Pedro de Mezonzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
San Pedro de Mezonzo
Pedro-de-mezonzo.jpg
Bispo
Biografía
Nacemento 930 en Curtis
Pasamento 1003 en Santiago de Compostela?
Proceso de canonización
Veneración
Venerado/a en Igrexa Católica
Festividade 10 de setembro

Pedro de Mezonzo, nado no Condado de Présaras, actual Curtis, contra o ano 930, foi un relixioso galego católico, bispo de Iria Flavia-Santiago de Compostela. Nomeado santo, foi líder espiritual do país en momentos de gran tribulación.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo de Martiño Placencio, cabaleiro galego da familia que fundara o mosteiro de Santaia de Curtis, e de Mustacia. Os seus irmáns foron Adelfio, tamén monxe, Vimara, pai do bispo de Ourense do mesmo nome, Aragaonta e Mustacia.

Monxe[editar | editar a fonte]

San Pedro de Mezonzo de Xosé Ferreiro na igrexa do mosteiro de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela

De cativo, da man da súa nai, estivo ao servizo da Infanta Dona Paterna, nai do bispo Sisnando II de Iria, como capelán. Ingresou despois no mosteiro de Santa María de Mezonzo. Mosteiro libros nimis abundanter onde adquiriu unha formación destacada tanto de autores clásicos como dos Pais da Igrexa e acadou sona de sabedoría intelectual e humana. Cando no 955 o mosteiro de Sobrado dos Monxes absorbeu o de Mezonzo, pasou ao primeiro, no que desempeñou o cargo de notario.

Abade[editar | editar a fonte]

En 965 é elixido abade. Tal foi o prestixio deste gran mosteiro que o bispo Sisnando e os seus irmáns Rodrigo e Elvira doáronlle todos os seus bens. O rei Ramiro III de León dooulle importantes regalías de xeito que se converteu nun dos centros relixiosos máis importantes da cristiandade hispana.

As terras de Sobrado sufriron o Horrorum normandorum, espanto da poboación polas sanguinolentas incursións dos invasores viquingos. Isto obrigou a Pedro a manter a esperanza e a confianza nun pobo estarrecido e en continuo desacougo. Rosendo de Celanova e o conde Gonzalo puxeron en fuga a invasión, nun momento en que a monarquía leonesa non era quen de defender o país galego, abandonado á súa sorte fronte á ameaza normanda.

Tras esta treboada, Pedro esforzouse en reconstruír o asolado mosteiro de Santa Eulalia, en reorganizar as terras e xentes dependentes de Sobrado, e en consolar os aflixidos e socorrer os feridos e magoados.

Máis tarde pasou á fronte do mosteiro de San Paio de Antealtares, propiciado o seu goberno por San Rosendo, agora á fronte da diocese de Iria Flavia-Santiago. Acompañou a este ao concilio que se celebrou en León para suprimir a diocese de Simancas.

Neste intervalo pasou a reinar en Galicia Bermudo II apoiado pola nobreza galega e que desexaba gobernar tamén en terras leonesas. Pedro, cando menos, non debeu amosar oposición ao monarca galego enfrontado a Ramiro III de León, pois tras facerse aquel con todo o reino de León, non sufriu menoscabo da súa autoridade eclesiástica, antes ben recibiu doazóns do Conde Tello Alvite no 985 coa beizón dos bispos San Viliulfo de Tui, Hermenexildo de Lugo, Armentario de Dumio, Gonzalo de Ourense e Paio de Iria Flavia-Santiago.

Bispo[editar | editar a fonte]

Se cadra removido polo novo rei galego, Paio Rodríguez renuncia á Mitra. Todos os votos converxen en Pedro. Este asina un documento no 16 de novembro do ano 985 como bispo de Iria e da Sé Apostólica. Reafirmou Pedro este último título que tantos receos inspirarían en Roma e que lle causarían, décadas despois, a Cresconio a pena de excomuñón.

Nese ano, participa nas Cortes convocadas por Bermudo II para reafirmar o seu dominio pacífico sobre todo o reino de León. En xaneiro de 986, confirma un diploma do rei galego ao mosteiro de San Salvador de Celanova, e o 7 de febreiro, recibe daquel un privilexio para a súa Igrexa onde se lle doan terras de cabaleiros apreixados e martirizados por Almanzor tras a devastación da cidade de Simancas. Máis adiante, doaralle os dominios de Salvaterra no sur de Galicia, e Portomarín, no centro. Algúns destes bens concédenselle en usufruto incluso para o caso de que renuncie a mitra compostelá, o que é unha mostra clara do afecto e veneración que o rei profesaba polo carismático e reverenciado bispo.

A nobreza galega que aupara a Bermudo non ficara satisfeita coas prebendas do novo status quo e empezaron a negociar alianzas co vitorioso Almanzor, xa por temor, xa por desexar a protección e o impulso do dono de Hispania.

Os magnates Suero Gundemariz, Gonzalo Menéndez, Galindo e Osorio Díaz chegaron a sublevarse, pero Pedro mantívose fiel ao rei galego e non foi factor de división nin turbulencia. Neses momentos de anguria e incerteza, tanto o rei como o bispo favorecen aos anacoretas do monte Ilicino (o Pico Sacro) para que asistan as súas xentes coas oracións e pregarias. Por aquel entón tamén resolveu pacificamente certas disputas entre Sobrado e o bispado de Lugo. Asinou tamén concordias co mosteiro de Samos e restaurou os predios e edificacións do mosteiro de Santo Estevo de Boiro estragado polos normandos, anexionándoo ao de Antealtares. No mosteiro de San Martiño Pinario favoreceu os Oficios do Culto construíndo para os monxes unha igrexa axeitada nun momento no que o devandito convento estaba fóra dos muros da cidade e era arriscado acudir á Catedral.

A destrución de Almanzor[editar | editar a fonte]

No 997, Almanzor emprendía outra das súas temibles e vitoriosas campañas. A súa impoñente infantaría embarcaba en Córdoba e entraba polo Douro para unirse á súa eficaz cabalaría á que se agregaran condes galegos e leoneses que apostaban pola indiscutible superioridade do caudillo musulmán de España. Seguidamente, cruzaban o Miño e arrasaban as terras de Salvaterra, destruían a cidade de Tui, saqueaban o mosteiro de San Cosme e San Damián mentres os fuxitivos se refuxiaban nas montañas ou na illa de San Simón. Tras o asalto ao castelo de Ponte Sampaio que lle pechaba o paso, caían implacables sobre as terras de Santiago.

Pedro encargou a evacuación da cidade buscando salvar as reliquias do Apóstolo que levou consigo, así como as vidas da xente a quen non quixo expoñer nunha loita claramente inútil. A cidade, silenciosa e deserta, quedou abandonada ao caudillo islámico. Este encontrou axeonllado perante o sartego de Santiago un monxe ancián que lle inspirou tal respecto que mandou que ninguén o incomodase, mentres ordenaba a completa destrución e incendio da cidade e as vilas e mosteiros dos arredores.

Durante oito días todo foi saqueo e destrución. Acadado o obxectivo de deixar reducida a cinsas a capital espiritual do occidente cristián, retornou con catro mil cativos. Como humillación final, fixo cargar nos ombreiros dalgúns deles as campás e as portas do santuario apostólico que se colocaron na magnífica mesquita de Córdoba.

Aplicouse Pedro, tras esta terrible enxurrada de destrución, a un intenso e rápido labor de restauración das súas cidades, vilas e mosteiros, entre eles o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, así como a renovar o ánimo abatido e desconsolado dos seus fieis.

No 999 morría o rei galego Vermudo II, deixando varios bastardos e un fillo lexítimo, un pequeno de cinco anos. Co fin de evitar novas axitacións nos reinos cristiáns, o seu titor, o conde galego Menendo González, e o propio Pedro apresuráronse a facelo unxir en León. No mesmo momento da coroación, o rei neno Afonso V, da man do conde galego, asina un privilexio que confirma, como o primeiro entre os bispos dos seus reinos, Pedro de Mezonzo.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Nos documentos da época, particularmente os rexios, aparecen testemuños do prestixio moral de Pedro a quen chaman amado de Deus, e titor no material e no espiritual da súa grei. A raíña Elvira, xa viúva, denomínao o seu pai e pontífice. Sobre a base destes documentos e outras tradicións, Antonio López Ferreiro descríbeo como pai dos probes, titor dos desvalidos, defensor dos febles contra as continuas demasías e atropelos dos poderosos; e todos os que a el acudían obtiñan del benigna e paternal acollida. El, simplemente, autocalificábase como pecador.

O papa Bieito XIV recolle a tradición que lle atribúe o celebre canticum do pobo cristián en momentos de tribulación e anguria, a Salve Regina, onde se implora á nai de Xesús como vida e dozura esperanza nosa, de ollos misericordiosos. Recolle o papa o que se le nos Anais Beneditinos de Mabillón, ano 986: Petrus Episcopus, cognomento de Moson, qui ante episcopatum monasterii Sancti Petri de ante Altaria in eadem Urbe (Compostella) abbas extiterat. Hic piam antiphonam de Beata Virgine, nempe Salve Regina, compuesi dicetur (Pedro, bispo, chamado de Moson (Mezonzo?), que antes do seu episcopado foi abade do mosteiro de San Pedro de Antealtares da mesma cidade (Compostela). Dícese que compuxo esta pía antífona sobre a Santa Virxe, chamada Salve Regina).


Predecesor:
Paio Rodríguez
Bispo de Iria Flavia
985 - 1003
Sucesor:
Paio Díaz