Diego Xelmírez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diego Xelmírez
Gelmires.jpg

Diego Xelmírez
Bispo da Igrexa Católica
Biografía
Nacemento entre1068 e 1070 en Santiago de Compostela
Pasamento ? en ?
Alma mater Escola Catedralicia de Compostela
Ordes
Ordenación sacerdotal 21 de abril de 1101
Consagración episcopal 26 de febreiro de 1120
Arcebispo de Santiago de Compostela
1101 - 1136
Predecesor Dalmacio
Sucesor Pedro Elías


Diego Xelmírez foi bispo de Compostela de 1101 a 1136, e o seu primeiro arcebispo segundo privilexio papal do 26 de febreiro de 1120. É unha das personalidades fundamentais da historia de Galiza.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A súa data e lugar de nacemento non se coñecen, pero parece que naceu en Santiago entre 1068 e 1070 (Briggs: páx. 43), aínda que a tradición sitúa o seu lugar de nacemento en Catoira, posiblemente porque seu pai, Xelmirio, era o custodio das torres do Oeste. Educouse na Escola Catedralicia de Compostela e máis tarde na corte de Afonso VI. De volta a Compostela traballou na chancelería do bispo Diego Páez. No ano 1092, o conde Raimundo de Borgoña nomeouno o seu notario e secretario e, no ano 1093, administrador do honor da sé compostelá, cargo que exerceu con acerto até que foi elixido bispo Dalmacio no ano 1094. Á morte deste, no ano 1095, o clero solicitou ao rei que Xelmírez volvese ao posto de administrador, cousa que fixo en canto a sé estivo vacante. No ano 1099 o novo papa Pascual II autorizou a elección dun novo bispo. Deste xeito, no tempo en que Xelmírez estaba en peregrinación cara a Roma e foi ordenado diácono polo propio Papa, foi tamén elixido bispo o 1 de xullo de 1100. A consagración tivo lugar o 21 de abril de 1101.

Roma e Santiago[editar | editar a fonte]

Miniatura medieval do mosteiro de Toxos Outos onde se representa a Diego Xelmírez ordenando a dous novos cabaleiros en compaña dunha comitiva de aristócratas. Século XIII.

Superados os receos da autoproclamación de Santiago como Sé Apostólica en tempos de Cresconio, Xelmírez acada un fecundo entendemento con Roma. Para iso desprega un labor diplomático sen precedentes que inclúe a súa viaxe persoal ao centro da cristiandade occidental.

Deste xeito, e pese a oposición dos bispos de Braga (restaurada por García de Galicia) e Toledo, consegue a categoría de sé metropolitana do Papa Calisto II. Así, Xelmírez pasa a obter a dignidade de arcebispo no ano 1120, quedando baixo a súa dependencia os bispados de Guarda, Lamego e Idaña, nas terras portuguesas e de Salamanca e Zamora no Reino de León.

Ao mesmo tempo, o Papa noméao Legado Pontificio para os Reinos de León e Galicia (incluídas as terras portuguesas), en virtude do cal convoca sínodos e concilios de enorme repercusión política e relixiosa.

A rivalidade con Braga, pola supremacía do espazo eclesiástico galaico-portugués, levouno a cometer o latrocinio de importantes reliquias atesouradas naquela sé co gallo dunha mellor custodia e protección, como as de San Froitoso. Este e outros feitos son narrados na Historia Compostelá.

Xelmirez convocou e presidiu no ano 1124 unha reunión dos bispos dos territorios cristiáns peninsulares para tratar de superar as dificultades que atravesaba o reino a través da predicación da paz e a aplicación da tregua de Deus, e establecendo unha paridade nos beneficios que obtería un morto na loita contra os "violadores da paz" (mouros), a remisión dos pecados, a imaxe dos mortos na viaxe a Xerusalén, as Cruzadas. Este xeito de entender a separación cos "infieis ismaelitas" e común en toda Europa e establece unha fronteira relixiosa entre os reinos cristiáns, dos que varios conforman o Reino de España (seguindo a Historia Compostelá) e os demais reinos europeos.

Defensa de Afonso VII[editar | editar a fonte]

Tralo encarceramento do rei García de Galicia, Afonso VI de León cedeu o Reino de Galicia ao conde Raimundo de Borgoña, casado coa súa filla Urraca. Fillo de ambos era Afonso Raimúndez a quen o testamento do rei garantía os dereitos sobre Galicia no caso de que Urraca, xa viúva, volvera a casar. Non debe esquecerse que Afonso Raimúndez era sobriño do Papa Calisto II.

Urraca casou con Afonso o Batallador de Navarra e Aragón, que se fixo dono de Castela e León. Ante esta situación, o líder da nobreza galega Pedro Froilaz de Traba apoiou os dereitos do fillo de Urraca, Afonso, e Xelmírez nun primeiro momento aliouse co inimigo dos Traba, Airas Pérez aliado de Urraca, pero no transcurso do 1110 Xelmírez achegouse ao de Traba e o 17 de setembro de 1111 Xelmírez na presenza de Pedro de Traba corou como rei de Galicia ao neno Afonso Reimundez co fin de garantir os seus dereitos sucesorios e manter independente a Galicia do dominio navarro-aragonés.

O conflito dexenerou en guerra aberta onde os exércitos de Xelmírez e o conde de Traba pugnaron por manter a Galicia fora da órbita de Afonso o Batallador. As desavinzas de Urraca co seu novo home acabaron levando á raíña leonesa a congraciarse con Xelmírez e respectar os dereitos do seu fillo Afonso, que acabaría sendo Afonso VII de León e Castela.

Tras a súa coroación Afonso VII nomeou a Xelmírez capelán e chanceler reais e seguiu contando co apoio económico e político do arcebispo compostelán para o seu proxecto imperial.

Reorganización do Señorío das Terras de Santiago[editar | editar a fonte]

Arco do pazo pertencente ao coñecido como Pazo de Xelmírez, pese a seren posteriores a el, posiblemente de tempos de Xoán Arias, e que unen varias estancias do mesmo permitindo o paso por baixo deles.

O Señorío de Santiago abranguía as terras entre os montes do Bocelo e as costas Atlánticas, un espazo de poder autónomo baixo a soberanía prelados de Compostela.

As loitas entre o seu antecesor Diego Páez e Afonso VI, xeraron un baleiro de poder que Xelmírez acometeu resolver con acerto.

Favoreceu as peregrinacións co apoio pleno de Roma e a Orde de Cluny. Reactivou o comercio por medio da cuñaxe de moeda propia tal como fixera Diego Páez, deu pulo a expansión urbana (Rúa Nova) e impartiu xustiza con enerxía.

Construíu e organizou unha frota galega para a defensa das costas dos ataques normandos o que mantivo a raia ás invasións viquingas que desapareceron para sempre das costas galegas. Tentou facer de Santiago centro da monarquía co Panteón Real da Catedral onde se enterraron o pai e a dona do rei Afonso VII. Introduciu a reforma gregoriana. A escola catedralicia acadou sona no ámbito continental. Estableceu estudos de Retórica e Dialéctica, xunto aos de Gramática. Como se dun monarca se tratase, mandou escribir as súas propias crónicas: a Historia Compostelá, fonte fundamental para entender os avatares da España medieval.

Mandou erguer igrexas novas como a de Santa María de Sar e construíuse un gran Pazo episcopal onde se fixo rodear dunha importante Corte ao seu servizo.

Mandou reconstruír templos, como o de Ermelo (Bueu), onde estaba o mosteiro de Santiago de Ermelo. Aló consérvase unha lápida cunha inscrición referente ao bispo, feita en 1104.

Impuxo con mao de ferro a súa autoridade contra os levantiscos burgueses composteláns. Estes, nun dos seus violentos levantamentos, chegaron a aldraxar na praza pública a raíña Urraca, e sitiaron o arcebispo e a raíña no seu pazo, fuxindo ambos no último intre despois de que os rebeldes lle prenderan lume ao pazo (non o coñecido na actualidade senón un anterior situado na actual Praterías), feitos estes ocorridos nos anos 1116 e 1117. Só a axuda das tropas do conde Pedro Froilaz de Traba, permitiu a recuperación do poder sobre unha cidade dinámica inclinada á rebelión, pese a que no ano 1136 xa vello e enfermo sufriu un novo ataque ao seu pazo

Non se sabe a data exacta da súa morte nin onde está soterrado.


Predecesor:
Dalmacio
Arcebispo de Compostela - Iria
1100 - 1136
Sucesor:
Pedro Elías

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]