José Sellier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José Sellier
Nacemento13 de agosto de 1850
Lugar de nacementoGivors
Falecemento21 de novembro de 1922
Lugar de falecementoA Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónfotógrafo e director de cinema
Na rede
IMDB: nm1046728 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

José Sellier Loup, nado en Givors o 13 de agosto de 1850 e finado na Coruña o 21 de novembro de 1922,[1] foi un fotógrafo galego de orixe francesa, pioneiro do cinema en Galicia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Anuncio do estudo fotográfico de José Sellier.

José Sellier residiu en Lión, onde casou con Maria Farge Michelat. O seu irmán, o tamén fotógrafo Louis Sellier, nado en 1837, trasladárase a Galicia con quince anos, probablemente porque os seus pais viviran algún tempo na Coruña.[2]

Fotografía dos Cantóns na Coruña feita por J. Sellier.

José chegou á Coruña coa súa dona en novembro de 1886, establecéndose no número 86 da rúa Real e compartindo o estudio que tiña o seu irmán no número 37 da mesma rúa.[2] Pouco tempo despois da súa chegada, Louis traspasoulle o negocio e os clientes por mor de querer volver a Francia. En 1894 trasladouse ao número 9 da rúa de Santo André, onde estableceu o seu nome estudio fotográfico co que superou a sona do seu irmán.[3] Estaba interesado nos avances que estaba realizando a fotografía neses anos de fin de século e era un cliente habitual dos irmáns Lumière. Tras ser posiblemente espectador da primeira exhibición de cinema en Galicia,[3] en 1897 mercou aos Lumière un cinematógrafo e coincidindo coa estadía na cidade dun operador portugués que estaba realizando unha xira por Galicia con outro aparello semellante, José Sellier organizou a primeira exhibición do cinematógrafo na cidade o 23 de maio.

Tras serlle desestimada a solicitude de instalar un pavillón nos xardíns de Méndez Núñez,[4] en outubro acondiciona o seu estudio para realizar exhibicións cinematográficas. Nese local, ademais de exhibir filmes estranxeiros mostra películas filmadas por el que son os primeiros filmes realizados en Galicia. Así, o primeiro programa, anunciado para o 17 de outubro de 1897 inclúe Entierro del General Sánchez Bregua, Fábrica de gas, Plaza de Mina e Orzán, oleaje.[5] O único destes filmes do que se coñece a data de rodaxe é Entierro del General Sánchez Bregua, xa que foi rodado o 20 de xuño de 1897. Outras cintas rodadas por el ou o seu equipo foron entre 1897 e 1898 San Jorge, salida de misa, Fábrica de carbón, Matadero, salida de operarios, Desembarco de los heridos de Cuba en nuestro puerto ou Temporal en Riazor. En outubro de 1898 trasladou o espectáculo ao Circo Coruñés.[6]

Entre 1898 e 1900, Sellier levou o seu aparello por outras cidades galegas: Vigo (novembro de 1898), Ferrol (xaneiro de 1900) e Santiago, na que realiza a primeira exhibición cinematográfica na cidade o 22 de xaneiro de 1900.[7] Pouco tempo despois Sellier abandonou a súa actividade cinematográfica e volveu dedicarse en exclusiva á fotografía ata pouco antes da súa morte.[7]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

O concello da Coruña adicoulle unha praza en xullo de 2013.[8]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Imaxe do enterro de Sánchez Bregua na Coruña. 
 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Castro de Paz, José Luis; Folgar, José María. "José Sellier, pionero cineasta gallego". Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022. 
  2. 2,0 2,1 Castro de Paz 1996, p. 41
  3. 3,0 3,1 Castro de Paz 1996, p. 42
  4. Castro de Paz 1996, p. 43
  5. Castro de Paz 1996, p. 44
  6. Castro de Paz 1996, p. 47
  7. 7,0 7,1 Castro de Paz 1996, p. 48
  8. "Jose Séllier en A Coruña, los comienzos del cine español". Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2015. Consultado o 12 de maio de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Castro de Paz, José Luis, ed. (1996). Historia do cine en Galicia. Vía Láctea Editorial. ISBN 84-89444-22-6. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]