Sinforiano López

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sinforiano López Alía, nado en Madrid o 22 de agosto de 1780 e finado na Coruña o 13 de abril de 1815, foi un político liberal e escritor español.

Foi o principal líder da rebelión coruñesa contra os franceses en 1808, no marco da Guerra da Independencia. Despois da volta de Fernando VII de Francia, e restaurado o Antigo Réxime, foi apresado en Santiago en 1814 e trasladado á Coruña, onde foi xulgado e condenado a morrer na forca, sendo executado o 13 de abril de 1815.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo de Antonio López Alía, natural de La Puebla de Montalbán (Toledo) e de Ángeles González Fernández, orixinaria de Tembleque, na mesma provincia. Gornicioneiro de profesión, estableceuse na Coruña, onde casou en 1806 con Rosa Vázquez Comesaña, coa que tivo catro fillos. Residiu despois en Santiago e noutros lugares de Galicia e de fóra dela.

Actuación no levantamento da Coruña contra os franceses[editar | editar a fonte]

Sinforiano López foi, o 30 de maio de 1810, festividade de San Fernando e, polo tanto, a onomástica do rei, un dos principais indutores da sublevación patriótica da Coruña. Segundo conta Díaz Otero, ese día congregouse un inmenso xentío, mulleres e nenos incluídos, na praza da Fariña, onde se encontraba o palacio da Capitanía,[1] no que estaba o capitán xeneral Filangieri cun bo número de oficiais do exército e cabaleiros da Real Audiencia. Ante o aumento dos gritos e as protestas, baixou o gobernador militar da praza, xeneral Alcedo, a conferenciar cos congregados, que pediron que ondease a bandeira, tal e como era costume, e que se fixeran as salvas de rigor, cousas ambas as que se accedeu e con iso logrouse apazugar momentaneamente o tumulto. Pero na tarde, ante os rumores difundidos de que se estaban embarcando armas cara a Ferrol con destino a Francia, volveuse a congregar a xente, que invadiu o palacio de Capitanía e apedrou as casas de Filangieri e do seu segundo Biedma, pois souberan que este dispuxera o traslado do rexemento de Navarra a Ferrol. A continuación, asaltaron o Parque de Artillaría, levándose os fusís alí existentes. Máis tarde, sacaron en procesión un retrato de Fernando VII, retirándose despois ás casas sen outros incidentes.[2]

Siforiano estaba en contacto, entre outros, co P. Conde (Cristóbal Conde García), vigairo de Santa Clara en Santiago e confesor do arcebispo Múzquiz, que o mandara á Coruña co obxecto de seguir de cerca o rumbo que tomaban os acontecementos (o arcebispo Múzquiz era home de Godoy e, posibelmente, dubidaba do partido que debería tomar).[3]

O 2 de xullo de 1808 o pobo da Coruña asaltou as casas dalgúns franceses e de veciños sospeitosos de seren afrancesados, sendo Sinforiano López un dos primeiros en impedir que o asalto terminase en asasinatos, e así os atacados foron levados detidos só o tempo imprescindíbel para que a súa vida no correra perigo.

En setembro de 1808 López Alía foi nomeado seleiro maior (gornicioneiro) do exército de Galicia, unha especie de director xeral de monturas, e o 8 de outubro recibiu na Coruña a John Hookham Frere e ao marqués de la Romana, xeneral en xefe do exército galego que estivera reitido en Dinamarca, a onde o mandara o goberno, aliado daquela de Francia, para axudar a Napoleón,[4] e que foi devolto a Galicia polos ingleses, que os fixeran prisioneiros, grazas á xestión dos embaixadors da Xunta Suprema ante o goberno británico.[5]

Na Guerra da Independencia[editar | editar a fonte]

No curso da Guerra da Independencia Sinforiano López realizou algúns servizos fóra de Galicia, como os de observador da entrada de forzas inimigas en Hondarribia (Guipúscoa). En León, en 1809, mentres traballaba ao servizo do marqués de la Romana, padeceu unha enfermidade, por lo que tivo que retirarse a Galicia coa súa familia.

Colaborou en El Patriota Compostelano desde 1809 até 1811. O 24 de febreiro de 1810 propuxo, desde Mondoñedo, ao presidente da Xunta Superior de Galicia un plan, algo disparatado, para asasinar a algúns dos representantes do goberno francés en Madrid.

Instalou talleres de gornicionaría en Mondoñedo, Santiago e outros puntos e, a finais de 1810 creou en Santiago a que titulou Fábrica de Armamento que, pese ao seu nome, non saíu do ramo da guarnicionaría. O 19 de novembro de 1812 foi nomeado tenente das Milicias Urbanas da Coruña.[6]

Parece que colaborou na Gazeta Marcial y Política de Santiago, entre 1812 e 1813; en El Ciudadano por la Constitución, entre 1812 e 1814; no Diario Cívico-Patriótico, entre 1812 e 1815, e no Diario de Santiago de 1814. Felicitou ás Cortes de Cádiz pola abolición da Inquisición, e reimprimiu, ás súas expensas, en abril de 1813 os decretos das mesmas sobre o asunto, que repartiu gratis

"para los amantes de la libertad de su amada Patria"

dos que tivo que facer ao pouco tempo unha segunda edición.

Visitou o antigo edifico da Inquisición coruñesa, e narrou despois en El Ciudadano por la Constitución, o 23 de maio de 1813, a fonda impresión que tal visita lle producira. Reeditou tamén Os rogos d'un galego, o coñecido poema de Manuel Pardo de Andrade. Mandou imprimir tamén, e repartiu gratis, a Representación a S.M. las Cortes, de María del Carmen Lizardi.[7]

Captura, proceso, axustizamento e mitificación[editar | editar a fonte]

Tras o cambio político, o 17 de maio de 1814 os absolutistas asaltaron a súa casa, o mesmo que as doutros liberais. Foi procesado e detido en Santiago o 6 de xullo de 1814, sendo conducido en decembro ao cárcere da Coruña. O 3 de febreiro de 1815 intentou fugarse, coa idea, segudo se dixo, de revolucionar a cidade. Parece que se estaba en relación coa conxura de Porlier ou, polo menos, diso foi acusado. A Comisión Militar que o xulgou, presidida por Ulises de Albergoti, condenouno a morrer na forca, previa degradación, e foi axustizado na Coruña o 13 de abril de 1815.[6]

Meijide Pardo publicou documentos que, de seren certos, poderían danar a súa fama: Filipe Saint Marcq, capitán xeneral de Galicia, escribiu ao xeneral Eguía que López Alía se ofrecera a confesar toda a trama, a cambio de conservar a vida e de que se lle permitise saír, a el e á súa familia, dos reinos de España. O capitán xeneral non o perdonou, polo que Sinforiano López foi executado; en cuanto á súa proposta, de momento no se teñen elementos para coñecer se nela hai algo de verdade ou non.

En 1820, coa volta do liberalismo, Sinforiano López foi, en palabras de Meijide Pardo, mitificado, é dicir, converteuse nun símbolo das aspiracións galegas á liberdade. Entre outros escritos panexíricos, destaca a Oración fúnebre que lle dedicou en 1821 Antonio Benito Fandiño:

Oración fúnebre que a la inmortal memoria del nunca bien celebrado y heroico pariota D. Sinforiano López, vícima de la verdad y mártir de la justicia, compuso y da a la prensa su grande amigo D. Antonio Benito Fandiño, pra que, ya no predicada, sea leida y dada a las Cortes del año 1821.
Antonio Benito Fandiño.

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

Dúas rúas das cidades da Coruña e Ferrol leva o nome de Sinforiano López.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hoxe, praza da Constitución.
  2. Díaz Otero, Antón (1981): Orígenes, estructura y evolución de la Junta Suprema de Galicia, 1808-1813. Memoria de Licenciatura. Santiago: Universidade de Santiago de Compostela, Facultade de Xeografía e Historia, pro ms., pp. 33 e ss.
  3. Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1982): Historia Contemporánea de Galicia. I. De la Guerra de la Independencia al Postfranquismo (1815-1893). A Coruña: Ediciones Gamma. p. 47.
  4. O 5 de febrero de 1807, Carlos IV e Godoy comunicaban ao ministro francés Talleyrand que lle dixera a Napoleón que a Corte española poñía á súa disposición 14.000 homes, incluídos os 6.000 que gornecían o Reino de Etruria, propoñendo para o mando daquela División ao xeneral O'Farril, ou ben a Castaños. Como Napoleón non prestou atención a ningún deles, foi nomeado o marqués de La Romana.
  5. Barreiro (1982), p. 47.
  6. 6,0 6,1 MSN Biografías López Alía, Sinforiano.
  7. "Representación dirigida á S.M. las Córtes por doña María del Carmen Lizardi / la da gratis á sus conciudadanos D. Sinforiano López Alía". Santiago, 1814.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Artola, Miguel (1973): La burguesía revolucionaria (1808-1869). Historia de España Alfaguara V. Madrid: Alianza Editorial / Alfaguara. ISBN 84-206-2046-7.
  • Artola, Miguel (1977): La guerra de la indpendencia. Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 978-84-670-2624-5.
  • Artola, Miguel (2008): La España de Fernando VII. Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 978-84-670-2918-5.
  • Barreiro Fernández, Xosé Ramón: "Historia política", in X. R. Barreiro Fernández et. al. (1984): Los Gallegos. 2ª ed. Madrid: Ediciones Itsmo. ISBN 84-7090-006-4, pp. 95–148. (1ª ed. en Akal, 1976) Los gallegos
  • Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1981): Historia de Galicia. IV. Edade Contemporánea. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-388-5.
  • Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1982): Historia Contemporánea de Galicia. I. De la Guerra de la Independencia al Postfranquismo (1815-1893). A Coruña: Ediciones Gamma. ISBN 84-300-6423-0.
  • Fernández de Pinedo, Emiliano; Gil Novales, Alberto, e Dérozier, Albert (1980): Centralismo, Ilustración y agonía de Antiguo Régimen (1715-1833). Vol. VII de: Manuel Tuñón de Lara (dir.) Historia de España. Barcelona: Editorial Labor. ISBN 84-335-9427-3.
  • López Alía, Sinforiano: (1813): Sencillo y justo elogio que a las hijas de Galicia tributa como testigo de sus memorables acciones don Sinforiano Lopez Alia, teniente capitan de las milicias urbanas de esta plaza, y director de monturas de los exércitos Nacionales quien le dedica á las hijas de Madrid su patria. Siendo capitan general de este reyno y exercito de Galicia el Excmo. Sr. D. Luis Lacy. Madrid: Oficina de D. Francisco Cándico Perez Prieto.
  • Marqués de Villa-Urrutia (1922): Fernando VII, rey constitucional: historia dipolomática de España de 1820 a 1823. Madrid: Felipe Beltrán. [1] Google books
  • Meijide Prado, Antonio: "Pardo de Andrade, devanceiro do xornalismo galego". Grial, nº 80 (abril-xuño 1983).
  • Meijide Prado, Antonio: "Causa instruída al alférez Pita de Veiga con motivo del alzamiento de 1820 en La Coruña". Revista del Instituto "José Cornide" de Estudios Coruñeses, números 5 e 6 (1969-70).
  • Ramírez de Villa-Urrutia, Wenceslao (I marqués de Villa-Urrutia) (1931): Fernando VII, rey absoluto: la ominosa década de 1823 a 1833. Madrid: Felipe Beltrán.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]