Saltar ao contido

Flávio Conceição

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaFlávio Conceição
Biografía
Nacemento12 de xuño de 1974 Editar o valor en Wikidata (52 anos)
Santa Maria da Serra Editar o valor en Wikidata
Altura177 cm Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1992 Editar o valor en Wikidata - 2006 Editar o valor en Wikidata
Nacionalidade deportivaBrasil Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
LigaFußball-Bundesliga Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoCentrocampista Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de eventos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1992–1993 Rio Branco Esporte Clube 22(2)
1993–1996 SE Palmeiras 52(5)
1996–2000   Deportivo da Coruña 97(9)
2000–2004   Real Madrid CF 45(1)
2003–2004 cesión:  Borussia Dortmund 14(1)
2004–2005 Galatasaray Spor Kulübü 27(2)
2005–2006 Panathinaikos 14(1)
  Selección nacional Número de eventos xogados
1995–2000 Brasil 44(4)
Participou en
1996Xogos Olímpicos de 1996 Editar o valor en Wikidata

FIFA: 162612 UEFA: 40850 Editar o valor en Wikidata

Flávio da Conceição, nado en Santa Maria da Serra (São Paulo) o 12 de xuño de 1974, é un exfutbolista brasileiro, que xogaba de centrocampista. Destacou especialmente no Palmeiras, onde integrou un histórico cadro de xogadores co que gañou varios títulos, entre eles dous Campionatos Brasileiros e tres Campionatos Paulistas, e formou parte do equipo do Deportivo da Coruña que conquistou a liga de Primeira División na tempada 1999/00. Tamén militou, entre outros clubs, no Real Madrid, co que gañou dúas ligas e unha Liga de Campións.

Foi 45 veces internacional coa selección brasileira, coa que gañou dúas veces a Copa América, nas edicións de 1997 e 1999, así como a Copa Confederacións da FIFA de 1997. Conseguiu ademais a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de 1996.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Rio Branco

[editar | editar a fonte]

Nado en Santa Maria da Serra, no estado brasileiro de São Paulo, comezou a xogar ao fútbol no Rio Branco de Americana, debutando aos 17 anos co primeiro equipo. Tras unha destacada campaña de debut, fichou en 1993 polo Palmeiras de Vanderlei Luxemburgo

Palmeiras

[editar | editar a fonte]

Debutou co Verdão no Torneo Rio-São Paulo de 1993, proclamándose campión. Nos seguintes catro anos viviu a época máis gloriosa da historia do club, compartindo equipo con xogadores históricos como Roberto Carlos, Mazinho, Cafu, César Sampaio, Edmundo, Evair, Edílson, Djalminha, Luizão, Rivaldo ou Müller.[1][2] Así, conquistou o Campionato Brasileiro de 1993, o primeiro para o club en 20 anos, e revalidou o título na tempada seguinte. Gañou tamén tres Campionatos Paulistas nos anos 1993, 1994 e 1996, destacando especialmente o último, no que o Palmeiras rematou en primeira posición con 83 puntos (récord aínda non superado), 28 máis que o segundo clasificado, o São Paulo. Ao longo do campionato marcaron a cifra récord de 102 goles en 30 partidos.[1]

En setembro de 1996, pouco despois do remate dos Xogos Olímpicos de Atlanta nos que Flávio Conceição conseguiu a medalla de bronce coa selección brasileira, o xogador fichou polo Deportivo da Coruña, que pagou por el uns 810 millóns de pesetas.[3] A súa incorporación pechouse despois dunha dura pugna polo futbolista entre o Deportivo e o Real Madrid, decantándose finalmente o xogador polo club galego, tras ser aconsellado pola súa esposa, así como polos seus compatriotas Mauro Silva, Rivaldo e Mazinho.[4] Con todo, continuou xogando co Palmeiras uns meses máis, ata a finalización do Campionato Brasileiro en decembro.[3]

Deportivo da Coruña

[editar | editar a fonte]

Incorporouse ao Deportivo da Coruña nos últimos días de 1996 e debutou o 4 de xaneiro de 1997, nun partido da liga de Primeira División ante o Barcelona en Riazor, substituíndo na segunda metade a Fran.[5] Tivo que esperar varias semanas para xogar dende o once inicial, facéndoo finalmente na xornada 22 ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu, partido no que marcou o seu primeiro gol coa camiseta do Deportivo.[6] Tras ter algúns problemas con John Benjamin Toshack, este foi substituído no banco polo último adestrador de Flávio Conceição no Palmeiras, Carlos Alberto Silva, co que o Deportivo rematou a liga na terceira posición, xa con Flávio como titular.[6] Na súa primeira media campaña na Coruña, coincidiu tamén co seu excompañeiro no Palmeiras Rivaldo, sumándose na seguinte tempada Djalminha e Luizão.[6]

Xogando xunto ao seu compatriota Mauro Silva no centro do campo, Conceição converteuse gradualmente nunha peza clave no cadro galego, co que debutou na Copa da UEFA en setembro de 1997. A pesar de caer na primeira rolda da competición europea, e de que o equipo galego só puido ser 13º e 6º nas campañas 1997/98 e 1998/99, o futbolista brasileiro rendeu a un gran nivel, propiciando que recibise ofertas de grandes clubs europeos como Milan ou Inter de Milán, todas elas rexeitadas polo presidente Augusto César Lendoiro.[6]

A derradeira tempada de Conceição na Coruña concluíu coa histórica conquista do título de liga por parte do Deportivo, a primeira e única na historia do club. O centrocampista brasileiro foi un dos piares do equipo, contribuíndo ao título con 27 partidos e 4 goles.[6]

O seu gran rendemento no Deportivo da Coruña continuou a alimentar o interese do Real Madrid, que o fichou finalmente no verán do ano 2000. Foi a segunda fichaxe do novo presidente do club, Florentino Pérez, e o club branco pagou por el 4.000 millóns de pesetas, o que o converteu no traspaso máis caro da historia do Deportivo.[7] Pechou o seu paso polo Deportivo cun total de 115 partidos oficiais e 10 goles.

Real Madrid

[editar | editar a fonte]

Chegou ao Real Madrid xunto ao centrocampista Claude Makélélé, xogador de características moi semellantes ás do seu antigo compañeiro no Deportivo, Mauro Silva, coa difícil misión de substituír ao arxentino Fernando Redondo, símbolo do club branco.[8][9] A unión co francés foi pensada para dar equilibrio a un conxunto cun enorme talento ofensivo.[10] A pesar de gañar seis títulos, entre eles dúas ligas e unha Liga de Campións, Conceição foi vítima de numerosas lesións e non conseguiu xogar ao mesmo nivel que no Deportivo.[10] Ademais dispuxo de poucas oportunidades no equipo, logrando só certa continuidade na súa terceira e última tempada no club (2002/03), na que puido disputar 30 partidos como titular. O seu balance final no Real Madrid foi de 74 partidos, incluída a histórica final da Liga de Campións 2001/02 en Hampden Park, na que o club branco sumou o seu sétimo título tras derrotar ao Bayer Leverkusen, nun partido no que Conceição saltou ao terreo de xogo no minuto 73 como substituto de Makélélé.[11]

Borussia Dortmund

[editar | editar a fonte]

Trala saída do adestrador Vicente del Bosque en 2003, quedou fóra dos plans do Real Madrid, que o cedeu ao Borussia Dortmund para a tempada 2003/04.[10] No club alemán escolleu o dorsal número 6, que estaba libre dende a retirada do histórico Matthias Sammer,[10] pero o seu xogo non conseguiu convencer ao adestrador, que era o propio Sammer. Isto, sumado ás lesións musculares, fixo que disputase só 16 partidos entre todas as competicións, anotando un só gol, de falta, o día do seu debut na Bundesliga ante o Schalke 04.[12]

Galatasaray

[editar | editar a fonte]

Ao remate da tempada, instalouse en Turquía, onde fichou polo Galatasaray. A pesar de sufrir problemas físicos nos primeiros meses, acabou facéndose coa titularidade no club turco, onde coincidiu con xogadores como Rigobert Song, Franck Ribéry ou Hakan Şükür. Ás ordes de Gheorghe Hagi, o equipo de Istanbul, que celebraba o seu centenario, non puido conquistar o título da Süper Lig, pero proclamouse campión da Copa de Turquía ao golear por 5-1 ao Fenerbahçe, nunha final na que Conceição foi titular.[13]

Panathinaikos

[editar | editar a fonte]

Na tempada 2005/06 militou no Panathinaikos grego, baixo as ordes do italiano Alberto Malesani. Aínda que foi titular na maioría de partidos da primeira metade da tempada, disputando a Liga de Campións, en xaneiro de 2006 chegou a un acordo co club para a rescisión do seu contrato e puxo fin á súa carreira deportiva, con só 31 anos, debido ás numerosas lesións sufridas nas últimas tempadas.[14]

Selección brasileira

[editar | editar a fonte]

Debutou coa selección brasileira en 1995 e ao ano seguinte disputou coa sub-23 os Xogos Olímpicos de 1996 en Atlanta, convocado polo seleccionador Zagallo no medio dun equipo con xogadores como Roberto Carlos, Bebeto, Juninho, Rivaldo, Sávio ou Ronaldo. Xogou completos todos os encontros do Brasil no torneo olímpico e marcou dous goles nas semifinais, pero o equipo non conseguiu derrotar a Nixeria, pasando esta á final despois dunha prórroga. Volveu marcar no partido polo terceiro posto, no que o Brasil conseguiu a medalla de bronce ao golear por 5-0 a Portugal.[15]

En 1997, de novo con Zagalllo como seleccionador, disputou a súa primeira Copa América, xogando como titular no centro do campo xunto a Dunga, e proclamouse campión tras derrotar por 3-1 á selección anfitrioa, Bolivia, no estadio Hernando Siles da Paz.[16] A finais dese mesmo ano disputou en Arabia Saudita a Copa Confederacións da FIFA e saíu de inicio en todos os encontros excepto a final ante Australia, polo que viu dende o banco de suplentes como o seu equipo conquistaba o título cunha goleada por 6-0 con senllos tripletes de Ronaldo e Romário.[17]

A pesar de ser un dos piares da canarinha, quedou fóra da lista de Zagallo para o Mundial de 1998, tras ser descartado polo médico da CBF debido a unha suposta lesión de xeonllo. A decisión foi considerada inxusta polo propio xogador, que uns días despois si puido xogar co Deportivo da Coruña ante o Sporting de Gijón, marcando incluso un gol.[18] Foi convocado para a Copa América de 1999, xa con Luxemburgo como seleccionador, e igual que en 1997 volveu ser titular na maioría de partidos, incluída a final na que gañou o seu segundo título continental ante o Uruguai no estadio Defensores del Chaco de Asunción.[19]

Disputou un total de 45 partidos oficiais coa selección brasileira entre 1995 e 2000, anotando catro goles.

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Palmeiras
Deportivo da Coruña
Real Madrid
Galatasaray
Selección brasileira sub-23
Selección brasileira
  1. 1 2 "El gran Palmeiras de los 90" (en castelán). 7 de abril de 2018. Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2021. Consultado o 26 de febreiro de 2026.
  2. "Esquadrão Imortal - Palmeiras 1993-1994". imortaisdofutebol.com (en portugués). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
  3. 1 2 "El Deportivo ficha a Flavio Conceiçao". El País (en castelán). 10 de setembro de 1996. Consultado o 26 de febreiro de 2026.
  4. "Flávio ya es del Deṕor". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de setembro de 1996. p. 47.
  5. "El Dépor se vino abajo". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xaneiro de 1997. p. 47.
  6. 1 2 3 4 5 "FLÁVIO DA CONCEIÇÃO". deportivo-la-coruna.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 7 de novembro de 2016. Consultado o 26 de febreiro de 2026.
  7. "Yeremay emularía la venta de Lucas del Dépor al Arsenal en 2016". DxT Campeón (en castelán). 13 de xaneiro de 2025. Consultado o 11 de marzo de 2025.
  8. "Where are They Now: Flávio Conceição". justanothermadridista.wordpress.com (en inglés). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
  9. Marchiori, Guto. "Lembra Dele? Corte na Copa de 98 ainda incomoda Flávio Conceição". O Globo (en portugués). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
  10. 1 2 3 4 ""No es bueno estar en el Madrid por estar"". El País (en castelán). 1 de agosto de 2003. Consultado o 26 de febreiro de 2026.
  11. "Bayer Leverkusen 1-2 Real Madrid". BDFutbol (en inglés). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
  12. "Flavio marcó de falta y amargó a Heynckes". As (en castelán). 3 de agosto de 2003. Consultado o 26 de febreiro de 2026.
  13. "Galatasaray - Fenerbahçe". tff.org (en inglés). Consultado o 26 de febreiro de 2026.
  14. "El Panathinaikos rescinde el contrato del brasileño Flavio Conçeicao, ex del Deportivo y el Real Madrid" (en castelán). 25 de xaneiro de 2006. Consultado o 26 de febreiro de 2026.
  15. "Atlanta 1996: El fracaso de la mejor Brasil" (en castelán). 5 de agosto de 2012. Consultado o 26 de febreiro de 2026.
  16. Tabeira, Martín. "Copa América 1997". rsssf.org (en inglés). Consultado o 27 de febreiro de 2026.
  17. "FIFA Confederations Cup Saudi Arabia 1997". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 8 de abril de 2016. Consultado o 27 de febreiro de 2026.
  18. "Conceiçao y su baja en Francia 98: "Perdí hasta el patrocinador"". As (en castelán). 21 de maio de 2018. Consultado o 27 de febreiro de 2026.
  19. Tabeira, Martín. "Copa América 1999". rsssf.org (en inglés). Consultado o 27 de febreiro de 2026.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]