Irmandiños nas fortalezas e bens da igrexa compostelá e a deixadez dos dous Fonsecas, Alonso II e el. Coñécese este feito polos documentos coñecidos como Preito Tabera Fonseca.

Chamou e favoreceu intelectuais, artistas e humanistas. Bautizou a Filipe II. Asentou a súa residencia en Alcalá de Henares, onde faleceu o 4 de febreiro de 1534. Foi soterrado no Convento das Úrsulas de Salamanca. O seu fillo Diego de Acevedo e Fonseca, froito das relacións coa aristócrata Xoana de Pimentel, estivo ao servizo do rei e tivo morgado en Galicia.

Impronta cultural[editar | editar a fonte]

En Santiago, Toledo e Salamanca deixou boas mostras do seu mecenado, cun marcado carácter humanista, promovendo a chegada das novas formas renacentistas que veñen de Italia.

Fundou o colexio de Santiago en Salamanca, no ano 1521, para os cregos galegos que alá ían estudar. No ano 1522 logrou impulsar o novo Colexio compostelán, dirixido a estudantes de teoloxía, no emprazamento no que estara o Hospital de Santiago Alfeo na Acibecharía, na actualidade desaparecido, denantes de ocupar o novo edificio, mandado erguer no seu testamento de 1531.[2] Acadou a bula do Papa Clemente VII de 15 de marzo de 1526 para a fundación dun Colexio novo co título de Santiago Alfeo, o actual Colexio de Fonseca, no que se puidesen obter os grados propios dos estudos universitarios.. Nela autorizábase a construír un colexio novo ou ampliar o existente Estudio Vello fundado por Lopo Gómez de Marzoa e anexionar as rendas deste e establecer as ensinanzas de Artes, Teoloxía e Dereito. No seu testamento de 1531 marcou as liñas xerais da súa fundación.

Un colegio e universidad donde los moradores e naturales del Reyno de Galicia pudiesen estudiar, aprender e ser enseñados en gramática y otras facultades”.[2]

No plano cultural amigouse cos movementos humanistas que entraban en España, protexendo a erasmistas e alumeados. Exemplo de isto foi a súa amizade con Pérez de Oliva. O seu labor humanista tivo proxección continental. Mantivo correspondencia con Desiderio Erasmo de Rotterdam (o seu secretario mantiña relacións de amizade con el). Erasmo chegou a dedicarlle dúas das súas obras a don Alonso, laudatores que tamén fixo o destacado humanista español Alvar Gómez de Castro.

Situou a Igrexa galega, e posteriormente toda a Igrexa española, nas correntes culturais da época.

A súa pegada en Santiago de Compostela[editar | editar a fonte]

Comezou as obras do claustro da Catedral de Santiago (xa formuladas polo seu pai), iniciadas en 1521 en formas góticas por Juan de Álava, xa incluíndo nelas formas renacentistas.

A mais de Juan de Alava atrae a súa beira a algúns dos mais importantes arquitectos dos inicios do renacemento español, como Alonso de Covarrubias ou Diego de Siloé.


Predecesor:
Pedro Luis de Borja
Arcebispo de Compostela - Iria
1507 - 1524
Sucesor:
Juan de Tabera

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Alonso III de Fonseca". Centro Virtual Cervantes. Consultado o 19 de abril do 2016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Historia da USC". Universidade de Santiago de Compostela. Consultado o 19 de abril do 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Vázquez Bertomeu, Mercedes. El archivo de Alonso de Fonseca III, arzobispo de Santiago. Estudios mindonienses: Anuario de estudios histórico-teológicos de la diócesis de Mondoñedo-Ferrol, ISSN 0213-4357, Nº. 17, 2001 , páxs. 525-573. (en castelán).
  • García Oro, José e Portela Silva, Mª José. Os Fonseca na Galicia do Renacemento. Da guerra ó mecenado.(2000). Serie Trivium. Editorial Toxosoutos. ISBN 84-89129-92-4

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]