Ramón Plá
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | (es) Ramón Plá y Monge 19 de outubro de 1823 Ferrol |
| Morte | 6 de setembro de 1892 Madrid |
| Actividade | |
| Ocupación | comerciante de escravos |
| Outro | |
| Título | Marquesado de Amboage |
| Cónxuxe | Faustina Peñalver Fauste |
| Fillos | Fernando Pla Peñalver |
| Pais | Félix Plá Pulles |
| Irmáns | José Plá Monge |
| Premios | |
Ramón Pedro Francisco Plá Monge[1], coñecido como Ramón Plá Monge[2], nado en Ferrol o 19 de outubro de 1823 e finado o 6 de setembro de 1892 en Madrid, foi un escravista e empresario galego do século XIX, nomeado marqués de Amboage[3].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]
De familia acomodada, fillo de Félix Plá Pulles e de Ramona Monge Amboage.[3] Na súa xuventude marchou a Cuba, onde creou un negocio de ferraxería, a Compañía Española de Alumbrado de Gas na Habana e a súa homóloga en Matanzas[4][3].
Luis Alonso Álvarez[5] [6] considérao membro dun clan familiar de traficantes de persoas escravizadas. O seu irmán, José Plá Monge, chegou a ser un dos principais escravistas de Cuba. Ademais, Ramón Plá foi propietario xunto con Jaime Font dun barracón onde se vendían persoas escravizadas ás aforas da Habana, en San Antonio Chiquito[7], e da plantación de azucre San Pablo en Cárdenas, provincia de Matanzas[8]. Ademais figura como principal accionista de La Positiva[9] e de La Alianza[10], compañías que se dedicaban á trata de chineses escravizados (culís)[11][12]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Faustina Peñalver, con quen tivo dous fillos.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]No seu regreso á metrópole obtivo o título de Marqués de Amboage (o 21 de xuño de 1884), a gran cruz da Orde de Isabel a Católica e a praza de conselleiro do Banco Hipotecario de España.
Fundación Marqués de Amboage
[editar | editar a fonte]Os traficantes de escravos caracterizáronse por dedicar parte da súa fortuna a obras filantrópicas: Eusebio da Guarda sufragou o instituto da Coruña; Antonio López, a Universidade Pontificia Comillas; José Xifré, o hospital de Arenys de Mar... O propio papa Gregorio XVI condenou en 1839 este infame comercio na carta apostólica In supremo apostolatus fastigio[13]
Trala morte do seu primeiro fillo o 13 de xullo de 1891 nun accidente militar, decidiu en 1892 dedicar un terzo da súa fortuna á fundación hoxe coñecida como Fundación Ramón Plá Marqués de Amboage. Esta tiña como fins "distribuír todos os anos, entre cen pobres verdadeiramente necesitados, veciños ou que residan habitualmente na cidade de Ferrol, a suma de cinco mil pesetas en metálico" nun repartimento que se facía o 31 de agosto, día de San Ramón, dando a cada pobre a esmola de 50 pesetas.
Ademais tamén pagaba a familias pobres as 1.500 pesetas que custaba a excedencia do servizo militar. Esta axuda evitou que moitos ferroláns loitasen na guerra de Cuba e que familias campesiñas tivesen que prescindir da axuda dos seus fillos durante os dous anos de servizo. Máis tarde prohibiuse a exención, pero seguíronse repartindo as 1.500 pesetas entre os mozos que reunían unha serie de requisitos, como ser traballadores e ter a folla de servizo limpa.
A fundación dispuña dun capital a partir de cuxas rendas se subvencionaba a súa actividade. Os fondos sobrantes deberían distribuírse, por partes iguais, entre os establecementos benéficos da cidade.
Homenaxe
[editar | editar a fonte]O Concello de Ferrol, decidiu darlle o seu nome á praza de Dores e dedicarlle unha estatua. En 1895 fundouse a sociedade "Gratitude ó Marqués de Amboage", para celebrar tódolos anos unha misa e festas na súa honra, no día do seu santo. Dentro destes actos realízase unha procesión que sae da Concatedral de San Xiao ata a praza que recibe o seu nome para depositar unha coroa de flores e celebrar os famosos fogos de artificio.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Entrada do Marqués de Amboage no blog Títulos Nobiliarios Pontificios. (en castelán)
- ↑ Tamén grafado como Ramón Plá Monje.
- 1 2 3 4 Burgoa, J.J. (31 de agosto de 2014). Galicia Ártabra, ed. "Ramón Plá y Monge. Marqués de Amboage y filántropo. (extracto do libro "Vida y obra de un emigrante ferrolano")". Consultado o 5 de xullo de 2016.
- ↑ "El Correo Gallego" (4428). 13 de xuño de 1893.
- ↑ "A trata galega de escravizados (II). Aprendendo o oficio, 1815-1820". Praza.gal. Consultado o 8/7/25.
- ↑ "La participación de Galicia en el comercio transatlántico de esclavizados: Empresa y empresarios, 1789-1867, Illes i imperis, 2024, núm. 26, p. 189-20". Consultado o 08/07/2025.
- ↑ Correspondence with Spain, Portugal, Brazil, the Netherlands, Sweden, and the Argentine Confederation, relative to the slave trade. 1841 (Páx 175-191). 1842.
- ↑ "Estados relativos á la producción azucarera de la Isla de Cuba: formados competentemente con autorización de la Intendencia de Ejercito y Hacienda".
- ↑ "Mapa". España esclavista (en castelán). Consultado o 2025-07-10.
- ↑ "Expediente general de la inspección de Sociedades Mercantiles, por acciones y de Ferrocarriles: Memorias y balances de Sociedades ULTRAMAR,69,Exp.7 (1863 -1866) (Páx. 137)". Consultado o 08/07/2025.
- ↑ ""Boletín de Colonización", 30 de setembro de 1873. (Páx. 214)". Consultado o 08/07/2025.
- ↑ "LA INMIGRACIÓN CHINA EN CUBA, SIGLOS XIX Y XX: DEBATES ECONÓMICOS Y DISCURSOS IDENTITARIOS" (PDF).
- ↑ Piqueras, José Antonio (2021-12-10). Negreros: Españoles en el tráfico y en los capitales esclavistas (en árabe). Los Libros De La Catarata. ISBN 978-84-1352-332-3.