Marcos Vales
Marcos Vales | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Marcos Vales Illanes | ||
Nacido | 5 de abril de 1975 (45 anos) | ||
Lugar | A Coruña | ||
Altura | 1,81 m. | ||
Posición | Dianteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
Deportivo da Coruña | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1992–1993 | Fabril Deportivo | ||
1993–1994 | Deportivo da Coruña | 19 | (1) |
1994–1997 | Sporting de Gijón | 60 | (3) |
1997–2002 | Zaragoza | 103 | (11) |
2002–2004 | Sevilla | 40 | (3) |
2004–2005 | Mallorca | 6 | (0) |
Selección nacional | |||
1993 | España sub-18 | 4 | (2) |
1993–1998 | España sub-21 | 15 | (1) |
1998 | España | 1 | (0) |
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Marcos Vales Illanes, nado na Coruña o 5 de abril de 1975, é un ex futbolista galego. Xogaba de dianteiro e foi internacional coa selección española.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Fillo do tamén futbolista José Pedro Vales, Marcos Vales formouse nas categorías inferiores do Deportivo da Coruña. Considerado unha das maiores promesas da entidade, con 17 anos deu o salto do Fabril Deportivo ao primeiro equipo. O Seu primeiro partido en Primeira División disputouno o 21 de marzo de 1993, ante o Real Burgos en Riazor. A súa chegada ao primeiro equipo coincidiu co nacemento do Súper Dépor, onde xogadores como Bebeto, Claudio, Fran ou Manjarín impedíanlle facerse un oco na dianteira. Disputou oito encontros e marcou un gol a tempada 1992–93. Na 1993–94, na que o Deportivo perdeu o título de liga no derradeiro minuto, Vales participou en once partidos, sen lograr anotar.
Descartado por Arsenio Iglesias, e a pesar de espertar o interese do FC Barcelona, o verán de 1994 Vales acabou recalando no Sporting de Gijón. O club asturiano puido facerse co futbolista sen desembolso económico e cun mero cambio de residencia, xa que Vales non tiña aínda contrato profesional co Deportivo. O presidente do club galego, Augusto César Lendoiro, chegou a denunciar a operación, pero os xulgados déronlle a razón ao futbolista. No Sporting, a progresión de Marcos Vales continuou estancada: catorce partidos e dous goles na súa primeira tempada e só nove encuentros, sen anotar, na segunda. A súa situación cambiou a tempada 1996–97, coa chegada ao banquiño de Benito Floro, o primeiro técnico que lle deu a oportunidade de xogar con regularidade. Marcos Vales participou esa tempada en 37 partidos de liga, aínda que só anotou un gol.
O verán de 1997 a directiva sportinguista aceptou unha oferta de 200 millóns de pesetas do Real Zaragoza e traspasou ao xogador. A súa estadía durante cinco anos no club maño estivo marcada pola irregularidade, aínda que foi a súa etapa profesional máis exitosa. A súa mellor tempada foi a 1998–99, na que xogou 34 partidos e anotou seis goles -o maior rexistro da súa carreira-, chegando incluso a alcanzar a internacionalidade con España. A tempada 2000–01 o Zaragoza foi campión da Copa do Rei, aínda que a presenza de Marcos Vales no equipo, esa tempada, foi practicamente testemuñal. Un ano máis tarde, o conxunto aragonés descendía a Segunda División, pero Marcos Vales puido seguir en Primeira fichando polo Sevilla FC.
A tempada 2002–03 xogou 31 partidos de liga e anotou tres goles; un deles especialmente recordado polos sevillistas, xa que serviu para derrotar ao eterno rival, o Real Betis, no estadio Ruiz de Lopera. Porén, o seguinte curso, unha lesión no pé e a falta de confianza do técnico, Joaquín Caparrós, foron diluíndo o seu peso no equipo, e só participou en nove encontros.
Tras obter a carta de liberdade o verán de 2004, negociou un posible regreso a Galicia co Celta de Vigo, pero foi requirido como reforzo por Benito Floro, que acababa de fichar polo RCD Mallorca. Tras un inicio prometedor co equipo balear, o xogador recaeu da súa metatarsalxia no pé esquerdo e Floro foi destituído tras unha mala racha de resultados. Todo elo desembocou na saída prematura de Vales, que en xaneiro de 2005 rescindiu o seu contrato co Mallorca.
Tras pasar polo quirófano, finalmente anunciou a súa retirada en abril de 2005, con 29 anos. Posteriormente, desvinculouse do mundo do fútbol e retomou os seus estudos de empresariais.
Selección nacional de España[editar | editar a fonte]
Foi internacional coa selección española nunha ocasión. José Antonio Camacho fíxolle debutar o 14 de outubro de 1998, nun partido de clasificación para a Eurocopa 2000 disputado en Israel.
Anteriormente foi internacional sub-18 e sub-21, e campión da Eurocopa desta categoría en 1998.
Palmarés[editar | editar a fonte]
Club[editar | editar a fonte]
- Zaragoza
- Copa do Rei: 2000–01.
País[editar | editar a fonte]
- España sub-21
- Campionato de Europa sub-21: 1998.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Nados en 1975
- Nados na Coruña
- Futbolistas da provincia da Coruña
- Dianteiros de fútbol
- Xogadores do Deportivo Fabril
- Xogadores do Deportivo da Coruña
- Xogadores do Sporting de Gijón
- Xogadores do Real Zaragoza
- Xogadores do Sevilla FC
- Xogadores do RCD Mallorca
- Xogadores da selección de fútbol de España sub-21
- Xogadores da selección de fútbol de España