Francisco Pérez Carballo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Francisco Pérez Carballo
Francisco Pérez Carballo

10 de abril de 1936 – 20 de xullo de 1936
Precedido por José Sánchez Gacio
Sucedido por Florentino González Vallés

Datos persoais
Nacemento 8 de novembro de 1910
Madrid, España
Falecemento 24 de xullo de 1936 25 anos
A Coruña, Galicia
Partido Izquierda Republicana
Cónxuxe Juana Capdevielle
Profesión Avogado, mestre universitario, político

Francisco Pérez Carballo, nado en Madrid o 8 de novembro de 1910 e finado na Coruña o 24 de xullo de 1936, foi un avogado, mestre universitario e político español.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou no instituto madrileño Cardenal Cisneros. Licenciado en Dereito e Filosofía e Letras, durante a súa etapa universitaria foi dirixente da Federación Universitaria Española e membro da Asociación Internacional de Estudiantes, así como militante das xuventudes de Izquierda Republicana. Frecuentou tamén o Ateneo de Madrid.

Tras licenciarse, traballou como mestre axudante na cátedra de Dereito Romano da Universidade de Madrid, conseguindo posteriormente, por oposición, unha praza de oficial letrado no Congreso dos Deputados.

Coa vitoria da Fronte Popular en febreiro 1936, foi nomeado Gobernador Civil da provincia da Coruña (10 de abril de 1936), ó parecer pola súa amizade con Santiago Casares Quiroga. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 opúxose ós sublevados, ordenando defender a sede do Goberno Civil, cuns cantos militares leais ó goberno da República e Gardas de Asalto. Non obstante, a desproporción de forzas levouno á rendición, o día 20 de xullo ás 18:30 horas. Pérez Carballo foi preso polos rebeldes e fusilado catro días despois, xunto ó comandante Quesada e ó capitán Tejero, que fixeran fronte á sublevación dende o edificio do Goberno Civil.

A súa esposa, a intelectual, conferenciante e bibliotecaria, Juana Capdevielle, en avanzado estado de xestación, trala declaración do estado de guerra, refuxiouse na casa do boticario López Abente. Non obstante foi detida e, ó saber do asasinato do seu marido, sufriu un ataque de nervios que lle produciu un aborto, sendo atendida no cárcere polo médico e militante de Unión Republicana José García Ramos. Foi posta en liberdade, pero a mediados de agosto foi secuestrada por grupos paramilitares de Falange, violada e asasinada, abandonando o seu corpo nunha paraxe cerca de Rábade.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]