Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16

Fútbol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde «Futbolista»)
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O atacante austríaco Rubin Okotie tenta marcar un gol contra o equipo do Congo, no Campionato Mundial de Fútbol Sub-20 2007. Foto obtida no Commonwealth Stadium, en Edmonton, Alberta, no Canadá.

O fútbol é un deporte de equipo que se xoga entre dous equipos de 11 xogadores que utilizan principalmente os seus pés para impulsar un balón ao longo dun campo rectangular chamado terreo de xogo. O fútbol é o deporte por equipos máis popular do mundo, tanto respecto ó número de espectadores como ó número de participantes activos. O organismo reitor do fútbol é a Fédération Internationale de Football Association (FIFA). Millóns de persoas xogan en clubs de afeccionados ou van a acotío ó estadio para apoiaren o seu equipo favorito. Os países de Europa e Suramérica son os que dominan o xogo a nivel internacional.

A FIFA é o organismo encargado de organiza-lo fútbol a nivel mundial, e para facilitar ese traballo, creou diversas organizacións continentais. Así, temos en Europa á UEFA; en África á CAF; en América do Norte, Central e Caribe, á CONCACAF; en Suramérica á CONMEBOL; en Asia á AFC; e en Oceanía á OFC.

Dentro das competicións a nivel mundial, o torneo máis relevante é o Copa do Mundo, polo que a seleccións nacionais se refire, que se disputa cada catro anos. En canto a clubs, o torneo máis importante é a Copa Mundial de Clubs da FIFA, que disputan os campións de tódalas confederacións. Este torneo substitúe á antiga Copa Intercontinental.

Nome[editar | editar a fonte]

As regras do fútbol codificounas en Inglaterra a Football Association en 1863 e o deporte pasou a se coñecer como association football para distinguilo das moitas versións de fútbol que existían entón, especialmente do rugby football que tiña as súas propias regras dende 1848[1]. Non obstante, a primeira referencia ó "balón inchado co que se xogaba" data de mediados do século XIV e coa forma foteballe.[2]. A palabra soccer (outra denominación que recibe o fútbol en inglés) é unha abreviación coloquial do termo Association e apareceu primeiro en 1889 como socca[3]. A súa orixe débese a un estudante de Oxford chamado Charles Wreford Brown, quen xogou para a selección inglesa e chegou ó posto de vicepresidente da Asociación de Fútbol. A finais do século XIX, soccer era a palabra coas que as clases altas se referían ó xogo, practicado nas escolas privadas, namentres que a clase traballadora empregaba o termo football. En inglés a forma association football caeu en desuso, mais algúns equipos e institucións aínda a empregan nos seus nomes oficiais. No Reino Unido emprégase "football" e "soccer" no Canadá e os Estados Unidos. Nalgúns países onde son populares outras versións de fútbol (Australia, Irlanda, Gales, Suráfrica e Nova Zelandia) usan as dúas formas. Así e todo, as asociacións nacionais de Australia e Nova Zelandia empregan principalmente "football" en situacións formais[4].

O deporte chegou ó resto do mundo grazas ós inmigrantes británicos e os países que recibiron o deporte adoptaron o termo inglés. Así, pasou a ser fußball en alemán, voetbal en holandés, fotbal nas linguas escandinavas, futebol en portugués e fútbol en castelán. En francés, a escrita non se modificou e a actividade coñécese como le football (con frecuencia abreviado a le foot), aínda que no Quebec se coñece como le soccer, dado á coexistencia co football canadien. En Italia, un ritual da corte florentina coñecido como il calcio storico era semellante abondo ó deporte, e decidiron emprega-la palabra calcio para nomear a actividade.

En Gran Bretaña, ó fútbol chámaselle coloquialmente footie.

Historia do fútbol[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia do fútbol.

Orixes[editar | editar a fonte]

Ancient Greek Football Player.jpg
One Hundred Children in the Long Spring.jpg
(Esquerda): un xogador de episkyros nunha antiga escultura en pedra, c. 375–400 a. C., exposto no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas;[5] (dereita): nenos xogando o cuju durante a dinastía Song China, século XII

A humanidade, desde a antigüidade, practicou ao longo da súa historia diversos xogos de pelota. Os xogos de pelota con patadas xurdiron de forma independente en múltiples culturas. O xogo competitivo chinés cuju (蹴鞠, literalmente "bola de patada") aseméllase ao fútbol asociativo moderno.[6] Os xogadores de cuju podían usar calquera parte do corpo ademais das mans e a intención era lanzar un balón a través dunha abertura nunha rede. Durante a dinastía Han (206 a. C. – 220 d. C.), os xogos de cuju foron estandarizados e establecéronse regras.[7]

Coñécese que este entretemento existía tanto na cultura do mar Mediterráneo como en América.[8] O achado máis antigo e revelador remóntase a un relevo da Antiga Grecia (400 a. C.), onde un home domina unha pelota sobre a súa coxa. Este deporte era o episkyros,[9] que se xogaba cunha pelota de coiro pintada con cores brillantes e dous equipos de 12 a 14 xogadores. A FIFA recoñeceuno como unha das formas máis antigas do actual fútbol.[10] Máis tarde, en Roma, o mesmo recibiu o nome de harpastum.[11]

En Europa, xa a finais da Idade Media e séculos posteriores, desenvolvéronse nas illas británicas e zonas contiguas distintos xogos de equipo, aos cales coñecianse como códigos de fútbol. Estes códigos fóronse unificando co paso do tempo, pero foi na segunda metade do século XVII cando se deron as primeiras grandes unificacións do fútbol, que máis tarde deron orixe ao fútbol de rugby, ao fútbol americano, ao fútbol australiano e ao deporte que hoxe se coñece en gran parte do mundo como fútbol a secas.[Cómpre referencia]

Noutras zonas do mundo tamén se practicaban xogos nos que unha pelota era impulsada cos pés. Entre elas poden mencionarse as misións xesuíticas na zona guaraní, máis especificamente na de San Ignacio Miní no século XVII, na rexión que agora se coñece como Misións. O xesuíta español José Manuel Peramás escribiu no seu libro De vita et moribus tredecim virorum paraguaycorum: «Adoitaban tamén xogar cun balón, que, aínda sendo de goma chea, era tan lixeiro e rápido que, cada vez que o golpeaban, seguía rebotando algún tempo, sen pararse, impulsado polo seu propio peso. Non lanzaban a pelota coa man, como nós, senón coa parte superior do pé espido, pasándoa e recibíndoa con gran axilidade e precisión».[Cómpre referencia] “Si, os guaraníes xogaban un xogo de pelota cos pés. Descríbeo o pai xesuíta José Cardiel, no libro As misións do Paraguai” (Madrid, Historia 16, 1989, p. 135): Os guaraníes non xogan á pelota como nós coa man, senón que a envían e vólvena a recibir coa parte superior do pé descalzo con gran rapidez e moita destreza” (José Manuel Peramás, Platón y los Guaraníes. Asunción, CEPAG, 2004, p. 97).

Os primeiros códigos británicos caracterizábanse por ter poucas regras e pola súa extrema violencia.[12] Un dos máis populares foi o fútbol de entroido. Pola devandita razón o fútbol de entroido foi prohibido en Inglaterra por decreto do rei Eduardo III e permaneceu prohibido durante 500 anos.[13] O fútbol de entroido non foi o único código da época; de feito existiron outros códigos máis organizados, menos violentos e mesmo que se desenvolveron fóra das illas británicas. Un dos xogos máis coñecidos foi o calcio florentino, orixinario da cidade de Florencia (Italia). Este deporte influenciou en varios aspectos ao fútbol actual, non só polas súas regras, senón tamén polo ambiente de festa en que se xogaban estes encontros.[14]

Con todo o fútbol en si non ten unha historia clásica.[15] A pesar de calquera similitude con outros xogos de pelota xogados en todo o mundo, a FIFA recoñeceu que non existe conexión histórica con ningún xogo xogado na antigüidade fóra de Europa.[16]

Unificacións do século XIX[editar | editar a fonte]

Unha representación do calcio florentino durante o século XVII.

A historia do fútbol en Inglaterra remóntase polo menos ao século VIII.[17] As regras modernas do fútbol asociativo baséanse nos esforzos de mediados do século XIX para estandarizar as formas moi variadas de fútbol que se xogaban nas escolas públicas de Inglaterra. Os colexios británicos dividíronse fronte o código do rugby; mentres varios decidiron seguilo, outros decidiron rexeitalo debido a que neles a práctica era non tocar o balón coa man. Entre estes últimos colexios atopábanse os de Eton, Harrow, Winchester, Charterhouse e Westminster.[18] A mediados do século XIX déronse os primeiros pasos para unificar todos os códigos do fútbol nun. O primeiro intento foi en 1848, cando na Universidade de Cambridge, Henry de Winton e John Charles Thring fixeron un chamamento a membros doutras escolas para regulamentar un novo código, o Código Cambridge, tamén coñecido como as Regras de Cambridge.[19] As regras presentaban un importante parecido ás regras do fútbol actual. Quizais o máis importante de todos foi a limitación das mans para tocar a pelota, pasando a responsabilidade de trasladar a mesma aos pés. O obxectivo do xogo era facer pasar unha pelota entre dous postes verticais e por baixo dunha cinta que os unía, e o equipo que marcaba máis goles era o gañador. Mesmo se creou unha regra de fóra de xogo similar á actual.[20] Os documentos orixinais de 1848 perdéronse, pero consérvase unha copia das regras de 1856.[21] Entre 1857 e 1878 utilizouse un código do fútbol que tamén achegaría características ao fútbol moderno: o Código Sheffield, tamén coñecido como as Regras de Sheffield. O código, creado por Nathaniel Creswick e William Prest, adoptou regras que se ven reflectidas no fútbol actual, como o uso dun traveseiro (poste horizontal) de material ríxido, en lugar da cinta que se usaba ata o momento. Tamén se adoptou a utilización de tiros libres, saques de esquina e saques de banda como métodos de continuación do xogo.[22]

Aínda que con estas unificacións do fútbol lográronse varios avances para a creación do fútbol moderno, considérase que o día do seu nacemento é o 26 de outubro de 1863, cando The Football Association reuniuse por primeira vez.[23] Ese día, Ebenezer Cobb Morley iniciou unha serie de seis reunións entre doce clubs de distintas escolas londinienses na Taberna Freemason's, co obxectivo de crear un código de fútbol universal e definitivo, que tivese a aceptación da maioría.

Finalizadas as reunións, o 8 de decembro, once dos doce clubs lograron o consenso para establecer 14 regras do novo código, o cal recibiría o nome de fútbol asociación (association football en inglés), para diferencialo doutros códigos do fútbol da época. Só o club Blackheath negouse á creación destas regras, que máis tarde se convertería nun dos creadores doutro famoso deporte, o rugby.[24]

O regulamento utilizado como base para o fútbol foi o Código Cambridge, excepto en dous puntos do mesmo, os cales eran considerados de moita importancia para os códigos actuais: o uso das mans para trasladar o balón e o uso dos tackles (contacto físico brusco para quitarlle a pelota ao rival) contra os adversarios. Este foi o motivo do abandono do club Blackheath.

Xunto á creación do novo código creouse a The Football Association (FA), órgano que rexe ata a actualidade o fútbol en Inglaterra. Neses momentos, os estudantes das escolas inglesas desenvolveron as abreviaturas "rugger" e "soccer" (derivado de "association"), para designar a ambos os deportes: o rugby e o fútbol, respectivamente. Con este último termo é maioritariamente coñecido o fútbol nos Estados Unidos.[25]

Primeiros eventos[editar | editar a fonte]

Xa co fútbol ben definido, comezáronse a disputar os primeiros encontros con este novo código.

O 20 de xullo de 1871, un xornal británico anunciou a creación dun torneo organizado pola FA, o primeiro paso para a creación da Copa de Inglaterra.[26] Ese ano, a FA estaba composta por 50 equipos, pero só 12 decidiron participar na primeira edición do torneo,[27] 1871-1872, que foi gañada polo Wanderers FC.[28] O 30 de novembro de 1872, Escocia e Inglaterra disputaron o primeiro partido oficial entre seleccións nacionais, encontro que concluíu en empate sen goles. O partido disputouse no Hamilton Crescent, actual campo de crícket, en Partick (Escocia).[29]

Entre xaneiro e marzo de 1884, disputouse a primeira edición do British Home Championship, que ata a súa desaparición en 1984 era o torneo de seleccións máis antigo da historia. O primeiro título gañouno Escocia.[30] A primeira competición de liga chegou na tempada 1888-1889 coa creación da Football League. Participaron 12 equipos afiliados á FA, e cada un xogou un total de 22 encontros. Devandito torneo quedou en mans do Preston North End Football Club, que ademais o logrou sen ser vencido.[31]

Expansión internacional[editar | editar a fonte]

Balón de fútbol de 1924. Museo do Sevilla.

Co pasar dos anos, o fútbol expandiuse rapidamente nas illas británicas, onde se crearon novas asociacións de fútbol, á parte da inglesa (fundada en 1863), que representaban ás catro rexións do por entón Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda: a Scottish Football Association (Escocia, 1873), a Football Association of Wales (Gales, 1876) e aa Irish Football Association (Irlanda, 1880).[32] A finais dos anos 1880 o fútbol comezou a expandirse rapidamente fora do Reino Unido, principalmente debido á influencia internacional do Imperio británico. Os primeiros países en iniciar as súas asociacións de fútbol foron Dinamarca e os Países Baixos (1889),[32] aos que logo se sumaron as asociacións de Nova Zelandia (1891), Arxentina (1893), Bélxica, Chile e Suíza (1895), Italia (1898), Alemaña e Uruguai (1900), Hungría (1901), Noruega (1902), Suecia (1904) e España (1913).[32][33]

O auxe do fútbol a nivel mundial motivou a creación da FIFA o 21 de maio de 1904. As asociacións fundadoras foron Bélxica, España (representada polo Madrid F. C.), Dinamarca, Francia, Países Baixos, Suecia e Suíza. As catro asociacións de fútbol do Reino Unido, as denominadas Home Nations, opuxéronse á creación do devandito órgano.[33] Debido ao crecemento do fútbol, a FIFA anunciara a primeira competición internacional de seleccións para 1906, pero por problemas internos de varias asociacións a mesma non se desenvolveu.[33] O fútbol xa se presentou ao mundo por medio dunha serie de encontros de exhibición durante os Xogos Olímpicos de 1900, 1904, 1906 (xogos intercalados), todos a nivel de clubs, ata que a edición de 1908 recibiu por primeira vez unha competición de seleccións. A medalla de ouro quedou en mans da selección de fútbol do Reino Unido.

En 1916 fundouse a Confederación Suramericana de Fútbol (Conmebol), que ese mesmo ano organizou a primeira edición do Campionato Suramericano de Fútbol, actual Copa América —devandito torneo mantense como o máis antigo da historia do fútbol a nivel de seleccións, dos que aínda existen—.[34] Nesa primeira edición participaron Arxentina, Brasil, Chile e Uruguai, resultando campión este último.

A primeira guerra mundial fixo retroceder o desenvolvemento do fútbol, pero as edicións de 1924 e 1928 dos Xogos Olímpicos revitalizaron o deporte, en particular as actuacións da selección uruguaia. Este novo crecemento do fútbol motivou que a FIFA confirmase o 28 de maio de 1928 en Ámsterdam a realización dun campionato mundial de seleccións, cuxa sede sería confirmada o 18 de maio de 1929 no congreso de Barcelona. Uruguai sería sede da primeira edición da Copa do Mundo de Fútbol, que se celebraría en conxunto co centésimo aniversario da primeira Constitución uruguaia. A selección uruguaia quedou co primeiro título da historia da competición. A segunda edición do torneo realizouse en 1934 en Italia, e foi utilizada polo ditador Benito Mussolini como propaganda do seu réxime. A competición viuse deslucida debido á intervención de Mussolini, que fixo todo para que a súa selección italiana obtivese o torneo, mesmo con ameazas aos árbitros da final.[35] A terceira edición do torneo tamén se viu deslucida debido a Mussolini, que antes da final entre Italia e Hungría enviou un telegrama á súa selección ameazándoos de morte. Finalmente a selección azzurra, que vestiu un uniforme completamente negro representando ao Partido Nacional Fascista, impúxose na final por 4 goles a 2.[36]

A segunda guerra mundial tamén tivo un efecto similar sobre o fútbol. En 1946 as Home Nations, que se habían desafiliado da FIFA tras a primeira guerra mundial, volveron ao órgano internacional. O 10 de maio de 1947 considérase unha data de vital importancia para o rexurdimento da FIFA e do fútbol mundial, grazas á realización do encontro amigable entre a selección británica e un combinado de futbolistas europeos, o Resto de Europa XI, no denominado Partido do Século. O encontro disputouse en Hampden Park, Glasgow, Escocia, ante 135 000 espectadores. O conxunto británico gañou o partido cun marcador de 6 goles a 1, e a recadación do partido foi doada á FIFA para axudala no seu relanzamento.[33] A primeira edición da Copa Mundial posterior á segunda guerra mundial se desenvolveu en Brasil durante 1950. O triunfo da selección uruguaia no lembrado Maracanazo coroou o rexurdimento da FIFA e do fútbol mundial.

Consolidación[editar | editar a fonte]

Ryan Valentine anota para o Wrexham durante un encontro da Football League Two.

A segunda metade do século XX sería a época de maior crecemento do fútbol. O fútbol suramericano xa se atopaba organizado desde 1916, ano en que se fundou a Confederación Suramericana de Fútbol, pero o deporte noutras zonas comezaríase a agrupar nos anos 1950 e 60. En 1954 o fútbol europeo e asiático organizaríase na Unión de Asociacións Europeas de Fútbol e a Confederación Asiática de Fútbol respectivamente. En Europa consolídanse os clubs con maiores orzamentos, fundados na súa maioría a finais do século XIX, pero que alcanzan grandes cotas de éxito na segunda metade do s. XX. Entre eles destaca o club español Real Madrid Club de Fútbol, declarado por FIFA "Mellor Club do Mundo no s. XX". En África fundaríase a Confederación Africana de Fútbol en 1957; en América do Norte, Central e o Caribe, a CONCACAF en 1961; e por último en Oceanía, a Confederación de Fútbol de Oceanía en 1966. Ditas organizacións afiliaríanse á FIFA baixo o nome de confederacións.

En paralelo coas creacións das novas confederacións comezáronse a disputar os primeiros torneos rexionais de seleccións, excepto pola Confederación Suramericana de Fútbol, que xa disputaba o seu Campionato Suramericano de Seleccións desde 1916. En 1956 a Confederación Asiática de Fútbol realizou a primeira edición da Copa Asiática, e ao ano seguinte a Confederación Africana de Fútbol organizou a Copa Africana de Nacións. En 1960 créase a Eurocopa, que agrupa ás seleccións da UEFA. Pola súa banda, a CONCACAF disputaría por primeira vez a Copa Concacaf en 1963, que máis tarde sería substituída pola |Copa de Ouro. A Confederación de Fútbol de Oceanía sería a última en crear o seu propio torneo, a Copa das Nacións da OFC, celebrada por primeira vez en 1973.

Debido á creación das confederacións comezáronse a disputar os primeiros campionatos internacionais a nivel de clubs, sendo a primeira do seu tipo a Campionato Suramericano de Campións, que reuniu a sete equipos de Suramérica. Logo apareceu a Liga de Campións da UEFA, que reúne aos distintos campións das principais ligas dos países da UEFA a partir de 1955. Cinco anos máis tarde iniciouse a Copa Libertadores de América, máximo evento para os clubs afiliados á CONMEBOL, que se disputou por primeira vez en 1960.

Ese mesmo ano disputouse a primeira edición da Copa Intercontinental, que reuniu aos campións dos torneos continentais de Suramérica e Europa. Este torneo substituíuse en 2005 pola Copa Mundial de Clubs da FIFA, que ademais recibie aos campións das demais confederacións.

Mentres tanto, a Copa Mundial de Fútbol consolidouse como o evento deportivo de maior importancia no mundo enteiro, incluso superando en audiencia aos propios Xogos Olímpicos.[37],[38]

As regras do xogo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Regras do fútbol.
Partido Paris Saint Germain - Caen, no estadio do Parque dos Príncipes en París.

As regras oficiais do fútbol divídense en dezasete epígrafes:

  • 1. O terreo de xogo.
  • 2. O balón.
  • 3. O número de xogadores.
  • 4. O equipamento dos xogadores.
  • 5. O árbitro.
  • 6. Os asistentes do árbitro.
  • 7. A duración do partido.
  • 8. O inicio e reanudación do xogo.
  • 9. O balón en xogo ou fóra de xogo.
  • 10. O gol.
  • 11. O fóra de xogo.
  • 12. Faltas e sancións.
  • 13. Tiros libres.
  • 14. Penaltis.
  • 15. Fóra de banda.
  • 16. Saque de porta.
  • 17. Saque de esquina.

Coma resumo, pódese dicir:

Nun partido de fútbol enfróntanse dous equipos formados por 10 xogadores e un porteiro cada un. Dise que un equipo mete un gol cando o balón traspasa totalmente a liña de gol da portería contraria. O obxectivo do xogo é marcar máis goles có contrario.

O único xogador que pode toca-lo balón coas mans durante o xogo é o porteiro ou gardameta, sempre e cando se manteña dentro da súa área (zona próxima á portería).

O tempo de xogo divídese en dous períodos de 45 minutos separados por un descanso de 15. Dependendo das interrupcións acontecidas ó longo do período de xogo o árbitro pode engadir uns minutos en cada un dos tempos.

Equipos[editar | editar a fonte]

Competicións máis importantes[editar | editar a fonte]

Momento do lanzamento dunha pena máxima, acadando un gol.

Seleccións[editar | editar a fonte]

A nivel de seleccións nacionais, o torneo máis importante é a Copa Mundial de Fútbol, que se disputa desde 1930. Previo á creación da Copa Mundial, en particular durante os anos 1920, a competición de fútbol dos Xogos Olímpicos era considerada a máxima competición do deporte, aínda que na actualidade mantense como un torneo secundario onde se permiten xogadores menores de 23 anos, con ata 3 xogadores que excedan ese límite de idade por equipo. A nivel feminino, o equivalente da Copa Mundial é a Copa Mundial Feminina de Fútbol.

A nivel das confederacións da FIFA, os torneos máis importantes son a Copa América (América do Sur) e a Eurocopa (Europa); e, situándose a un nivel inferior, atópanse a Copa Africana de Nacións (África), a Copa de Ouro da Concacaf (América do Norte, central e o Caribe), a Copa Asiática (Asia) e a Copa das Nacións da OFC (Oceanía).

O torneo máis importante para xogadores novos é a Copa Mundial de Fútbol Sub-20, a cal recibe a equipos clasificados desde o Campionato Suramericano Sub-20 (América do Sur), o Campionato europeo da UEFA Sub-19 (Europa), o Campionato Xuvenil da CAF (África), o Campionato Sub-20 da Concacaf (América do Norte, central e o Caribe), o Campionato Xuvenil da AFC (Asia) e o Campionato Sub-20 da OFC (Oceanía).

Clubs[editar | editar a fonte]

No fútbol, ​​o obxectivo fundamental dos afeccionados é animar ao seu equipo durante o encontro.

En cada país os clubs de fútbol adoitan federarse en asociacións ou ligas que organizan torneos oficiais entre eles, de onde xorden os campións de cada país e os equipos que participarán en torneos internacionais. Non existe un sistema único de torneos e cada liga nacional organízaos de acordo ás súas tradicións. En xeral, a maioría dos países teñen dous torneos principais ao ano: Arxentina (Clausura e Apertura), México (Apertura e Clausura), Colombia (Apertura, Finalización e Copa Colombia), España (A Liga e Copa do Rei), Italia (Serie A e Copa Italia) etc. Nalgúns casos os campións de ambos os torneos disputan "supercopas" anuais e "recopas" entre si, como a Supercopa de España. Inglaterra ten un sistema de campionato principal (a Premier League) e logo varias copas nas que participan equipos de distintas divisións. Brasil ten un sistema de campionatos por estados (paulista, carioca, mineiro, gaúcho etc.), ademais de ter un Campionato Nacional (Brasileirãou).

Internacionalmente a competición máis importante historicamente foi a Copa Intercontinental, que foi substituída en 2005 pola Copa Mundial de Clubs da FIFA. A nivel continental as competicións máis importantes son a Copa Libertadores de América (América do Sur) e a Liga de Campións da UEFA (Europa), torneos cuxos gañadores disputaban a Copa Intercontinental. A partir de 2005 a recentemente creada Copa Mundial de Clubs da FIFA tamén recibe aos gañadores da Liga de Campións da CAF (África), a Copa de Campións da Concacaf (América do Norte, central e o Caribe), a Liga de Campións da AFC (Asia) e a Liga de Campións da OFC (Oceanía). Tamén a nivel continental destácanse as competicións secundarias de América do Sur e Europa: a Copa Suramericana e a UEFA Europa League (antiga Copa da UEFA), respectivamente.

Variantes[editar | editar a fonte]

Partido de bossaball en España.

Existen moitas variantes do fútbol, entre as que destacan as seguintes:

  • Fútbol sala: xógase entre dous equipos de 5 xogadores cada un, sendo un deles o gardameta. Xóganse dous tempos de 20 minutos cada un. Cada encontro xógase sobre unha superficie de material sólido duns 40 por 20 metros. O resto das regras son practicamente iguais ás do fútbol tradicional, con algunhas diferenzas, como a falta do fóra de xogo e o uso dos pés para efectuar saques de banda.
  • Fútbol praia: participan dous equipos de cinco xogadores cada un, sendo un deles o porteiro. Xógase nun campo duns 35 por 25 metros, o cal está cuberto integramente por area. Cada partido consta de tres tempos de 12 minutos cada un e a diferenza doutras variantes do fútbol (fútbol sala por exemplo), o tempo detense cando o árbitro marca un tiro libre, un penalti, ou consta que un xogador está facendo pasar o tempo de forma inapropiada.
  • Showbol: xógase nun campo de 42 por 22 metros. Pode xogarse en dous tempos de 30 minutos e un entretempo de 15 minutos; ou tamén en catro tempos de 15 minutos cada cuarto. Entre as súas características destacan que durante o xogo os cambios de xogadores son ilimitados, e que a pelota mantense en xogo en forma permanente, debido a que rebota nunha parede que rodea o perímetro da cancha feita de acrílico transparente incluíndo a zona detrás dos arcos.
  • Fútbol indoor: xógase nun terreo de menores dimensións e con paredes como un elemento máis do xogo. Participan dous equipos de cinco xogadores cada un, sendo un deles o gardameta.
  • Bossaball: combina regras do fútbol tradicional e do voleibol. Baseado nas regras do voleibol, xógase sobre unha superficie de colchóns inchables e camas elásticas, e permite maior número de toques e moita maior espectacularidade nos saltos.
  • Fútbol tenis: combina aspectos e regras do fútbol e do tenis. Xógase cunha pelota de fútbol, utilizando calquera parte do corpo fóra das mans e brazos, do mesmo xeito que no fútbol. O xogo practícase nunha cancha de dimensións reducidas, cunha rede que divide en dúas o campo de xogo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Online Etymology Dictionary". 1 de xaneiro de 2017. Archived from the original on 01 de xaneiro de 2017. Consultado o 29 de outubro de 2018. 
  2. "Octavian – Robbins Library Digital Projects". 
  3. "soccer | Origin and meaning of soccer by Online Etymology Dictionary". www.etymonline.com. Consultado o 29 de outubro de 2018. 
  4. "Soccer to become football in Australia". The Sydney Morning Herald. 17 de decembro de 2004. 
  5. Item (NAMA) 873 Arquivado 2016-07-22 en Wayback Machine. exhibido no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas
  6. "Sports". Encyclopedia Britannica (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2021. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  7. Murray, Scott (2010). Football For Dummies. John Wiley & Sons. pp. 33–. ISBN 978-0-470-66440-7. Arquivado dende o orixinal o 20 de abril de 2021. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  8. Craig, Steve (2002). Sports and games of the ancients. p. 101. ISBN 0-313-36120-7. 
  9. Guillermo Carvajal (11 de setembro de 2015). "Episkyros, el fútbol griego de hace 4 mil años". Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  10. Evadne Sofia (19 de marzo de 2018). "Το ποδόσφαιρο επινοήθηκε στην αρχαία Ελλάδα και ονομαζόταν Επίσκυρος". prevezaposto (en grego). Consultado o 27 de setembro do 2022. O fútbol foi inventado na antiga Grecia e chamábase Episkyros 
  11. Harris, Harold Arthur. Sport in Greece and Rome. Cornell University Press. 
  12. "History of The FA". Sitio oficial de la FA. 
  13. Velarde Hurtado, Alfredo. "Fútbol: Las primeras reglas" (PDF). Federación Peruana de Fútbol, 2006. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 6 de xuño de 2007. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  14. "Calcio e historia del fútbol". ExpertFootball.com. Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2010. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  15. "Fury as FIFA finds a field of dreams in China". Bangkok Post. 5 de xuño de 2014. 
  16. "Classic Football History of the Game". FIFA. 10 de xuño de 2014. Arquivado dende o orixinal o 28 March 2013. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  17. "History of Football – Britain, the home of Football". FIFA. Arquivado dende o orixinal o 1 de xullo de 2007. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  18. Velarde Hurtado, Alfredo. "Fútbol: Las primeras reglas" (PDF). Federación Peruana de Fútbol, Perú. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 6 de xuño de 2007. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  19. "The History Of English Football". The English Football Archive. Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2007. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  20. "The Cambridge University Rules November 1863". Middleton Youth Soccer. Arquivado dende o orixinal o 2 de marzo de 2007. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  21. "The Law Makers". Independent Schools Football Association. Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2007. 
  22. Código Sheffield en Wikisource en inglés
  23. "History of the FA". www.thefa.com (en inglés). Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  24. "The Football Association and the First FA Rules". The Association of Football Statisticians. 
  25. "Récords y curiosidades". El Área. 
  26. "History of The FA Cup". Sitio oficial da FA. Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2006. 
  27. (en inglés) «The History of The FA.» Sitio web oficial de The FA. Consultado o 27 de setembro do 2022.
  28. "England FA Challenge Cup 1871-72". Macario Reyes Padilla, RSSSF. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  29. "England National Football Team Match No. 1". England Football Online. 
  30. "British Home Championship 1884-1899". Macario Reyes y Neil Morrison para RSSSF. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  31. "England 1888-89". Paul Felton y Barry Spencer, RSSSF. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  32. 32,0 32,1 32,2 FIFA (2009). "FIFA's 208 Member Associations" (PDF). fifa.com. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 5 de maio de 2012. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 "Historia del Juego". Sitio oficial de la FIFA. Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2012. 
  34. "El torneo de selecciones más antiguo del mundo". Sitio oficial de la Copa América. Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2010. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  35. "Los 12 escándalos más famosos de las Copas del Mundo". Alejandro Mayorga, Mundosoccer.com. 
  36. "Countdown with Keith Olbermann". MSNBC.com. Consultado o 27 de setembro do 2022. 
  37. Páxina oficial da FIFA (ed.). "Éxito de audiencia de la Copa Mundial de la FIFA". Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2014. Consultado o 28 de setembro do 2022. 
  38. Páxina oficial da FIFA (ed.). "Marketing Concept". Arquivado dende o orixinal o 10 de abril de 2013. Consultado o 28 de setembro do 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]