Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato de Benito Jerónimo Feijoo.

Frei Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro, nado en Casdemiro (O Pereiro de Aguiar), o 8 de outubro de 1676 e finado en Oviedo o 26 de setembro de 1764, foi un relixioso, escritor e pensador galego. Xunto co valenciano Gregorio Mayans constitúe a figura máis destacada da primeira Ilustración española. Está soterrado no adro da igrexa do Mundil (Cartelle).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo dunha familia fidalga, fillo de Antonio Feijoo Montenegro e Sanjurjo e de María de Puga Sandoval Novoa e Feijoo. Logo de facer os estudos primarios no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, pouco antes de facer os 14 anos ingresou na Orde de San Bieito, polo que tivo que renunciar aos seus dereitos como morgado. Ordenouse como sacerdote no mosteiro de Samos, e estudou Teoloxía na Universidade de Salamanca. Acadou mediante oposición unha cátedra en Oviedo, onde residiu dende 1709, no colexio bieito de San Vicente.

Obra[editar | editar a fonte]

Estatua de Benito Jerónimo Feijoo en Ourense.

Feijoo está considerado o primeiro ensaísta da literatura castelá, e un dos pioneiros xunto a Gregorio Mayans da considerada Primeira Ilustración Española, desde 1737 até pouco despois da morte de Fernando VI. Amais, está considerado precursor das ideas de Frei Martín Sarmiento. Feijoo defendía a igualdade do home e da muller.

Non publicou as súas obras até 1725, e fíxoo en forma de coleccións de opúsculos polémicos que chamou discursos (de discorrer, disertar libremente). Neste xénero intégranse os oito volumes (118 discursos), máis un suplemento adicional do Teatro crítico universal (coa acepción de teatro como «panorama» ou visión xeral de conxunto), publicados entre 1726 e 1739. Doutra banda, están os cinco volumes das Cartas eruditas y curiosas, publicadas entre 1742 e 1760 e compostas por 166 ensaios máis curtos. Amais, cómpre sumar un tomo extra de Adiciones publicado en 1783 e a súa copiosa correspondencia privada.

Nos Discursos varios en todo género de materias para desengaño de errores comunes trata temas de distintas ciencias e actividades humanas e, polo seu propósito de discorrer acerca das falsas crenzas e as supersticións, entre outros erros difundidos no pobo, chamáronlle "o desenganador das Españas". Polo seu carácter enciclopédico, esta obra insírese na tradición das misceláneas, ao estilo da Silva de varia lección de Pero Mexía (século XVI).

A súa obra espertou curiosidade, pois foi traducida ao francés, inglés, italiano e alemán.

Os seus discursos provocaron rexeitamento entre as comunidades tomista e escolástica, con críticas de Ignacio de Armesto Osorio, Francisco de Soto Marne, Salvador José Mañer e Diego de Torres Villarroel entre outros. Porén, foi defendido polo doutor Martín Martínez e os frades Isla e Martín Sarmiento, amais do propio rei Fernando VI, que mediante un real decreto de 1750 prohibiu que se lle atacase.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]