Nicomedes Pastor Díaz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nicomedes Pastor Díaz
Nicomedes Pastor Díaz (Museo del Prado).jpg
Nicomedes Pastor Díaz. (Museo do Prado).
Datos persoais
Nacemento 15 de setembro de 1811
Lugar Viveiro, Galicia Galicia
Falecemento 22 de marzo de 1863 (51 anos)
Lugar Madrid
Actividade
Lingua Galego e castelán
Xéneros Poesía
Estudos Filosofía

Nicomedes Pastor Díaz Corbelle, nado en Viveiro o 15 de setembro de 1811 e finado en Madrid o 22 de marzo de 1863, foi un escritor, xornalista e político galego do Romanticismo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Creceu no seo dunha familia numerosa. Foi o terceiro de dez irmáns, oito mulleres e dous homes, e puxéronlle de nome o do santo do día, San Nicomedes, ao que lle engadiron o equivalente masculino do nome da súa madriña, Pastora. O seu pai, Antonio Díaz, desempeñaba un posto de oficial administrativo da Armada, e co tempo chegou a ser titular da contadoría de correos de Lugo. A nai era María Corbelle natural da parroquia de San Xoán de Covas, en fronte dos Castelos, á beira do Pazo e da praia de Grallal. Aínda que era pouco habitual para a época, todos os irmáns sobreviviron a infancia. O seu único irmán home, Felipe Benicio, foi interventor de pagos no Ministerio da Gobernación e Deputado a Cortes.

Aos sete anos comeza os estudos no Colexio Insigne da Natividade da Nosa Señora, institución educativa que fundara dona María Sarmiento de Ribadeneira nun testamento datado en 1563. Nicomedes estudou no Seminario conciliar de Viveiro e despois cursou estudos de Filosofía no seminario de Mondoñedo (1823). Pode que o seu interese no emprego do galego como lingua literaria estivese influída por don Antonio María de Castro e Neira, o crego de Argomoso, profesor de filosofía do Real Seminario, autor das panxoliñas que musicou o mestre Pacheco. Na Universidade de Santiago de Compostela comezou xurisprudencia, pero trasladouse á Universidade de Alcalá, onde se titula avogado en 1833. En 1836 noméano Secretario de Goberno político de Santander e posteriormente xefe político de Segovia. En 1843 foi deputado pola Coruña e un ano despois foi elixido por Cáceres e máis tarde por Navalmoral de la Mata. Tamén foi nomeado Secretario do Banco de Isabel II.

O 9 de setembro do ano 1847 foi nomeado reitor da Universidade de Madrid e no mesmo ano aparece ao fronte do Real Consello de Agricultura, Industria e Comercio. Foi Secretario da Gobernación e numerario da RAE. Durante cinco meses foi Ministro de Comercio, Industria e Obras Públicas. Pronunciou entre os anos

Estilo[editar | editar a fonte]

Pastor Díaz foi un poeta romántico clásico. O contido da súa obra era a negrura, o pasamento e a morte. Expresou o desexo de que os seus restos repousasen na veiga do río Landro, auga nutricia da ría de Viveiro.

Nicomedes Pastor Díaz nun gravado de Manchón.

Tivo un grande agarimo á súa terra natal e así o daba a entender nunha das súas cartas, escrita o 23 de marzo de 1851 a Antonio Neira de Mosquera, xornalista galego en Madrid. A carta di textualmente:

Galicia es para mí el país en el que he nacido: tiene para mí imaginación una belleza poética, como un paisaje pintoresco, como un recuerdo romántico, como una reliquia histórica.[1]

Obra[editar | editar a fonte]

Escribiu dous poemas en lingua galega, a "Alborada" é un deles, datado en 1823. O 11 de marzo de 1828 publicou no Museo Artístico Literario unha alborada de carácter neoclásica, de liras e estancias de seis versos. En 1951 Álvarez Blázquez descubriu unha égloga súa, posiblemente escrita antes cá alborada e de carácter máis ben romántico[2].

Nicomedes ía ser o prologuista de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, mais faleceu antes de o facer.

Amais, escribiu numerosas obras en castelán sobre xurisprudencia e política.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. RAG. "O resplandor primeiro. Estudos en homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz" (PDF). Consultado o 11/9/2015. 
  2. TARRÍO VARELA, A.: Literatura galega, Xerais, 1994, páx. 102.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nicomedes Pastor Díaz Modificar a ligazón no Wikidata