Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marcela e Elisa trala voda

Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga foron dúas mulleres que constituíron o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo de España do que hai constancia. Casaron o 8 de xuño de 1901 na Coruña, na iguexa parroquial de San Xurxo, e para logralo Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina[1][2][3].

A noticia da súa voda difundiuse rapidamente por toda España e por varios países europeos. Aínda non se sabe o que aconteceu con elas trala súa fuxida, crese que á Arxentina.

Primeiro encontro, separación e reencontro[editar | editar a fonte]

Marcela e Elisa coñecéronse mentres estudaban na Escola Normal de Mestras da Coruña, onde se formaban as futuras profesoras de ensinanza primaria. A súa amizade deu paso a unha relación máis íntima. Os pais de Marcela, vendo que a amizade ía máis aló do socialmente permitido e temendo un posible escándalo, enviaron a súa filla a Madrid. Pasou o tempo e ambas, unha na Coruña e outra en Madrid, remataron os seus estudos. Volverían a atoparse cando Elisa foi destinada como mestra interina a Couso, unha pequena parroquia de Coristanco. Preto, en Vimianzo, na aldea de Calo, instalouse Marcela xa coma mestra superior. Decidiron vivir xuntas en Calo, onde Elisa exercía. En 1889, Marcela tivo que ir dar clases a Dumbría mentres Elisa permanecía en Calo, aínda que Elisa percorría polas noites varios quilómetros para poder ver a súa amante[1].

Identidade falsa e matrimonio[editar | editar a fonte]

En 1901 Elisa adoptou un aspecto masculino (co cal se presentou na Escola Normal para solicitar un certificado de estudos), inventou un pasado e converteuse en Mario[2]. Para este pasado inventado tomou como referencia un curmán seu morto nun naufraxio. Inventou tamén que pasara a infancia en Londres e que o seu pai era ateo[1]. Ante esta última circunstancia, o padre Cortiella, párroco de San Xurxo, bautizou a Mario o 26 de maio de 1901 e administroulle a primeira comuñón, e posteriormente casou a parella o 8 de xuño de 1901 trala publicación das amoestacións[2]. A cerimonia foi breve, os padriños deron fe da súa validez e a parella pasou a noite de vodas na pensión Corcubión, na rúa de Santo André[4].

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Localización de Dumbría na Coruña, Galicia, onde Marcela e Elisa exercían coma mestras.

Finalmente, os veciños non puideron seguir indiferentes ante o que a partir dese momento se deu en coñecer coma o “matrimonio sen home”. A parella sería portada de xornais galegos e madrileños e, como consecuencia disto, foron excomungadas, perderon o seu emprego e ditouse unha orde de busca e captura[4]. Parece ser que para que tivera lugar a excomuñón, o párroco pediulle a un doutor que examinase a Mario para comprobar se era home ou muller[5]. Mario accedeu e, cando o doutor emitiu o seu diagnóstico, tentou pasar por un hermafrodita cuxa condición fora diagnosticada en Londres[5]. A Garda Civil perseguiunas ata a localidade de Dumbría, onde ambas exercían coma mestras. Tense constancia de que pasaron por Vigo e Porto (Portugal) na súa fuxida. O último que se soubo delas é que chegaron a subir a un barco cara a América (posiblemente a Arxentina, coma tantos outros galegos da época), onde pasaron a lúa de mel e, finalmente, quedaron a vivir[6]. Pechouse o caso que levaba un dos xulgados contra elas e algúns veciños de Dumbría estenderon un rumor, varios anos despois, sobre o falecemento de Elisa e o posterior casamento de Marcela cun home[7].

Impacto social e legado[editar | editar a fonte]

Isaías Lafuente (redactor xefe da cadena SER a nivel nacional), no seu libro Agrupémonos Todas, fai un percorrido polo máis destacado do feminismo no século XX e sinala a historia de Marcela e Elisa como un dos feitos máis significativos relacionados con este movemento acontecidos en Galicia (outro sería a figura de Emilia Pardo Bazán)[8].

Matrimonios homosexuais baixo a lei 13/2005[editar | editar a fonte]

No ano 2005 fíxose legal o matrimonio homosexual en España coa modificación do Código Civil que o regula. Deste xeito, o primeiro matrimonio de persoas homosexuais baixo a nova lei 13/2005 tivo lugar o 11 de xullo de 2005. Celebrouse en Tres Cantos (Madrid), entre Emilio Menéndez y Carlos Baturin, que levaban convivindo como parella máis de 30 anos[9]. O primeiro casamento entre mulleres baixo a nova lei celebrouse en Barcelona, once días despois[10].

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 García Solano, Manuel (30-06-2002). "Son dos mujeres y se casaron en 1901". El Mundo. http://www.elmundo.es/2002/06/30/cronica/1172762_imp.html. Consultado o 17-06-2007. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "El primer matrimonio gay en España". 20 minutos. 08-06-2006. http://www.20minutos.es/museo-virtual/historia/128859/. Consultado o 20-05-2007. 
  3. Rivas, Manuel (09-03-2007). "Sae da sombra a poesía amatoria de Blanco Amor". El País. http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Sae/da/sombra/poesia/amatoria/Blanco/Amor/elpepuespgal/20070309elpgal_30/Tes. Consultado o 17-06-2007. 
  4. 4,0 4,1 "Marcela y Elisa: Maestras naúfragas, por Espido Freire". Campus. 07-06-2006. http://www.elmundo.es/suplementos/campus/2006/460/1149693623.html. Consultado o 17-06-2007. 
  5. 5,0 5,1 La boda homosexual que la Iglesia olvidó anular, La Opinión, 24-09-2006- Consultado el 17-06-2007
  6. Arzobispado de Pamplona - Resumen Diario de Prensa, Iglesia Navarra, 09-05-2002. Consultado el 17-06-2007
  7. Fernández, Carlos (08-06-2001). "La primera boda sin hombre". La Voz de Galicia. http://www.milhomes.es/documentos/Marcela%20Elisa%20Voz%20de%20Galicia2.jpg. Consultado o 17-06-2007. 
  8. "Fallado el Premio Marcela y Elisa". FELGT. 08-06-2007. http://www.felgt.org/temas/varios/i/14114/106/fallado-el-premio-marcela-y-elisa. Consultado o 21-06-2007. 
  9. "Primer matrimonio gay en España". BBC Mundo. 11-07-2005. http://news.bbc.co.uk/hi/spanish/international/newsid_4673000/4673817.stm. Consultado o 06-03-2007. 
  10. "La primera boda entre dos mujeres se celebra en Cataluña". CADENASER.COM. 22-06-2005. http://www.cadenaser.com/articulo/sociedad/primera/boda/mujeres/celebra/Cataluna/csrcsrpor/20050722csrcsrsoc_2/Tes/. Consultado o 20-12-2006.