Javier Irureta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Javier Irureta
Javier Irureta 1973.jpg
Javier Irureta en 1973.
Información persoal
Nome Javier Iruretagoyena Amiano
Nacemento 1 de abril de 1948 (73 anos)
Lugar de nacemento Irún
Altura 1,78 m.
Posición Dianteiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1965–1967 Real Unión
1967–1975 Atlético de Madrid 208 (48)
1975–1980 Athletic Club 139 (22)
Selección nacional
1969–1971 España sub-23 4 (0)
1972–1975 España 6 (0)
1979 Euskadi 1 (0)
Adestrador
1984–1988 Sestao
1988–1989 Logroñés
1989–1993 Oviedo
1993 Euskadi
1993–1994 Racing de Santander
1994–1995 Athletic Club
1995–1997 Real Sociedad
1997–1998 Celta de Vigo
1998–2005 Deportivo da Coruña
2006 Betis
2008 Zaragoza
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Javier Iruretagoyena Amiano, nado en Irún (Guipúscoa) o 1 de abril de 1948, é un exfutbolista e exadestrador de fútbol español. Xogaba de dianteiro e centrocampista e foi internacional coa selección española.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Como xogador[editar | editar a fonte]

Xogou no Real Unión ata 1967, ano no que ingresou nas filas do Atlético de Madrid debutando en Primeira División o 17 de decembro de 1967 nun encontro entre o Atlético de Madrid e a UD Las Palmas (1–2).

Con este equipo gañou dúas Ligas, un subcampionato e unha Copa do Rei. Participou na final da Copa de Europa de 1974 na que o Atlético de Madrid caeu derrotado diante do Bayern de Múnic (4–0). Na tempada seguinte proclamouse campión da Copa Intercontinental marcando o primeiro gol do seu equipo no partido de volta diante do Independiente. No Atlético xogou oito tempadas disputando un total de 277 partidos oficiais.

En 1975 fichou polo Athletic Club, equipo no que xogou cinco tempadas disputando 170 partidos. Con este club disputou a final da Copa da UEFA de 1977 contra a Juventus, marcando un gol no partido de volta. Con todo, o título foi para o equipo italiano, cun resultado global de 2–2 e o valor dobre dos goles visitantes. Ao remate da tempada 1979–80 retirouse dos terreos de xogo.

Disputou un total de 344 partidos en Primeira División, marcando 70 goles.

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Foi internacional coa selección española en seis ocasións. O seu debut como internacional foi o 23 de maio de 1972 nun partido entre España contra o Uruguai (2–0).

Cara o final da súa carreira como xogador, Irureta xogou un partido coa selección vasca.

Como adestrador[editar | editar a fonte]

Irureta iniciouse como adestrador en 1984 cando se fixo cargo do Sestao, club no que permaneceu durante catro tempadas. En 1988 deu o salto a Primeira División sendo contratado polo Logroñés. O seu debut na máxima categoría produciuse o 3 de setembro nun partido contra o Atlético de Madrid (1–0), club no que Irureta conseguira os seu maiores logros como futbolista. Na xornada 20 foi destituído, despois de xogar novamente contra o Atlético pero esta vez caer derrotado.

En 1989 comezou a adestrar ao Real Oviedo, equipo no que permaneceu catro tempadas, conseguindo o seu maior logro na tempada 1990–91, cando rematou como sexto clasificado, conseguindo unha praza para xogar a Copa da UEFA por primeira vez na historia do club. Na tempada 1993–94 dirixiu ao Racing de Santander, conseguindo un oitavo posto, e un ano máis tarde adestrou ao Athletic Club, o que fora o seu derradeiro equipo como xogador. A mediados da tempada 1995–96 substituíu no banquiño da Real Sociedad a Salvador Iriarte, quedando no club unha tempada máis. En 1997 fíxose cargo do Celta de Vigo, onde conseguiu un sexto posto, clasificando ao club para a Copa da UEFA.

En 1998 foi contratado polo Deportivo da Coruña, club co que conseguiría os seus maiores éxitos como adestrador. Na tempada 1999–00 gañou a Liga, a primeira na historia do club, conseguindo ademais dous subcampionatos (2000–01 e 2001–02) e dous terceiros postos (2002–03 e 2003–04). Gañou tamén unha Copa do Rei (2001–02) e dúas Supercopas de España (2000 e 2002). En Europa conseguiu levar ao club ás semifinais da Liga de Campións na tempada 2003–04 e a cuartos de final en dúas ocasións. Tras considerar rematado o seu traballo no Deportivo, abandonou o club ao remate da tempada 2004–05.

En 2006 fíxose cargo do Real Betis, club onde non rematou a tempada sendo substituído por Luis Fernández. O 22 de xaneiro de 2008 substituíu como adestrador a Ander Garitano no banquiño do Real Zaragoza,[1] pero pouco tempo despois, o 3 de marzo, dimitiu tras unha xeira de resultados negativos.[2]

Dirixiu dende o banco 612 partidos da Primeira División, sendo o segundo adestrador con máis partidos da historia da competición, superado só polo seu antigo compañeiro de equipo e tamén adestrador seu no Atlético de Madrid, Luis Aragonés.[3]

O 9 de xullo de 2009 aceptou o cargo de director deportivo do Athletic Club.

Palmarés[editar | editar a fonte]

Xogador[editar | editar a fonte]

Título Club País Ano
Liga de España Atlético de Madrid España 1970
Copa do Rei Atlético de Madrid España 1972
Liga de España Atlético de Madrid España 1973
Copa Intercontinental Atlético de Madrid España 1974

Adestrador[editar | editar a fonte]

Título Club País Ano
Liga de España Deportivo da Coruña España 2000
Supercopa de España Deportivo da Coruña España 2000
Copa do Rei Deportivo da Coruña España 2002
Supercopa de España Deportivo da Coruña España 2002

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ""Garitano dimite y le sustituye Irureta"". Arquivado dende o orixinal o 09 de xaneiro de 2009. Consultado o 12 de decembro de 2010. 
  2. ""Javier Irureta dimite como técnico del Zaragoza"". Arquivado dende o orixinal o 09 de xaneiro de 2009. Consultado o 12 de decembro de 2010. 
  3. "Adestradores con máis partidos en Primeira División". BDFutbol (en castelán). Consultado o 29 de novembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]