Alberto García Ferreiro
Alberto García Ferreiro | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 11 de marzo de 1860 |
Ourense | |
Falecemento | 9 de febreiro de 1902 |
Santiago de Compostela | |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Santiago de Compostela |
Ocupación | avogado, escritor e xornalista |
Influencias | Manuel Curros Enríquez |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Alberto García Ferreiro, nado en Ourense o 11 de marzo de 1860 e finado en Santiago de Compostela o 9 de febreiro de 1902, foi un xurista, escritor e xornalista galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
O seu pai era de Valladolid e a súa nai de Ourense. Cursou o bacharelato no Instituto de Ourense (1875) e fixo a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, onde foi redactor de Gaceta de Galicia. Instalouse na súa cidade natal como avogado, onde foi famoso polas súas capacidades oratorias. Ao mesmo tempo escribiu literatura, foi director de La Prensa (1881) e fundou e dirixiu a revista La Pluma (1882) e o xornal La Semana, ademais de facerse cargo da dirección dos últimos números de La Tertulia en decembro de 1883; foi redactor de El Derecho e creou e dirixiu La Defensa de Galicia (1893). Colaborou en La Opinión Liberal e O Tio Marcos d'a Portela e foi nomeado delegado da Asociación Regionalista Gallega da que organizou a sección de Ourense, colaborando no seu órgano, La Patria Gallega. Impulsou a realización da estatua de Concepción Arenal en Ourense. Pasou os últimos anos da súa vida recluído en Santiago de Compostela.
Escribiu tamén unha obra de teatro, titulada Loitar pola Patria que foi estreada en Santiago de Compostela en 1879. Segundo os críticos Alberto García Ferreiro é un discípulo de Manuel Curros Enríquez, e ao igual que o seu mestre, foi progresista, liberal e anticlerical. Non dominaba ben o galego, mesturándoo co castelán e usando hiperenxebrismos. A súa obra máis destacada é Lenda de groria un poema épico sobre o ataque da frota inglesa de Francis Drake, que foi premiada en 1890 na Coruña polo Liceo Brigantino.
Obras[editar | editar a fonte]
- Gritos del Alma, 1880.
- Volvoretas, 1887.
- Chorimas, 1890, Biblioteca Gallega.
- Leenda de groria, 1890.
- Follas de papel, 1892.
Recoñecementos[editar | editar a fonte]
Na cidade da Coruña existe unha rúa co seu nome e o concello de Ourense colocou unha lápida conmemorativa na súa casa natal.
Vida persoal[editar | editar a fonte]
Casou en Ourense con Blanca Tomé Martín, filla de Bernardo Tomé Cora Ondarreta, en 1886,[2] e foi pai de Iván e Blanca García Tomé.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Alcalá Martín, Alfonso: Galicia, revista quincenal ilustrada Ano II Num. 28 (15/09/1907)
- ↑ Crónica de Pontevedra, 18-9-1886, p. 3.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Vilanova Rodríguez, Alberto (2005). "García Ferreiro, Alberto". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Caseiro Nogueiras, Delfín (2002). "A obra literaria de Alberto García Ferreiro no centenario do seu pasamento". Raigame (15): 58–70. Arquivado dende o orixinal o 04 de xullo de 2013. Consultado o 12 de setembro de 2017.
- "García Ferreiro, Alberto". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 974. ISBN 978-84-8288-942-9.