Urbano González

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Urbano González Varela")

Urbano González Varela, nado en Santiago de Compostela o 3 de marzo de 1868 e finado na mesma cidade o 24 de abril de 1906, foi un pintor, escritor e xornalista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Secundino González Valdés e Patrocinio Varela e irmán de Pura González Varela, que casou con Manuel Lugrís Freire. Iniciou os seus estudos en Santiago de Compostela. Emigrou sendo mozo a Cuba e estudou na Academia de Belas Artes San Jorge da Habana e na de Arquitectura de Nova York e en Madrid co pintor Casto Plasencia. Pertenceu á Cova Céltica, faladoiro de intelectuales galeguistas. Foi profesor das Escolas de Artes da Coruña e Santiago de Compostela. Foi académico da Academia de Belas Artes da Coruña. Pertenceu á primeira xunta directiva de La Voz de Galicia, do que foi o primeiro director de arte e redactor e colaborou en Revista Gallega, Eco de Galicia, El Noroeste, El Alcance, Extracto de Literatura e Pasatiempos. Obtivo o premio á mellor obra de teatro en verso en galego nos primeiros xogos florais celebrados en Tui o 24 de xullo de 1891 por "Amor e meiguería". Deixou un drama inédito titulado Contagio[1]. Foi fundador e primeiro presidente da Asociación da Prensa da Coruña. Morreu recluído nun sanatorio psiquiátrico.

Como pintor foi autor das pinturas do teito so paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela. Entre as súas obras pictóricas figuran "La primera labor", "Retrato de una vieja", "Vista de la catedral de Santiago", "Retrato del general García Reboredo", "Retrato yacente de Casto Plasencia" e "El viejo de la zanfona".

Obras[editar | editar a fonte]

  • Cantares, 1888.
  • Entre luces, 1900.
  • Estudio sobre Gregorio Hernández.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

O Concello da Coruña dedicoulle unha rúa en 2010.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Noche, 3-3-1949, p. 1.
  2. "Urbano González, Juan Cancelo y E. Merino entran en el callejero". El Ideal Gallego (en español). 8 de xullo de 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]