Pierre de Coubertin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Baron Pierre de Coubertin.jpg

Pierre Frédy de Coubertin, barón de Coubertin, nado en París o 1 de xaneiro de 1863 e finado en Xenebra o 2 de setembro de 1937 foi un pedagogo e historiador francés, fundador dos Xogos Olímpicos modernos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O seu pai, o barón Charles Louis de Coubertin, quería que fose militar, mais o seu carácter sensible chocou coa dura disciplina da Escola Militar de Saint-Cyr. Decidiu entón dedicarse á pedagoxía, onde se sentiu realizado polos seus ideais. Marchou a Inglaterra a perfeccionar os seus estudos e alí coñeceu a doutrina do cristianismo muscular: a busca da perfección espiritual por medio do deporte e a hixiene. Un dos máis destacados seguidores desta ideoloxía foi o pastor anglicano Thomas Arnold, do que Coubertin se converteu en discípulo.

Comezou a divulgar este métodos por toda Francia, creando sociedades atléticas nos institutos, que se asociaron na Unión dos Deportes Atléticos (Union des Sports Athlétiques). Fundou tamén a primeira revista dedicada ao deporte, Revue Athlétique, logrando que o goberno accedese a incluíla nos seus programas da Exposición Universal de 1889.

O ministro de educación enviouno aos Estados Unidos para que continuase a súa investigación sobre os métodos de ensino. O deporte comezou a ser tomado en serio e pasou de ser practicado por minorías ou no colexio a estar de moda e espertar entusiasmo.

Cobertin comezou a soñar con unir nunha competición os deportistas de todo o mundo baixo o signo da unión e a irmandade, sen ánimo de lucro e só polo desexo de conseguir a gloria, competir por competir, como di a frase de Ethelbert Talbot “o importante non é vencer, senón participar”, frase mal atribuída a Pierre de Coubertin. A idea parecía insensata e chocou con moita incomprensión. Intentando convencer a todos, viaxou polo mundo falando de paz, comprensión e unión, mesturándoo todo coa palabra deporte. Finalmente, na última sesión do Congreso Internacional de Educación Física que se celebrou na Sorbona de París, o 26 de xuño de 1894, decidiuse instituír os Xogos Olímpicos.

En Inglaterra a idea non foi ben recibida e a opinión pública decidiu quedar á marxe. Alemaña reaccionou intentando boicotear os xogos. Grecia opúxose e o seu xefe de goberno, Tricoupis, quixo impedir a súa realización, pois aquela lea saía moi cara ao país. Coubertin conseguiu que o príncipe herdeiro de Grecia, o Duque de Esparta, intercedese ante o seu cuñado o káiser Guillerme, convencendo os ingleses e o seu propio Goberno. O príncipe logrou ademais que se emitisen unha serie de selos conmemorativos para conseguir diñeiro para os xogos. Ademais creou unha subscrición pública con tan bos resultados que logrou que o rico alexandrino George Averoff, correse cos gastos da reconstrución do estadio de Atenas.

O 24 de marzo de 1896, día de Pascua de Resurrección, o Duque de Esparta, tras un discurso, descubriu a estatua do mecenas George Averoff e o rei Xurxo de Grecia pronunciou por primeira vez as palabras rituais:

Declaro abertos os Primeiros Xogos Olímpicos Internacionais de Atenas.

O lema "O esencial na vida non é vencer, senón loitar ben" foi a orixe do movemento olímpico moderno, que se converteron nun dos acontecementos máis populares do planeta.

Coubertin foi presidente do Comité Olímpico Internacional entre 1896 e 1925.[1]

Honras[editar | editar a fonte]

En 2013 a Monnaie de Paris emitiu unha moeda conmemorativa de 2 euros para conmemorar o 150 aniversario do seu nacemento.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "The Organisation. The Presidents" (en inglés). Comité Olímpico Internacional. Consultado o 29 de xaneiro de 2014. 


Predecesor:
Dimitrios Vikelas
 Presidente do COI 
1896 - 1925
Sucesor:
Henri de Baillet-Latour

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]