Noureddine Naybet
![]() ![]() | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 10 de febreiro de 1970 ![]() Casablanca, Marrocos ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Relixión | Islam ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 185 cm ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1989 ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Marrocos ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Liga | Premier League ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Defensa e defensa central ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
2006 | Copa de África de Nacións de 2006 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
2004 | Copa de África de Nacións de 2004 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
2002 | Copa de África de Nacións de 2002 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
2000 | Copa de África de Nacións de 2000 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
10 de xuño de 1998 | Mundial de Fútbol Francia 1998 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1998 | Copa de África de Nacións de 1998 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1994 | Mundial de Fútbol Estados Unidos 1994 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1992 | Copa de África de Nacións de 1992 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1992 | Xogos Olímpicos de 1992 ![]() |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Premios | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
![]() ![]() |
Noureddine Naybet M. (en árabe, نور الدين نبيت), nado en Casablanca o 10 de febreiro de 1970, é un exfutbolista marroquí, que xogaba de defensa central. A súa carreira está estreitamente vencellada ao Deportivo da Coruña, no que militou durante oito anos entre 1996 e 2004, disputando 284 partidos oficiais e conquistando unha liga de Primeira División, unha Copa do Rei e dúas Supercopas de España. Amplamente considerado como o mellor defensa na historia do club galego,[1][2] xogou ademais no Widad Casablanca (co que gañou varios títulos, entre eles tres ligas marroquís e unha Liga de Campións da CAF), así como no Cannes, no Sporting de Portugal (co que conquistou unha Copa de Portugal e unha Supercopa de Portugal) e no Tottenham Hotspur.
Considerado como un dos mellores futbolistas marroquís e africanos da historia,[3][4] é o xogador que máis veces vestiu a camiseta da selección marroquí, con 115 internacionalidades, e representou ao seu país en dúas Copas do Mundo (1994 e 1998) e seis Copas de África.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Widad Casablanca
[editar | editar a fonte]Nacido en Casablanca, comezou a xogar ao fútbol nas rúas de Derb Chorfa, no barrio de Derb Sultan, antes de trasladarse ao barrio de Hay Al Farah.[5] Alí fixouse nel o Étoile de Casablanca, co que adestrou durante só unha semana, antes de pasar á canteira do Widad.[6] Xogou nas categorías inferiores do club, tanto en posicións defensivas como ofensivas, ata que se asentou na defensa, e sendo aínda xuvenil subiu ao primeiro equipo.[7]
Con este club gañou en tres ocasións a liga marroquí (nas tempadas 1989/90, 1990/91 e 1992/93), títulos aos que sumou unha Copa do Trono, unha Copa Afroasiática, unha Copa de Campións de Clubs Árabes e unha Supercopa Árabe.
En 1992 conquistou o seu título máis importante co Widad, a Liga de Campións da CAF. O equipo acadou a final despois de eliminar sucesivamente ao Real Bamako de Malí, ao Julius Berger de Nixeria, ao Nkana de Zambia e ao Mimosas de Costa do Marfil. Na final enfrontouse ao Al Hilal do Sudán, ao que derrotou por 2-0 na ida no estadio Mohamed V, vantaxe que conseguiu manter na volta en Omdourman cun empate sen goles para erguer así o primeiro título continental da historia do club. Naybet era un centrais titulares daquel equipo, xunto a Fadel Jilal.
Cannes
[editar | editar a fonte]As súas boas actuacións permitiron o seu paso ao fútbol europeo, e para a tempada 1993/94, tras un achegamento do Cannes, acabou finalmente fichando polo Nantes, onde ocupou o oco na defensa deixado polo croata Zoran Vulić. Realizou unha impresionante campaña no fútbol francés, sendo elixido por L'Equipe como un dos dez mellores xogadores da Division 1.[7][8] Disputou 34 partidos de liga (todos como titular agás un), aos que sumou 5 na Copa de Francia e 2 na Copa da UEFA, na que o seu equipo caeu eliminado en primeira rolda ante o Valencia despois dunha prórroga.[9]
Sporting de Portugal
[editar | editar a fonte]Ao ano seguinte foi traspasado ao Sporting de Lisboa no que xogou dúas tempadas. Titular indiscutible ás ordes de Carlos Queiroz, formou xunto a Marco Aurélio unha das mellores parellas de centrais da historia do club.[10] O equipo lisboeta, no que coincidiu entre outros con xogadores como Luís Figo, Oceano, Peixe, Sá Pinto, Amunike, Balakov e Yordanov, pechou a tempada 1994/95 con só 21 goles encaixados e co subcampionato da Primeira Divisão, só por detrás do Porto de Bobby Robson. Esa mesma tempada o club conseguiu poñer fin a unha xeira de 13 anos sen titulos, ao gañar a Copa de Portugal derrotando ao Marítimo nunha final celebrada no Estadio Nacional de Oeiras e na que Naybet xogou os 90 minutos.[11]
Comezou a tempada 1995/96 disputando a Supercopa de Portugal contra o Porto, rematando o paritdo de ida no José Alvalade cun empate a cero. Na volta no estadio das Antas, Naybet marcou na primeira parte o primeiro gol do seu equipo, mentres que na segunda un derrubamento seu a Domingos provocou que o árbitro expulsase erroneamente ao gardameta Paulo Costinha, tendo que ocupar a portería o centrocampista Oceano.[12] O encontro rematou con empate a dous goles, polo que se concertou un terceiro partido de desempate, que se disputou case un ano despois, en maio de 1996 no Parque dos Príncipes de París, saíndo vencedor o Sporting por 3-0.[13] O conxunto de Naybet acadou tamén a final da Copa 1995/96, pero caeu ante o Benfica por 3-1.[14]
Deportivo da Coruña
[editar | editar a fonte]O seu gran rendemento co equipo portugués fixo que se fixase nel o Deportivo da Coruña, que pechou a súa contratación a finais de maio de 1996, pagando polo seu traspaso uns 250 millóns de pesetas, naquela época a cifra máis alta desembolsada por un futbolista marroquí na historia.[15] Converteuse ademais no primeiro xogador marroquí da historia do club galego. Asinou o seu contrato por catro tempadas o 4 de xuño e aínda que a súa fichaxe se viu eclipsada por outros grandes nomes que chegaron ese verán á Coruña como Rivaldo, Songo'o, Corentin Martins ou Flávio Conceição, Naybet axiña amosou as súas habilidades.[16] Debutou nun partido amigable ante o Racing Vilalbés e dúas semanas despois, na disputa da 51ª edición do Trofeo Teresa Herrera, marcou de tacón fronte ao Ajax o seu primeiro gol coa camiseta do Deportivo [17][18]
O seu debut oficial co equipo adestrado por Toshack produciuse na primeira xornada de liga, ante o Real Madrid en Riazor, partido no que xogou dende o inicio e que acabou en empate a un gol. Formou xunto a Đukić e Paco Jémez o núcleo da defensa ao longo da tempada e xogou como titular todos os partidos que disputou o club, agás os que perdeu por sanción ou por ir convocado coa selección nacional. Pechou a súa primeira campaña co club galego cun total de 38 partidos e como o terceiro xogador de campo do equipo con máis minutos (3343), só por detrás de Rivaldo e Armando.[19] O 15 de marzo de 1997 marcou o seu primeiro gol oficial como deportivista, facendo o único tanto no partido da xornada 29 contra o Espanyol en Sarrià. As súas boas actuacións contribuíron a que equipo coruñés fose o menos goleado da categoría, con só 30 goles encaixados.
Nas seguintes dúas campañas consolidouse como o xefe da defensa branquiazul e sumou cinco goles máis, ao tempo que o seu temperamento lle valía numerosos cartóns amarelos e vermellos e algún enfrontamento co técnico Javier Irureta.[20] Ao remate da tempada 1998/99 estivo preto de fichar polo Real Madrid, cuxo banco ocupaba o exdeportivista Toshack, e chegou a despedirse da afección deportivista en rolda de prensa.[21] A súa vontade de fichar polo club branco fixo que recibise asubíos por parte da afección de Riazor na pretempada.[22] Con todo, as altas esixencias económicas do presidente coruñés Lendoiro impediron un acordo coa directiva madrileña presidida por Lorenzo Sanz.[23]
Así, comezou a tempada 1999/00 saíndo como titular na primeira xornada ante o Alavés, pero quedou fóra das convocatorias das seguintes semanas, nas que viaxou a Inglaterra para negociar o seu pase ao Manchester United, acordo que se truncou nas últimas horas do mercado de fichaxes.[24] Este novo intento de saída molestou aínda máis a parte dos seareiros,[25] pero as súas boas actuacións trala súa volta valéronlle os aplausos do público de Riazor.[26] Asentado na titularidade xunto a Donato, en febreiro, tanto el como o seu compañeiro Salaheddine Bassir, ausentáronse para disputar coa súa selección a Copa de África. Ao seu regreso ocupou de novo o seu sitio nos onces iniciais e contribuíu ao histórico título de liga do club galego.
En agosto gañou tamén a Supercopa de España, superando ao Espanyol por un resultado global de 2-0. O 13 de setembro do ano 2000 debutou xunto ao club na Liga de Campións, enfrontándose ao Panathinaikos no Estadio Spyros Louis de Atenas. Despois de que o polaco Krzysztof Warzycha adiantase ao equipo grego na primeira parte, no segundo tempo Naybet recolleu un pase de chilena de Pandiani e introduciu o balón na portería de Antonios Nikopolidis, empatando o partido e dándolle ao Deportivo o primeiro punto da súa historia na máxima competición europea.[27] Disputou un total de 13 encontros nesa edición da Champions, todos de xeito íntegro, incluída a célebre remontada sobre o PSG,[28] ata caer nos cuartos de final diante do Leeds United. Sumou ademais 26 partidos na liga, acadando o subcampionato por detrás do Real Madrid.
Na seguinte campaña o equipo volveuse proclamar subcampión de liga e destacou de novo na Liga de Campións, clasificándose na primeira posición na primeira fase de grupos. A isto contribuíu o propio Naybet tanto de xeito defensivo como ofensivo, co seu gol a Fabien Barthez en Riazor co que o Deportivo culminou a súa remontada sobre o Manchester United na segunda xornada (2-1).[29] Na segunda fase de grupos foi un dos protagonistas da espectacular vitoria por 0-2 sobre o Arsenal no antigo Highbury, co seu gol ante Seaman, nun encontro considerado como un dos mellores partidos da historia do club.[30] A pesar do seu bo xogo, o club galego caeu nos cuartos de final ante o Manchester.[30]
Con todo, o maior éxito do club esa tempada chegou na Copa do Rei, na que o equipo foi eliminando rivais ata acadar a final por segunda vez na súa historia. Aínda que Naybet perdeu a maioría de partidos por estar concentrado coa súa selección, si puido disputar a final que o Deportivo conquistou ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu o día que o club branco cumpría 100 anos, e que pasou á historia co nome de Centenariazo.[31]
Na tempada 2002/03 gañou a súa segunda Supercopa de España, marcándolle ao Valencia un dos goles no partido de ida, e foi titular nas prestixiosas vitorias europeas contra o Bayern de Múnic, aínda que o equipo non foi quen de pasar da segunda fase de grupos. Mentres, na liga acabou na terceira posición. Comezou a súa oitava e derradeira campaña no Deportivo xogando como titular no centro da defensa xunto ao portugués Jorge Andrade, pero os seus números co seu club víronse reducidos por unha lesión nun pé e pola disputa da Copa de África entre xaneiro e febreiro de 2004.
Porén, saíu dende o once inicial en 13 dos 14 partidos do Deportivo na Liga de Campións 2003/04, incluídas as vitorias sobre PSV, Monaco e Juventus, así como a histórica goleada por 4-0 sobre o Milan de Ancelotti en RIazor, coa que o equipo de Irureta remontou o 4-1 da ida en San Siro.[32] Disputou tamén ámbolos dous partidos das semifinais contra o Porto de Mourinho, pero no encontro de volta en Riazor foi expulsado polo italiano Pierluigi Collina por dobre cartón amarelo tras senllas entradas sobre Derlei e Paulo Ferreira. Foi o seu 284º e derradeiro partido co Deportivo da Coruña, así como a súa oitava expulsión, coa que se colocou como o segundo xogador con máis cartóns vermellos da historia do club, empatando con José Luis Vara e a só un dos nove de Juan Moreno.[33] Ademais está amplamente considerado como o mellor defensa central na historia do club.[1][2]
Tottenham Hotspur
[editar | editar a fonte]En agosto de 2004 foi traspasado ao Tottenham Hotspur inglés, que pagou pola súa fichaxe arredor dun millón de euros, e converteuse no primeiro futbolista marroquí na historia do club.[34] Debutou na Premier League o 14 de agosto nun partido ante o Liverpool de Rafa Benítez en White Hart Lane e foi titular nas 17 primeiras xornadas de liga, formando dupla de centrais xunto a Ledley King e aumentando notablemente o nivel defensivo do equipo.[35] O 13 de novembro marcou fronte ao máximo rival histórico do club, o Arsenal, no chamado derbi do Norte de Londres, nun intenso partido que rematou en derrota dos Spurs por 4-5.[36] Foi o seu primeiro e último gol coa camiseta do Tottenham, así como o único gol ata a data dun xogador marroquí na historia do club.[36]
Con todo, a súa participación reduciuse drasticamente trala chegada ao banco do neerlandés Martin Jol, que apenas lle deu oportunidades na segunda metade da tempada, así como na seguinte campaña, na que xogou só catro encontros. Ao remate da tempada 2005/06 colgou as botas, despois de 35 partidos co club londiniense.[37]
Selección nacional
[editar | editar a fonte]Naybet foi internacional coa selección de Marrocos en 115 ocasións entre 1990 e 2006, sendo o xogador marroquí con máis partidos internacionais da historia. O seu debut produciuse o 9 de agosto de 1990, da man do seleccionador Werner Olk, nun empate sen goles ante Tunisia no Estadio Olímpico de Radès.
En xaneiro de 1992 disputou a súa primeira Copa África, sen poder pasar da primeira fase, ao acabar na terceira e última posición do seu grupo, por detrás do Camerún e Zaire.[38] Uns meses despois participou nos Xogos Olímpicos de Barcelona, e foi autor dun dos dous únicos goles do seu equipo (ante Paraguai no estadio Luis Casanova), que volveu rematar na derradeira posición do seu grupo.
En 1994 foi convocado por Abdellah Blinda para a Copa do Mundo que se levou a cabo nos Estados Unidos. Debutou na máxima competición mundial saíndo como titular no partido da primeira xornada ante Bélxica no Citrus Bowl de Orlando, formando no centro da defensa xunto a Smahi Triki, pero non puido evitar a derrota do seu equipo por 1-0, con gol de Marc Degryse.[39] Xogou de inicio tamén o seguinte encontro, outra derrota ante Arabia Saudita no Giants Stadium, mentres que non puido disputar o partido da terceira xornada, ao recibir dous cartóns amarelos nos dous primeiros encontros. O seu equipo rematou último no Grupo F, tras non conseguir ningún punto. O 23 de marzo de 1995 marcou o seu primeiro gol internacional, nun partido amigable contra Malí no estadio de Marrakesh.[40]
Acudiu á Copa África de 1998 xa como capitán do combinado marroquí e conseguiu por primeira vez a clasificación a unha fase eliminatoria, ao acadar a primeira fase do seu grupo tras empatar contra Zambia e derrotar a Mozambique e Exipto. Xa nos cuartos de final, o equipo adestrado por Henri Michel perdeu por 1-2 contra Suráfrica en Uagadugú, tras recibir senllos goles de Benni McCarthy e David Nyathi.[41] Foi seleccionado por Michel tamén para o Mundial de 1998, onde capitaneou un equipo no que xogaban tamén dous compañeiros seus no Deportivo da Coruña: Mustapha Hadji e Salaheddine Bassir. Naybet foi titular nos tres partidos de Marrocos: un empate 2-2 ante Noruega en Montpellier, unha derrota por 3-0 ante o Brasil en Nantes e a segunda vitoria marroquí nunha Copa do Mundo, un 0-3 sobre Escocia no Stade Geoffroy-Guichard de Saint-Étienne.[42] Con todo, foi insuficiente para pasar á seguinte rolda.
Nas seguintes dúas Copas África (2000 e 2002) o Marrocos de Naybet non conseguiu pasar da primeira fase e non foi ata a edición de 2004 cando conseguiu o primeiro posto do seu grupo e a consecuente clasificación para os cuartos de final.[43] Despois de eliminar a Alxeria e Malí, os marroquís acadaron a segunda final continental da súa historia. Esta disputouse no estadio 7 de novembro de Radès ante Tunisia, con Naybet xogando no centro do campo con Abdelkarim Kissi, e a vitoria foi para o equipo local por 2-1.[43]
En 2006 disputou a súa sexta e última edición da Copa de África de Nacións, na que o seu equipo caeu eliminado na primeira fase. O último encontro de Marrocos nese torneo, un empate sen goles ante Libia no estadio da Academia Militar do Cairo o 28 de xaneiro, marcou a fin da súa carreira internacional, despois de 115 partidos e 4 goles. É o futbolista con máis partidos da historia de Marrocos, despois de ter superado amplamente os 94 encontros internacionais de Ahmed Faras.[44]
Trala retirada
[editar | editar a fonte]Despois da súa retirada colaborou con inversores galegos en Marrocos, como a desaparecida Fadesa.[37] En 2007 traballou como axudante do seleccionador Henri Michel na selección de Marrocos e máis tarde pasou a ser conselleiro da Federación Marroquí e posteriormente membro da dirección deportiva.[45] En 2024 converteuse, xunto a Andrés Iniesta e Cristiano Ronaldo, en embaixador da candidatura conxunta de Marrocos, España e Portugal ao Mundial de 2030.[46]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou en 2006 coa marroquí Hanane, coa que pouco despois foi pai dun fillo, Yassin.[37]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Widad
- Liga marroquí (3): 1989/90, 1990/91, 1992/93.
- Copa do Trono (1): 1989.
- Liga de Campións da CAF (1): 1992.
- Copa Afroasiática (1): 1993.
- Copa de Campións de Clubs Árabes (1): 1989.
- Supercopa Árabe (1): 1992.
- Sporting
- Copa de Portugal (1): 2004/05.
- Supercopa de Portugal (1): 2005.
- Deportivo
- Primeira División (1): 1999/00.
- Copa do Rei (1): 2001/02.
- Supercopa de España (2): 2000, 2002.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Los mejores defensas centrales de la historia del Deportivo" (en castelán). 9 de xuño de 2025. Consultado o 20 de xuño de 2025.
- ↑ 2,0 2,1 Novo, Lois (30 de xaneiro de 2021). "Los mejores defensas centrales de la historia del Deportivo". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2025.
- ↑ "IFFHS MEN’S ALL TIME MOROCCO DREAM TEAM". IFFHS (en inglés). Consultado o 20 de maio de 2025.
- ↑ "IFFHS AFRICA'S MEN TEAM OF THE XXth CENTURY (1901-2000)". IFFHS (en inglés). Consultado o 20 de maio de 2025.
- ↑ "Noureddine Naybet: “Le foot, c’est fini !”" (en francés). 9 de xuño de 2007. Consultado o 15 de maio de 2025.
- ↑ "Noureddine Naybet, le football jusqu'au bout" (en francés). 9 de xaneiro de 2009. Consultado o 15 de maio de 2025.
- ↑ 7,0 7,1 Saccomano 1998, p. 18.
- ↑ "Naybet: aquí están mis galones". Panenka (en castelán). 27 de maio de 2020. Consultado o 19 de maio de 2025.
- ↑ "Valencia 3-1 Nantes". UEFA (en castelán). Consultado o 17 de maio de 2025.
- ↑ "Estrelas do passado: Naybet" (en portugués). 10 de febreiro de 2009. Consultado o 18 de maio de 2025.
- ↑ Pereira, Sergio (16 de maio de 2012). "Taça: o dia em que Iordanov foi herói... e falhou a festa" (en portugués). Consultado o 18 de maio de 2025.
- ↑ "Costinha: “O Robson foi despedido e chorou quando nos viu a sair do autocarro, em Alvalade. Disse: 'Ali vão os meus meninos'”" (en portugués). 24 de outubro de 2020. Consultado o 18 de maio de 2025.
- ↑ "Neste dia… em 1996, o Sporting conquista a sua 3ª Supertaça de futebol, ao derrotar o FC Porto por 3-0 em Paris" (en portugués). 30 de abril de 2020. Consultado o 18 de maio de 2025.
- ↑ "Benfica conquistou Taça de Portugal diante do Sporting em 1996: "Festa sem glória"" (en portugués). 24 de abril de 2025. Consultado o 18 de maio de 2025.
- ↑ "Lendoiro ata a Naybet". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de maio de 1996. p. 51.
- ↑ Santos Durán, Laura (13 de xullo de 2016). "Naybet, 20 años del fichaje blanquiazul" (en castelán). Consultado o 18 de maio de 2025.
- ↑ "5-0: El Deportivo cumple el trámite bajo un aguacero". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de xullo de 1996. p. 51.
- ↑ "El Dépor empieza a gustar". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de agosto de 1996. p. 47.
- ↑ "Estatísticas 1995/96". BDFutbol (en castelán). Consultado o 18 de maio de 2025.
- ↑ "Pulso de Naybet a Irureta". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de novembro de 1998. p. 55.
- ↑ "Naybet precipita su adiós". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xullo de 1999. p. 63.
- ↑ "Pauleta marcó el primer gol y el público silbó a Naybet". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de agosto de 1999. p. 29.
- ↑ "«Naybet está en manos de Sanz», afirma su agente". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de abril de 1999. p. 55.
- ↑ "Nourredine Naybet tampoco fichará por el Manchester". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de setembro de 1999. p. 43.
- ↑ "Las peñas no perdonan que Naybet negociara con otros". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de setembro de 1999. p. 47.
- ↑ "La afición, con el equipo". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de outubro de 1999. p. 57.
- ↑ "Un gol de Naybet da al Dépor su primer punto en la «Champions»". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de setembro de 2000. Consultado o 31 de outubro de 2021.
- ↑ "15 años de una remontada histórica" (en castelán). 7 de marzo de 2016. Consultado o 19 de maio de 2025.
- ↑ "Riazor vive unha nova noite histórica". 26 de setembro de 2001. Consultado o 18 de maio de 2025.
- ↑ 30,0 30,1 Bouzas, Fabián (12 de marzo de 2018). "La obra magna que silenció Highbury". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 18 de maio de 2025.
- ↑ Zárate, Óscar (7 de marzo de 2002). "La crónica". Mundo Deportivo (en castelán). p. 2. Consultado o 19 de maio de 2025.
- ↑ Gil, Jordi (9 de marzo de 2021). "La histórica remontada del Depor ante el Milan como referente" (en castelán). Consultado o 19 de maio de 2025.
- ↑ "Llistat de jugadors del Deportivo de La Coruña". BDFutbol (en catalán). Consultado o 19 de maio de 2025.
- ↑ "Naybet abandona A Coruña y ficha por el Tottenham". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de agosto de 2004. Consultado o 19 de maio de 2025.
- ↑ Wenham, John; Rose, Lilywhite (16 de febreiro de 2023). "Who is Spurs' ultimate cult hero?". BBC (en inglés). Consultado o 20 de maio de 2025.
- ↑ 36,0 36,1 "Flashback: Arsenal’s 5-4 Defeat of Spurs 20 Years Ago" (en inglés). 20 de novembro de 2024. Consultado o 20 de maio de 2025.
- ↑ 37,0 37,1 37,2 "«Sólo lamento que mi hijo no me viese jugar en el Deportivo»". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de febreiro de 2007. p. 33. Consultado o 20 de maio de 2025.
- ↑ "African Nations Cup 1992". rsssf.org (en inglés). Consultado o 20 de maio de 2025.
- ↑ "Belgium vs Morocco". FIFA (en inglés). Consultado o 20 de maio de 2025.
- ↑ "Marrocos - Malí 1995". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 20 de maio de 2025.
- ↑ "African Nations Cup 1998". rsssf.org (en inglés). Consultado o 20 de maio de 2025.
- ↑ "Scotland v Morocco". FIFA (en inglés). Consultado o 20 de maio de 2025.
- ↑ 43,0 43,1 "African Nations Cup 2004". rsssf.org (en inglés). Consultado o 20 de maio de 2025.
- ↑ "Morocco - Record International Players". rsssf.org (en inglés). Consultado o 20 de maio de 2025.
- ↑ De la Cruz, Luis (14 de decembro de 2022). "Qué fue de Naybet, el marroquí con más internacionalidades que triunfó en el Depor". As (en castelán). Consultado o 20 de maio de 2025.
- ↑ "Cristiano, Iniesta y Naybet encabezan embajadores de la candidatura del Mundial 2030" (en castelán). 19 de marzo de 2024. Consultado o 20 de maio de 2025.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Saccomano, Eugène (1998). Les stars de la coupe du monde 98 (en francés) (1 ed.). ISBN 978-2-86391-845-6.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Nados en 1970
- Nados en Casablanca
- Futbolistas de Marrocos
- Futbolistas olímpicos de Marrocos
- Defensas de fútbol
- Xogadores do Wydad de Casablanca
- Xogadores do FC Nantes
- Xogadores do Sporting Clube de Portugal
- Xogadores do Deportivo da Coruña
- Xogadores do Tottenham Hotspur FC
- Xogadores da selección de fútbol de Marrocos
- Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1992
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1994
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1998