Francisco Tettamancy

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Francisco Tettamancy Gastón")
Francisco Tettamancy Gastón
F. TETTAMANCY en La revolución gallega de 1846 (2ª ed. 1909).jpg
Retrato e sinatura de Tettamancy na súa obra La revolución gallega de 1846.
Nacemento 10 de outubro de 1854
Lugar A Coruña, Galicia Galicia
Falecemento 15 de maio de 1921 (66 anos)
Lugar A Coruña, Galicia Galicia
Nacionalidade España
editar datos en Wikidata ]

Francisco Tettamancy Gastón, nado na Coruña o 10 de outubro de 1854 e finado na mesma vila o 15 de maio de 1921, foi un escritor en lingua galega e castelá.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orfo de pai, tivo que emigrar de moi novo á Arxentina, aínda que segundo Carré Aldaoo cariño da nai e da terra” enseguida o traerían de volta para o berce natal[1]. Xa na Coruña entrou a traballar como administrativo ao servizo da Deputación provincial, en cuxos negociados se ocuparía o resto da súa vida, e en 1899 obtivo aínda o título de profesor mercantil na Escola Superior de Comercio da Coruña, cunha meritoria memoria de grao sobre a historia comercial da vila que estará na base dunha das súas obras máis celebrada[2].

Parente político e íntimo amigo de Uxío Carré Aldao, participou con regularidade nos célebres faladoiros da Cova céltica, que se desenvolvían polas tardes nos locais da Libraría Rexional de Carré, nucleados, desde o seu traslado á Coruña, arredor da figura excelsa de Manuel Murguía[3], e onde tantas iniciativas a prol do rexurdimento político e cultural da Galiza se idearon.

Fixo parte Tettamancy, así, da redacción do importante xornal rexionalista coruñés Revista Gallega[4], que dirixía Galo Salinas Rodríguez, e co seu propio nome ou so seudónimo[5] asinou artigos (tanto en prosa galega como castelá) e poesías (sempre en galego) en moitas publicacións da Coruña, da Galiza, da España e da emigración galega en América[6]. Foi vogal da asociación rexionalista Liga Gallega na Cruña[7], e un destacado impulsor do monumento Aos Mártires da Libertade que por iniciativa desta organización se levantou en Carral[8]. En 1904 constituíu, con outros 42 socios, a Asociación de la Prensa da Coruña[9], e foi membro fundador e numerario da primeira Academia Gallega (1905-1906), institución na que tamén se ocupou até á morte[10].

Tettamancy (o adulto da dereita de todo) co consello de redacción da Revista Gallega.

Na sede da xa denominada Real Academia Gallega é que terá lugar no 17-18 de maio de 1916 a reunión constituínte da Hirmandá de Amigos da Fala da Coruña, primeiro xerme das Irmandades da Fala, achándose entre os asistentes á mesma Antón e Ramón Villar Ponte, Uxío Carré Aldao, Florencio Vaamonde Lores, Manuel Lugrís Freire, Luís Porteiro Garea, Manuel Banet Fontenla, F. Tettamancy e máis outros[11]. Como propagandista destas Irmandades Tettamancy participou, entre outras actividades, no histórico mitin galeguista celebrado en Lugo no 28 de xaneiro de 1917[12].

Para Vicente Risco, que en 1929 sentaba na cadeira do coruñés na RAG, Tettamancy merecería, por esta e outras razóns, a cualificación de nacionalista galego[13]; Carvalho Calero, ao periodizar a literatura galega, incluíuno entre os diádocos autodidactas da escola cruñesa[14], e por idade tamén se adscribiu á Xeración rexurdimentista de 1868[15].

En lingua castelá deu ao prelo varias monografías moi ben documentadas relativas á historia de Galiza, todas elas referencia ineludíbel aínda hoxe nas súas respectivas áreas temáticas[16].

Entre outros méritos foi correspondente da Real Academia de la Historia e da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, e condecorado por outras varias institucións.

Personaxe moi apreciado no ambiente cultural do seu tempo, o enterro de Francisco Tettamancy constituíu unha extraordinaria manifestación de dó cidadán[17], e en 1962 a cámara municipal coruñesa outorgaría o seu nome a unha rúa do popular barrio dos Mallos.

Obras en lingua galega[editar | editar a fonte]

Ademais de artigos e poemas na prensa, Tettamancy publicou en galego varios libros de poesía e ensaio:

  • Enredadas. Poesías (1902): Libreiría Rexional de Euxenio Carré, A Cruña.
  • O castro de Cañás; Diego de Samboulo (Leenda histórica). Poemetos (1903): Libreiría Rexional de Euxenio Carré, A Cruña – Tipografía de Xan A. Menéndez, Lugo.
  • Boicentril. O druidismo e o celtismo gallegos. A Epopeya irlandesa (1912): Imprensa e Fotograbado de Ferrer, A Cruña.
  • Víctor Said Armesto (Traballo leído na noite do 3 de agosto de 1917, con motivo do homenaxe consagrado pol-a “Irmandade da Fala” na Cruña para honral-a memoria de tan ilustre escritor. C’unha folla de Murguía, e un colofón de Carré Aldao) (1917): Imprenta Obreira, A Cruña.
  • O castro de Cañás (Boicentril) (1919): 2ª ed. corr. e aum., en ¡Terra a nosa! Supremento de El Noroeste (20.02.1919), vol. 2, A Cruña.

Obras en lingua castelá[editar | editar a fonte]

En español publicou, ademais de artigos xornalísticos, varias monografías históricas sobre temas galegos:

  • Apuntes para la historia comercial de La Coruña (1900): Tipografía El Noroeste de J. Fdez. García – Librería Regional de E. Carré Aldao, La Coruña.
  • La revolución gallega de 1846 (1908): Librería Regional de E. Carré, La Coruña.
  • Britanos y galos (Páginas de la Guerra de la Independencia) 1808-1809 (1910): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, La Coruña.
  • Batallón Literario de Santiago: Diario de campaña (años 1808 al 1812) (1910): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, La Coruña.
  • Los Mártires de Carral (1912): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, La Coruña.
  • La torre del homenaje del castillo de Villalba (1913): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, La Coruña.
  • La torre de Hércules. Impresiones acerca de este antiquísimo faro bajo su aspecto histórico y arqueológico (1920): Litografía e Imprenta Roel, La Coruña.

Non chegou a publicar completa unha outra monografía, Rianjo-Altamira, da que adiantou varios capítulos en diferentes xornais[18].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. CARRÉ ALDAO (1921: 251).
  2. Apuntes para la historia comercial de La Coruña (1900).
  3. () Cantas veces tiña él (Víctor Said Armesto) a ocasión de visital-a nosa leda Cruña, parece que se gozaba en parolar con grande agarimo —concedéndolles especial preferencia— c’os seus íntimos, cales foran o noso escelso Murguía, e aqueles outros poucos amigos, de enxebreza acreditada, que tiñan en ben se axuntaren á cotío na que, uns cantos tan imbéciles como cobizosos, deran en alcumar A Cova Céltica (Libreiría do cultísimo Euxenio Carré Aldao en malhora desaparecida) e, abofellas, que do tal alcume, querendo facere un chiste trocouse en honrosísima gabanza; cantas veces, repitirei, congregados n-esa Cova, na que se aspiraba unha solencia de rescendente cultura e de enxebrismo gallego, somellando á os Celtas cando celebraban seus ritos relixiosos, Víctor Said, actuando, por veces, de gran sacerdote, co a sua substanciosa erudición nos falaba d’aqueles tempos millores e patriarcals e da sua futura labor literaria que tiña entre das mans (); F. Tettamancy: Víctor Said Armesto (1917: 12-14). O propio Tettamancy ofrécenos no mesmo lugar a máis completa nómina coñecida da asistencia histórica a estes célebres parladoiros: A tertulia cotidiana formábana Murguía, Pondal, Martínez Salazar, Saralegui y Medina, Álvarez Insua, López Seoane, Martelo Paumán, Bernárdez o abade da Colexiata, Victorino Novo, Barbeito Hermosilla, Vicente Carnota, Salvador Golpe, Lugris Freire, Núñez González, Pérez Ballesteros, Ribalta, Rodríguez González (Eladio), Salinas, Varela Lenzano, Vaamonde (Florencio e César), Ramón de Arana, Vicente Díaz, Vega Blanco, Villaamil y Castro, Balsa de la Vega, Julio Dávila, Román Navarro, Castro Chané, Juan Montes, Pascual Veiga, José Baldomir, Alguero Penedo, Daniel Álvarez, Banet Fontenla, Angel del Castillo, Marcial de la Iglesia, Lumbreras, Martínez Esparis (Ramón), Núñez Sarmiento, Paz Nóvoa, Marcelo Macias, Fernández Alonso, Moreno Barcia, Maciñeira, Leandro Pita, Salgado Rosende, Bernardo Barreiro de W., Balás, Barreiro Costoya, Luis Rodríguez Seoane, Augusto Santiago Gadea, Sors (Marcelino); algúns máis que inda ausentes viñan de cote á esta vila como Armada Teixeiro, Amor Meilán, Justo E. Areal, Barreiro Meiro, Barcia Caballero, Cabeza León, Lisardo Barreiro, Alfredo Brañas, Curros Enríquez, Garcia Ferreiro, Urbano González, Labarta Posse, Lois (Rogelio), Lois Vázquez, López Pelaez e Lago González (actuales arcebispo de Tarragona e bispo de Tuy); Nan de Allariz, Aureliano J. Pereira, Pérez Placer, Portela Pérez, Fort Roldán, Leite de Vasconcellos, Euxenio de Castro, Carlos Luis Bratli, Dodson, Castro López, Pérez Costanti, e moitos mais, uns xa finados e outros que para satisfacción e gloria das letras gallegas inde viven; cantas persoas de algunha significación na literatura e arte pasaban pol-a Cruña, ali iban para teren unhas horas de intima complacencia entromedias de verdadeiros irmans. Deixamos para o derradeiro, que os últimos serán os primeiros, os nomes das mulleres distinguidas de Galicia que nesa tertulia foron gala e ornato moitísimas veces, recordando entre elas á Filomena Dato Muruais, e Sofía Casanova; id. (1917: 13-14 n.).
  4. CARBALLO CALERO (1975: 426); MÁIZ (1984: 171); DLG II (1997: 421).
  5. Entre os que Fuco de Tabeayo é talvez o máis coñecido; LOXO (2012: 10).
  6. Ademais da Revista Gallega, e referíndose con exclusividade a escritos en lingua galega, o DLG II (1997) cita a colaboración de F. Tettamancy en máis dunha ducia de publicacións periódicas (A Nosa Terra, Coruña Moderna, El Eco de Mugía, Vida Gallega, Almanaque Gallego…).
  7. Revista Gallega 148 (09.01.1898: 5); MÁIZ (1984: 178).
  8. Ver F. Tettamancy: La revolución… (1908: 381-395), e F. Tettamancy: Los mártires de Carral (1912: 11-14); LOXO (2012: 10).
  9. Asociación de la Prensa. Libro de socios, ms. (1904: 1-2). Tettamancy figura inscrito co número 19 entre os 42 xornalistas fundadores (número axiña ampliado até os 100); ademais da redacción da Revista Gallega, inscribíuse toda a xunta directiva, naquela altura, da Liga Gallega na Cruña; cfr. MÁIZ (1984: 201).
  10. F. Tettamancy: “El almirante gallego D. Enrique Reynaldo Macdonell y de Gondé”, Boletín de la Real Academia Gallega 139, t. XII (1921: 263-265), artigo datado no 3 de mayo 1921.
  11. CARBALLO CALERO (1975: 571); DLG IV (2004: 432).
  12. “Lugo-Cruña-Monforte-Vilalba. Unha xornada groriosa e patriótica. Galicia pol-a vez primeira fala c’oa sua lingua”, A Nosa Terra 9 (06.02.1917: 1-3); pódese ver con relación, LEDO (1982: 100-101).
  13. () Tettamancy era, craro está despóis do que vai dito, nazonalista galego. Era dos bos e xenerosos. Prendera n-il hai tempo a ideia salvadora, e atopouse antr’os fundadores da Irmandade da Fala, réprica galega da Liga Gaélica irlandesa, e asina axudou a dar nacencia e prestou colaboración despóis, ô mais poderoso movemento que na nosa Terra se ten producido pra espertal-a concencia histórica e social, recramal-os direitos inalienábeles de todo pobo, e crear unha cultura racial. Movemento ô que ninguén pode dubidar que se debe a autual renacencia literaria e científica de Galiza, pol-o qual a data do 18 de maio do 1916 ha quedar pra sempre com’a data inicial d’unha nova era groriosa na nosa historia. (); MARTÍNEZ-RISCO (1971: 7).
  14. CARBALLO CALERO (1975: 437).
  15. DLG I (1995: 572).
  16. LOXO (2012: 11).
  17. La Voz de Galicia 12977 (17.05.1921: 1); El Ideal Gallego 1261 (17.05.1921: 1); LOXO (2012: 12).
  18. COUCEIRO FREIJOMIL (1953: 407-408).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]