Manuel Espiña Gamallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Manuel Espiña Gamallo, nado en Santa María de Folgoso (Cerdedo-Cotobade) o 25 de xullo de 1933 e finado en Pontevedra o 28 de febreiro de 2010, foi un sacerdote, teólogo, pedagogo, escritor e promotor e defensor do uso da lingua galega no seo da Igrexa e do achegamento e compromiso do catolicismo coa realidade galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Despois de realizar os seus primeiros estudos en Folgoso (Cerdedo-Cotobade) e Presqueiras (Forcarei) cun profesor particular, ingresou en 1945 no Seminario de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, onde estudou Humanidades.[1][2]

A partir de 1951 cursou as licenciaturas en Filosofía e Teoloxía na Universidade Pontificia Comillas (Santander), ordenándose alí sacerdote en marzo de 1959.[1][2] Foi en Comillas onde comeza a formarse a súa conciencia galeguista, como lle ocorreu a tantos outros; alí coincidiu con Carlos Baliñas Fernández, o Padre Silva e Morente Torres, entre outros.[3]

O seu primeiro destino foi como coadxutor-vigairo en Santa María do Azougue (Betanzos), cargo que desempeñou desde 1959 a 1962, cando foi nomeado polo cardeal Quiroga Palacios director espiritual do Seminario Menor de Belvís, onde o seu labor máis innovador foi ser o galeguizador ao atoparse cuns rapaces que se avergoñan da lingua dos seus pais (ou que eran castigados cando falaban entre eles en galego (Espiña consegiu que se suprimisen estes castigos). Alí comeza a traducir os Evanxeos ao galego, no medio da incomprensión dos seus compañeiros.[3]

En 1965 consegue por oposición unha coenxía na Real Colexiata da Coruña e, o mesmo ano, e comeza a dar clases de latín, grego e francés no Fogar de Santa Margarita da Coruña e de relixión na Escola Normal de Maxisterio (e posteriormente na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB na que aquela se transformou), e logo, até a súa xubilación en 1999 de teoloxía católica e a súa didáctica e pedagoxía, así como de historia das relixións, na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.[2]

Na cidade herculina remata a tradución dos Evanxeos coa colaboración de Morente Torres, publicándose en 1966 co título A Palabra de Deus editada por SEPT (foi o primeiro libro desta editorial, que se creara ese mesmo ano). O ano seguinte é Espiña quen oficia na nosa lingua a misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval e no que comeza, tamén con Morente, unha misa en galego aos domingos nas Capuchinas da Coruña. Porén, non consegue o permiso de Fraga, daquela ministro de Información e Turismo, para poder retransmitir a misa en galego pola radio.[3]

En 1968 recibe con Morente o Pedrón de Ouro polo seu labor a prol da galeguización da liturxia; un camiño demasiado lento pola eterna resposta do supersedeatur, co que Roma contestaba unha e outra vez, a pesar da insistencia do cardeal Quiroga (foi a comezos do 1969 cando se acadou a aprobación oficial). No mesmo ano 1968 edítase o Misal Galego dos Fieis, obra de novo do tándem Espiña-Morente, coa colaboración de Vidán Torreira, Alonso Estravís e Ventura Cores Trasmonte.[1][3]

A Fundación Labaca.

En xaneiro de 1970 o daquela director de La Voz de Galicia, Francisco Pillado Rivadulla, concédelle unha sección semanal no xornal, O outeiro de san Xusto, que se converteu na máis longa do diario. Esta atalaia deulle unha notoriedade inusual nun cura, até o punto de que en dúas ocasións (1973 e 1981) foi "Invitado de honra" dos Centros Galegos de Bos Aires e de Montevideo con motivo do Día de Galicia. Pero tamén comportou a que a súa misa dominical, primeiro nas Capuchinas, e despois nos locais do Servizo Doméstico, estivera sempre controlada pola policía. [3]

Colaborou tamén cen revistas como Galicia de Bos Aires.

Entre outras actividades, fundou en 1973 a Comunidade cristiá Home Novo (que ten a súa sede en Culleredo), presidiu desde 1978 o Padroado da Fundación Labaca até a súa disolución, e a Irmandade Médica Paulino; foi vogal da Irmandade Moncho Valcarce, secretario da cooperativa CODELI. Así mesmo, fundou na Corña o Centro Español de Nuevas Profesiones. Tamén foi membro do Consello de Redacción da revista Encrucillada durante 30 anos, e colaborador de Irimia e das Romaxes de Crentes Galegos.

Algunhas obras[editar | editar a fonte]

  • A palabra de Deus: evanxelios (1965; en colaboración con Xosé Morente Torres. Editorial SEPT / As Edicións do Adro, Santiago de Compostela, A Coruña.
  • Misal galego (1968; en colaboración), Editorial SEPT.
  • Manuel Fraiz Garrido: un cura moi humano e canteiro. 2002. A Coruña, Real Colexiata de Santa María.
  • O Outeiro de San Xusto - Escolma I, 2008. A Coruña.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Antonio Rodríguez Fraiz (1974): Espiña Gamallo, Manuel na Gran Enciclopedia Gallega.
  2. 2,0 2,1 2,2 Manuel Espiña Gamallo en Galegos.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Galegos e cristiáns. "Deus fratresque Gallaeciae". BVG.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]