Juana de Vega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Juana de Vega
Juana de Vega.jpg
Imaxe de Juana de Vega.
Datos persoais
Juana María de la Vega Martínez y Losada
Nacemento 7 de marzo de 1805
Lugar Galicia A Coruña, Galiza
Falecemento 22 de xuño de 1872 (67 anos)
Lugar Galicia A Coruña, Galiza
Soterrada Cemiterio de San Amaro, A Coruña[1]
Cónxuxe Francisco Espoz y Mina
Actividade
Lingua Castelán
Ocupación Escritora
http://www.juanadevega.org/ga/

Juana María de la Vega Martínez y Losada, Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina, nada na Coruña o 7 de marzo de 1805 e finada na mesma cidade o 22 de xuño de 1872, foi unha escritora galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nada no seo dunha familia liberal e ilustrada, filla de Juan Antonio de la Vega e de María Josefa Martínez. Moi pronto tivo á súa disposición un profesor que a instrúe en letras e humanidades.

Casa de Juana de Vega na rúa Real 56 da Coruña.

Casa por poderes o 25 de decembro de 1821 co Xeneral Francisco Espoz y Mina na súa casa paterna, na rúa Real. O seu marido foi unha das figuras máis relevantes da Guerra da Independencia, alcanzando o grao de Mariscal de Campo en 1812.

O regreso de Fernando VII obriga a Mina a exiliarse, volvendo en 1820, sendo obrigado a exiliarse novamente en 1823 pola chegada dos Cen Mil Fillos de San Luís en apoio de Fernando VII. En 1825 Juana de Vega reúnese co seu home en Gran Bretaña onde permanecen ata o seu regreso a España en 1833.

Falecido Espoz y Mina en 1836, o goberno outorga á súa viúva o título de Condesa de Espoz y Mina. En 1837 Juana de Vega regresa á Coruña, instalándose na súa casa da rúa Real. Os seus salóns converteranse no punto de reunión da sociedade liberal coruñesa e de persoas notábeis que pasan pola cidade.

De xullo de 1841 a xullo de 1843, durante a rexencia de Espartero, desempeñou o cargo de aia da futura raíña Isabel II e da súa irmá a Infanta Luisa Fernanda, así como Camareira Maior. Nesta época é cando escribe a Historia Interior de Palacio.

Deposta dos seus cargos, entrega as memorias do seu home ao Congreso dos Deputados e regresa á Coruña onde continuará a súa destacada influencia na vida social e política desa cidade, convertendo os seus salóns, novamente, en centro de reunións liberais.

Entre 1845 e 1846 intentan implicala na conspiración contra Narváez e controlar a súa correspondencia sen éxito, pois debido ao papel que desempeñaba como contacto co estranxeiro crérona responsábel da sublevación.

En 1851 comezaron a publicarse as "Memorias del General Francisco Espoz y Mina", redactadas e preparadas pola súa muller, cinco volumes que se remataron de publicar en 1852. Ese mesmo ano escoita tocar a Pablo Sarasate nunha sesión privada e consegue que toque en público uns días despois no Circo de Artesanos. Convértese na súa protectora e sufrágalle todos os gastos dos seus estudos en Madrid. Na súa lembranza, Sarasate dedicaríalle en 1882 a súa primeira composición, A miña primeira inspiración, unha mazurca.

Juana de Vega en La Ilustración de Madrid.

Durante 1853 e 1854 sufríronse importantes epidemias de peste e cólera na Coruña e o alcalde, Juan Flórez, pídelle a Juana de Vega que, como presidenta da Asociación de Señoras, se faga cargo da dirección e mantemento do hospital provisional que se habilitou, así como de acoller baixo a súa tutela o novo hospicio.

En novembro de 1854 recibe unha carta do Presidente do Consello de Ministros, o Xeneral Espartero, onde se lle ofrece o título de Duquesa da Caridade con Grandeza de España. En xaneiro de 1856, a raíña noméaa viceprotectora dos establecementos de Beneficencia da Coruña. Pese a todas as distincións e respecto do que goza, sempre se mostra humilde e afastada das festas de sociedade, non facendo gala dos seus títulos e dedicando a súa vida á axuda dos necesitados.

En 1868 coincide con Concepción Arenal en protestar publicamente cando o Goberno prohibe as Conferencias da Congregación de San Vicente de Paúl, ou nas peticións de indulto para os condenados a morte. Fundou con ela un padroado de señoras para a visita e ensino dos presos.

Coincidía tamén con Concepción Arenal na necesaria difusión en Galicia de temas agrícolas, base do desenvolvemento do país naquela época. O seu grande anhelo era a creación dunha escola teórico-práctica de agricultura, na casa que posuía en San Pedro de Nós.

Morreu na súa casa da Coruña o 22 de xuño de 1872. En 1873 constituíuse a fundación que leva o seu nome con sede na súa casa de Oleiros. O concello da Coruña deulle o seu nome a unha rúa da cidade.

Obras[editar | editar a fonte]

Tumba de Juana de Vega no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.
  • Historia interior de Palacio.
  • Reglamento de la Asociación de Señoras de Beneficencia. Guía.
  • Memorias del General Espoz y Mina, 1852. Biografía.
  • Apuntes para la historia del tiempo en que ocupó. Biografía.
  • Memorias. Biografía.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Manuel Rodríguez Maneiro. Juana de Vega, entre Acevedo y San Pedro de Nos : vida y obra de una mujer ejemplar Editorial Trifolium. El Taller de Juan. Iñás Oleiros, 2003.
  • José Antonio Durán. Juana de Vega, la gran dama del primer progresismo español Taller de Ediciones, 2005

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]