Mestre Mateu
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 1140 |
Morte | 1217 (Gregoriano) (76/77 anos) |
Mestre de obras catedral de Santiago de Compostela | |
1168 – 1210 | |
Actividade | |
Ocupación | escultor, arquitecto, epigrafista |
Período de actividade | 1161 - 1210 |
Obra | |
Obras destacables | |
O mestre Mateu[1] (século XII) foi un arquitecto e escultor galego, artífice da cripta[2] e do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela,[3] que estivo activo entre o 1161 e o 1217.[4] Dise que está autoesculpido no propio pórtico. Tamén é autor do antigo coro pétreo da mesma catedral. Este coro desfíxose, pero agora estase tentando rematar de reconstruír.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Posibelmente nado en Lugo,[5] do seu paso por Compostela fai referencia o Tombo I, folio 67 onde se inclúen as rendas que pagaban certas casas coñecidas como as casas que pertenceran ao mestre Mateu. O autor Antonio López Ferreiro sitúa estas casas na zona da Acibechería preto do mosteiro de San Martiño Pinario.
Mateu foi o mestre de obras da catedral de Santiago de Compostela dende 1168, nomeado polo rei Fernando II para rematar a construción da catedral. Un documento do ano 1168 relata que o 23 de febreiro dese ano o rei doou ao mestre Mateu dous marcos de prata semanais, o que facía un total de 100 marabedís ao ano, para toda a vida.
Convén á rexia maxestade atender mellor a aqueles que lle son coñecidos por mostrar obediencia fielmente, e especialmente a aqueles que son notorios por dedicar os seus servizos ós santuarios e lugares de Deus. Por estas cousas eu, Fernando, rei das Españas, por amor de Deus, por quen reinan os reis, e pola reverencia de Santiago, piísimo patrón noso, como pensión, douche e concédoche a ti, mestre Mateu, que posúes a primacía e o maxisterio da obra do citado apóstolo, cada ano a percepción de dous marcos á semana, sobre a miña metade de moeda de Santiago, e que o que falte unha semana sexa suplido na outra, de maneira que esta percepción che represente 100 morabotinos anuais. Esta pensión, este don, douche durante toda a túa vida, para que sempre a teñas, e para a obra de Santiago, e sexa mellor para a túa persoa; e aqueles que viran, velen e se dediquen con afección á citada obraFernando II de León, Galiza, Estremadura e Asturias a 23 de febreiro do ano 1168.
Nos linteis do Pórtico da Gloria gravou o mestre unha epígrafe que, traducida para o galego, di:
No ano da Encarnación do Señor de 1188, era 1226, no día das calendas de abril, os linteis dos pórticos principais da igrexa do benaventurado Santiago foron colocados polo mestre Mateu, que dirixiu a obra dende os alicerces dos mesmos portais.
A importancia da súa obra fai que se fale da Escola do mestre Mateu, creadora dun estilo que influíu en todo o territorio galego e en moitos outros lugares. Un bo exemplo é a capela real da catedral de León.
Obra
[editar | editar a fonte]Entre 1168 e 1211 o mestre e o seu obradoiro levantaron os tres tramos finais das naves maiores da catedral compostelá, os seis derradeiros tramos das tribunas e crearon todo o frontis occidental do edificio: a cripta, o Pórtico da Gloria, a súa tribuna, a fachada -desaparecida- e as dúas torres que a flanqueaban e que, en boa medida, aínda seguen en pé.
En 1200 Mateu, próximo aos sesenta anos, é posíbel que dirixise aínda as obras do coro pétreo que construíu o seu obradoiro para os cóengos. O coro sitúase na nave central da basílica dividindo o seu espazo e conformando un espazo independente, cunha significación simbólica de carácter apocalíptico que reforza a propia mensaxe alegórica do Pórtico da Gloria. Unha mensaxe inspirada en boa medida no Apocalipse de San Xoán o Bautista, irmán de Santiago o Maior.
Para lograr o supremo obxectivo de concluír a basílica apostólica de Occidente, o mestre Mateu gozou de abondosos medios humanos e técnicos derivados da rica tradición artística compostelá, procedente en boa medida dos obradoiros catedralicios, activos dende 1075 e de gran creatividade nos inicios do século XII. Algúns dos artífices que deron vida ao Pórtico -posibelmente el tamén- serían fillos, netos, bisnetos ou tataranetos dos canteiros e escultores que traballaron ás ordes dos mestres Bernaldino o Vello e Estevo. Mateu formouse, sen a menor dúbida, en tan fecunda tradición, aínda que soubo transcendela, achegando ao rico matraz compostelán as innovacións e matices que revelan a súa obra e o seu legado.
Discípulos
[editar | editar a fonte]Á sombra do gran mestre foise formando, dende 1168 até algo máis alá de 1200, un grupo de artistas que traballaron durante décadas baixo a súa dirección. Hai no Pórtico un estilo naturalista tradicionalmente atribuído á man do mestre principal e que se exemplifica nas imaxes pétreas do profeta Daniel e o Santiago do parteluz; dúas pezas que mostran unha posíbel influencia directa da arte francesa de vangarda, sobre todo da escultura da fachada da basílica de Saint-Denis de París (1140), edificio que puido recibir a visita do mestre compostelán, posto que a igrexa de Santiago mantiña dende fins do século XI fortes relacións coas igrexas francesas. Non sería impensábel, polo tanto, que o mozo Mateu, se se ten en conta a súa posíbel orixe compostelá, formase parte dalgunha delegación eclesiástica en viaxe a Francia. Neste periplo tería oportunidade de coñecer directamente, ou a través de debuxos e bosquexo, a nova arte auspiciada polo abade Suger de Saint-Denis.
A tradición francesa na cultura compostelá foi especialmente fecunda en época de Xelmírez, influencia que sen dúbida continuaría no ambiente artístico vivido por Mateu na Compostela das décadas de 1150-1160, época na que xerminaría o seu talento e principiaría a súa actividade. A apertura de miras deste artista e a mestizaxe cultural que promove, xunto coa alta calidade dos escultores e canteiros que integran o seu obradoiro, van configurar os sinais de identidade máis característicos do estilo mateán, en concreto da personalidade do Pórtico da Gloria e de toda a arte derivada del. Por outra parte, a variedade estilística da obra mateá é boa proba da vitalidade cultural da cidade de Santiago no século XII, meta da peregrinación occidental.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Detalle do Pantocrátor no arco central.
-
Detalle dos músicos
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Mateu na Guía de nomes da RAG". academia.gal. Consultado o 8 de xullo de 2022.
- ↑ Biografia de Mateo a Arteguias
- ↑ DDAA. Visualart. Barcelona: Vicens Vives, 2009. ISBN 978-84-316-8233-0.
- ↑ Diccionario de Arte II (en castelán). Barcelona: Biblioteca de Consulta Larousse. Spes Editorial SL (RBA). 2003. p. p.52. ISBN 84-8332-391-5. DL M-50.522-2002.
- ↑ Cota, Rodrigo (2021-03-09). "Mestre Mateo, el lucense". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 2021-03-11.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Filgueira Valverde. X (1948): "Datos y conjeturas para la biografía del maestro Mateo", en Historias de Compostela (1970), Bibliófilos Gallegos, Biblioteca de Galicia XII.[1] (reeditado en 1982 por Xerais con ISBN 84-7507-059-0).
- Mellini, G. L. (1968): El Maestro Mateo en Santiago de Compostela. Granada, Albaicín, 1968.
- Otero Túñez, R. e Yzquierdo Perrín, R. (1990): El coro del Maestro Mateo de la catedral de Santiago. A Coruña.
- Historia del Arte Salvat. Tomo 6: el Prerrománico y el Románico, Madrid, 2006. ISBN 84-471-0327-7.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- ArteHistoria (en castelán).
- Encyclopedia of Sculpture (en inglés).
- Web Gallery of Art (en inglés).
- Mestre Mateo Galicia no tempo (27/05/1991) da TVG.