Francisco Javier González Pérez
Fran | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Francisco Javier González Pérez | ||
Nacemento | 14 de xullo de 1969 (52 anos) | ||
Lugar de nacemento | Ribeira | ||
Altura | 1,79 m. | ||
Posición | Centrocampista | ||
Carreira xuvenil | |||
Carreira CF | |||
Deportivo da Coruña | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1986–1988 | Fabril | ||
1988–2005 | Deportivo da Coruña | 550 | (56) |
Selección nacional | |||
1993–2000 | España | 16 | (2) |
Adestrador | |||
2016– | Galicia | ||
Na rede | |||
![]() ![]() | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Francisco Javier González Pérez, máis coñecido como Fran, nado en Carreira (Ribeira) o 14 de xullo de 1969, é un ex futbolista galego. Xogaba de centrocampista e foi internacional coa selección española.
Desenvolveu toda a súa carreira como futbolista no Deportivo da Coruña, co que disputou 700 partidos oficiais, sendo o xogador con máis encontros na historia do club.[1] É ademais, xunto a Mauro Silva e Donato, un dos tres únicos futbolistas que participaron nos seis títulos gañados polo Deportivo: unha liga, dúas Copas do Rei e tres Supercopas. Interior zurdo cun toque de balón excepcional e unha non menor visión de xogo, destacou sobre todo polos seus precisos centros dende a banda esquerda. É irmán do tamén ex futbolista José Ramón.
Actualmente é o seleccionador, xunto con Míchel Salgado, da selección galega, e director de fútbol base no Deportivo da Coruña.[1]
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Comezou a súa carreira deportiva no equipo da súa vila natal, o Carreira CF até que se incorporou á disciplina deportivista. Na tempada 1986–87, sendo aínda xuvenil, debutou co Fabril Deportivo en Terceira División.
Na 1987–88 debutou co Deportivo da Coruña en Segunda División, xogando esa campaña 4 partidos. O seu debut foi o 17 de xaneiro de 1988 contra o Real Burgos en Riazor, sendo Luis Rodríguez Vaz o adestrado branquiazul. O seu primeiro gol como deportivista chegou na tempada 1990–91, na xornada 14, con vitoria a domicilio sobre o UD Las Palmas (1–3). Fran marcou o terceiro dos tantos branquiazuis. Foi un dos principais artífices do histórico ascenso a Primeira dese ano, nun equipo no que tamén xogaba o seu irmán José Ramón.[2]
Fran foi cotizado polos grandes clubs españois: Real Madrid CF, co que asinou un precontrato que debería entrar en vigor na tempada 1995–96 e que Lendoiro recomprou a tempo por 260 millóns de pesetas; e FC Barcelona, onde Johan Cruyff ao final desa mesma tempada insistiu na súa fichaxe debida á súa afinidade co estilo de xogo do equipo culé, mais a intransixencia de Lendoiro a negociar o traspaso, a menos que pagasen os 2.000 millóns da súa cláusula, disuadiu ao club catalán de calquera intento de contratalo. A tempada 1995–96, con John Toshack no banco, foi persoal e colectivamente unha das peores para Fran. Por distintos motivos nunca chegou a render ao nivel que tiña afeitos aos seus seguidores, e ademais unha lesión pechoulle todas as portas, se tiña aberta algunha, de acudir á Eurocopa de Inglaterra. Foi operado do xeonllo esquerdo o 9 de maio de 1996, intervención que lle obriga estar tres meses de baixa. Nos anos seguintes os éxitos do Deportivo e de Fran continuaron chegando á culminación co título de liga logrado no ano 2000, ano en que Fran ademais foi convocado para a Eurocopa de Holanda e Bélxica.
O seu derradeiro encontro como deportivista foi na tempada 2004–05, o 22 de maio de 2005, no partido da xornada 34 que enfrontaba o Deportivo co RCD Mallorca en Riazor e que se saldou con derrota branquiazul (0–3). Ao rematar a tempada retirouse do fútbol, xunto con Mauro Silva, despois de ter disputados 700 partidos oficiais co Deportivo, o que o converte no futbolista con máis encontros xogados na historia do club.[1]
En 2013 foi vivir coa súa familia a Barcelona para acompañar o seu fillo Nico González, que comezaba a xogar nas categorías inferiores do FC Barcelona.[3] En 2016 aceptou unha oferta de Txiki Begiristain para traballar co fútbol base do Manchester City, onde tamén asistiu a Pep Guardiola nalgúns adestramentos do primeiro equipo.[4][5] En 2020 regresou ao Deportivo da Coruña para encargarse da dirección do fútbol base do club, que acababa de descender á Segunda División B.[6] Foi presentado en Riazor o 11 de agosto canda a outra lenda do deportivismo, Juan Carlos Valerón, quen tomou as rendas do Fabril.[1]
Selección nacional[editar | editar a fonte]
Convocado coa selección española desde abril de 1992, debutou co conxunto vermello o 27 de xaneiro de 1993, nun encontro contra México que rematou con empate (1–1), nun partido de clasificación para o Mundial dos Estados Unidos 1994. O seu primeiro gol co conxunto nacional chegou o 27 de marzo de 1999, marcando o último tanto da goleada que España lle endosou a Austria (9–0). En total, coa selección Fran xogou 16 partidos e marcou dous goles.
Selección galega[editar | editar a fonte]
O 6 de maio de 2016 foi presentado, xunto con Míchel Salgado, como seleccionador da selección galega.[7]
Vida persoal[editar | editar a fonte]
Casou con Gema Iglesias o 22 de maio de 1998 na Colexiata de Santa María do Campo da Cidade Vella da Coruña.[8] A parella tivo un fillo, Nico, tamén futbolista.
Palmarés[editar | editar a fonte]
- Deportivo
- Primeira división española (1): 1999/00
- Copa do Rei (2): 1994/95, 2001/02
- Supercopa de España (3): 1995, 2000, 2002
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "El Deportivo se rearma con sus glorias e incorpora a Fran y Valerón". El País (en castelán). 11 de agosto de 2020. Consultado o 12 de agosto de 2020.
- ↑ "Recordamos la temporada del inolvidable ascenso del 9 de junio de 1991" (en castelán). 9 de xuño de 2016. Consultado o 12 de agosto de 2020.
- ↑ "Fran y Nico: La especie evoluciona" (en castelán). 14 de decembro de 2013. Consultado o 12 de agosto de 2020.
- ↑ Centeno, Alexandre (22 de xullo de 2016). "Fran aterriza en el City". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 12 de agosto de 2020.
- ↑ Centeno, Alexandre (22 de maio de 2017). "El pequeño mundo inglés de Fran". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 12 de agosto de 2020.
- ↑ "Leyendas al rescate: Fran y Valerón vuelven al Deportivo" (en castelán). 9 de agosto de 2020. Consultado o 12 de agosto de 2020.
- ↑ "Rafael Louzán presentou oficialmente aos novos seleccionadores galegos"
- ↑ "La Voz inicia el domingo la distribución de pines de Peteiro". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de xaneiro de 2010. Consultado o 26 de abril de 2021.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Ventureira, Rubén; Centeno, Alexandre (2005): Fran. O neno 10. La Voz de Galicia.